O proxecto Mar de Lira transforma a pesca tradicional da Costa da Morte nun recurso educativo e turístico

Novas rutas para a pesca

O Prestige non fixo máis do que confirmar a evidencia. A pesca artesanal da Costa da Morte corre perigo de desaparecer. Buscando alternativas para que este sector continúe vivo e con el todo un xeito de vida, a confraría de pescadores de Lira puxo en marcha o proxecto Mar de Lira. A idea é aproveitar o xeito tradicional de traballo coma un atractivo turístico e un recurso educativo que dignifique o traballo do mar. A partir desta idea naceu unha rede internacional de comunidades pesqueiras artesás e barállase a creación dunha zona protexida nesta ría.

"O proxecto Mar de Lira naceu ante a inquedanza da propia confraría ante a situación que se está a vivir", explica Emilio Louro, director do proxecto. "A xente nova non aposta pola incorporación á pesca e marcha á emigración, non hai relevo xeracional", lembra. Conscientes desta situación, os mariñeiros comezaron a buscar posibilidades para achegarlle á súa actividade un novo valor xa non só económico senón a nivel social, mellorando a percepción deste oficio coma unha actividade tan digna coma outra calquera. Na posta en marcha desta proposta conseguiuse a colaboración da práctica totalidade do sector do mar de Lira. "A confraría é un ente que engloba a todos os pescadores de Lira, e contouse coa participación de todos, sinala Louro, "mesmo dos xubilados". "Con nós traballan mariñeiros, asociacións culturais, a Xunta e a Deputación e o proxecto Singra da Cruz Vermella e Inditex", explica Isabel Lago, que canda a Xoán Caamaño leva a coordinación do proxecto. Mar de Lira traballa en frontes coma a educación, o turismo, a ecoloxía e a posta en valor dos produtos do mar, sempre na busca de dignificar o traballo dos mariñeiros e garantir a súa viabilidade.

Botar o anzol na casa
Iscar é o nome do programa educativo para escolares da zona da Costa da Morte que se creou ao abeiro de Mar de Lira. Esta proposta achegou ata o porto a todos os nenos desde educación infantil ata sexto de primeira dos centros escolares de Carnota e do Pindo, coa intención de dar a coñecer entre os máis novos a dignidade do oficio da pesca, na busca dun relevo para esta actividade no futuro, ao tempo que se aproveita este contorno para exemplificar contidos do programa educativo. "Levamos algunha sorpresa, xa que aínda que están bastante familiarizados co mar, non o coñecen tanto como agardábamos", explica Isabel Lago. "Deseñamos actividades máis achegadas e específicas que para rapaces de fóra, explicámoslles os tipos de embarcación ou o ecosistema dunha poza. Cada ano mudan algo os contidos na primeira edición enfocámolos máis cara aos oficios do mar". Cuns contidos máis xenéricos, o proxecto achega a escolares de toda Galicia o coñecemento do porto, dos naufraxios, do xeito de pescar, do medio ambiente da zona e mesmo da enerxía relacionada coa pesca mediante rutas temáticas.

Participación dos traballadores
En todos os programa mariñeiros xubilados e en activo participan achegando os seus coñecementos. "Por exemplo na Ruta dos Naufraxios un xubilado que foi buzo explica como era o seu traballo nos pecios e os naufraxios que había. Outro que traballou con nós este anos explicáballe aos nenos o que eran as crebas", sinala Lago. "Logo calquera mariñeiro achéganos a súa experiencia. Algúns son fixos e outros colaboran dependendo de quen estea no porto ese día. Se encontramos ouriceiros ou percebeiros explícannos como traballan". En xeral, todos os mariñeiros colaboran con esta actividade. "Están moi interesados no proxecto e gústalles que se tome partido pola conservación da súa actividade. Isto supón unha mellora sobre todo na consideración social da pesca", lembra Lago. "Queremos que isto sirva como reclamo e sensibilización para que os produtos deste traballo sexan máis valorados". En total, ao longo do pasado curso participaron nestas actividades un total de mil catrocentos estudantes.

Turismo
Alén das posibilidades educativas do contorno e do traballo pesqueiro artesanal, Mar de Lira aproveita os atractivos desta actividade cada vez máis exótica e do contorno natural da vila como recurso turístico. Cunhas rutas temáticas coma as organizadas para escolares, con guía ou sen el, o programa Andar ao Mar achega ao público xeral o coñecemento da zona, incluíndo a visita á exposición permanente de elementos etnográficos na Caseta de Pepe do Cuco. Nesta mostra pódense ver diferentes aparellos empregados na pesca e nos oficios anexos, alén de coñecer a evolución do porto de Lira. Aínda como complemento, o proxecto contempla a posibilidade de participar na xornada de traballo dun pescador, embarcándose e coñecendo de primeira man o traballo destes profesionais. A actividade comezou en xullo de 2004, e nos dous meses en que se desenvolveu contou con visitantes de practicamente todo o estado e aínda de Italia, Bélxica ou Alemaña. Para este ano está prevista unha ampliación do período de actividade, co apoio total dos mariñeiros implicados.

Economía, ecoloxía
Pola banda económica, "a nosa política incide en mellorar a comercialización dos produtos, para conseguir máis valor engadido", explica Emilio Louro. É dicir, que os productos do mar sexan máis valorados, tamén economicamente, como resultado dun labor artesán. Relacionado con isto e coa conservación de recursos, a propia confraría, nunha iniciativa pioneira, acaba de propor o establecemento dunha Reserva Mariña de Interese Pesqueiro nunha das áreas máis produtivas da ría. Esta proposta suporá, de ser aprobada pola Xunta, a creación dunha zona na que a actividade pesqueira quedará restrinxida, permitindo a longo prazo unha rexeneración dos recursos. Colectivos coma a Federación Ecoloxista Galega e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia acolleron moi positivamente a idea, lembrando que este tipo de reservas producen polo xeral un incremento dos recursos nos espazos limítrofes á zona vedada. "A reserva considerámola fundamental", explica Louro, queremos levar unha xestión moito máis controlada e eficaz dos recursos".

Internacionalización do mar
Non contentos con loitar por modificar a situación no Mar de Lira, a confraría impulsou a creación dunha Rede de Comunidades Pesqueiras Artesanais polo Desenvolvemento Sostíble (RECOPADES) que unise os intereses de colectivos deste tipo en todo o mundo. Este orixinal proxecto, que saía á luz o pasado mes de novembro, acolle, alén da confraría galega, as comunidades pesqueiras de Laguna de Rocha (Uruguay), El Hierro (Canarias) e Porto Madryn (Patagonia). Todas estas comunidades defenden a pesca artesanal "coma única actividade que permite empregar sustentablemente os recursos renovábles acuáticos e redistribuír de xeito máis equitativo os seus beneficios", segundo recolle o manifesto fundacional deste colectivo. "Aínda que para creala pensamos que era máis operativo comezar con poucos colectivos, xa hai máis xente interesada en facer parte da mesma", polo que é de agardar que a rede continúe medrando.

Resultados e proxectos
"O cambio non se nota da noite para a mañá, pero hai unha maior preocupación pola pesca", sinala o director do proxecto. "Hai moito colexios que chaman polas actividades que estamos desenvolvendo, touroperadores que queren incluír no seus produtos Lira. En Carnota hai xa unha casa de turismo rural e hai pouco abriu un complexo en San Cibrán, unha aldea pequena próxima. "Queremos traballar con eles e relacionar o turismo mariñeiro co rural", sinala Louro. Tamén a coordinadora do proxecto fai unha lectura positiva da evolución do mesmo. "O ano pasado foi moi bo no tema dos escolares, agardamos que o turismo mariñeiro se afiance este ano". Entre as propostas máis inmediatas está consolidar o proxecto, ampliándoo a novos centros de ensino mentres se traballa nunha exposición de fotografía antiga relacionada coa pesca. No ano que comeza, Mar de Lira vai presentar a súa proposta por todo o país. "Estamos a enviar cartas aos colexios todos e imos facer presentacións nas distintas provincias", lembra a coordinadora do proxecto. "Imos estar na Aula Sociocultural de Caixa Galicia de Vigo o vinte e un de xaneiro e no castelo de Santa Cruz de Oleiros o vindeiro vinte e oito", nos dous casos ás sete da tarde. A pesca artesanal vai collendo, cando menos en Lira, novas rutas.