O Museo Pedagóxico de Galicia ponse en marcha coa intención de recoller a Historia da Educación no país

Aprender da educación pasada

Aínda que hai elementos que permanecen inmutables, como son os pupitres ou o taboleiro, o aspecto das aulas mudou moito no tempo. E aínda máis se modificaron cos anos os xeitos de dar clase, desde "a letra con sangue entra" até as últimas tendencias a aplicar a tecnoloxía ao ensino e a busca dunha educación global. O Museo Pedagóxico de Galicia recolle a evolución deste campo no noso país.

A idea de facer un museo sobre todo o relacionado coa pedagoxía no noso país naceu xa aló polo 1926. Lamentabelmente, non foi posíbel desde aquela, e houbo que agardar até o ano 2000 para que un decreto da Xunta ordenase a creación do Museo Pedagóxico de Galicia(Mupega), que se inaugurou aínda en outubro de 2004, coincidindo co comezo dun novo curso escolar. O Mupega naceu como algo máis que lugar no que se expoñen elementos relacionados con este campo. No seu proxecto está ser un centro documental de referencia para todo o relacionado coa educación en Galicia, principalmente no que se refire á historia do ensino, e producir recursos que poidan se empregados tamén polos docentes de hoxe. Xosé Lois Moar, asesor técnico do centro, sinala que o obxectivo é "que o museo non se limite só a lembrar épocas pasadas, senón que sexa un museo vivo no que entren todas as actividades, Para iso queremos contar co profesorado".

Recollida material
Deste xeito, entre os obxectivos do museo está a edición crítica de obras históricas da educación en Galicia e a creación dun repertorio da produción biblio-hemerográfica sobre a educación. Os xoguetes, o material físico empregado para a educación e o xeito en que se representou a escola e a infancia no noso país ao longo do tempo son algúns dos outros temas que teñen cabida neste espazo. Moar explica que a colleita de material para constituír o Mupega comezou xa no ano 2001. "En cada provincia había un grupo de colaboradores que recorrían as escolas, sobre todo as rurais" para recoller material. Alén diso, o museo organiza desde hai tres anos un certame no que premia aqueles centros no que os alumnos realicen unha máis interesante recollida de material relacionado coa Historia da Educación en Galicia, e desde o museo organizouse unha ampla campaña na busca de doazóns de particulares e de colectivos que tivesen pezas relacionadas con este campo. Na actualidade o centro conta con máis de trinta e oito mil pezas, aínda que só unha parte de todo este patrimonio se expón na sede central.

Recollida inmaterial
No mesmo sentido, o equipo que se encargou de organizar a colección do centro preocupouse tamén de recoller entrevistas a destacados mestres xubilados, recuperando e organizando deste xeito un importante patrimonio inmaterial sobre a historia recente da educación. "Agora mesmo hai catorce entrevistas organizadas na serie 'Educadores galegos. Historias de vida profesional", explica Moar. "Temos arquivada a totalidade da entrevista e logo proxectamos unha versión duns vinte minutos no propio centro. Estamos moi satisfeitos deste traballo porque nos dá moitísima información destes períodos".




Centro de centros
Para alén de todo o que se pode encontrar na sede do museo en Compostela, o Mupega funciona tamén coma a cabeza dunha rede de pequenos museos que se encontran distribuídos por todo o país. Trátase de coleccións específicas de material pedagóxico de diversa índole que distintos centros de ensino foron recollendo ao longo da súa historia e que tiñan expostas nas súas propias instalacións. Coa creación desta rede unifícase o sistema de catalogación das pezas de todas estas coleccións, incluíndoas nunha única base de datos que estará ao dispor de todos os interesados. Alén diso, créanse en cada centros equipos para xestionar estes fondos e está en marcha un sistema de intercambio de exposicións que difundan ao máximo estes contidos e que os acheguen á sede central do museo. "O Mupega potencia esta colaboración, axuda a coidalas ao máximo e a axeitar os locais en canto a condicións de conservación. Os contidos que predominan nestas mostras son o material de laboratorios de Física e de Química, que son os máis vistosos", sinala Moar.

Itinerancia anos 50
O intercambio das mostras da rede non é o único xeito en que o Mupega se achega xeograficamente ao público. O museo ten en marcha o Espazo Mupega, que consiste na reprodución exacta dunha aula prototípica dos anos cincuenta. A mostra "andou xa polas cidades máis importantes de Galicia e un bo número de vilas máis pequenas", explica Moar. "O que pensamos cando se fixo este espazo era que servise para sensibilizar a xente de que había moito material que estaba a desaparecer e gardado en malas condicións". O espazo Mupega recolle desde o material educativo ata reproducións de mobles da época, incluíndo o sistema eléctrico da aula ou a pintura en mal estado polos poucos recursos de que dispuñan as escolas daquela, todo reconstruído por unha empresa de decoración cinematográfica, na busca do maior realismo posíbel.

Actualidade e proxectos
"O proxecto estrela polo de agora é pór en marcha o museo. Inaugurámolo e ese foi o primeiro paso, en realidade o centro faise a partir de agora", destaca Moar. Polo momento poden verse no edificio boa parte dos fondos que compoñen a exposición permanente do centro alén dunha mostra sobre os audiovisuais na escola. "A mostra recolle desde os visuais e as láminas ata os primeiros proxectores fixos, proxectores de transparencias ou equipos de proxección dinámica coma o cine en 16mm que chegaron aos colexios". Radios, xiradiscos e outros aparellos que ao longo da historia fixeron parte do ensino en diferentes escolas galegas están tamén expostos no centro. "A estrela da exposición é un proxector de cine de 35mm, profesional, que se recolleu en Mugardos", asegura o técnico. A esta mostra han seguir aínda moitas outras, e novas iniciativas que polo de agora existen só como proxecto, sempre coa intención de axudarnos a aprender tamén da educación pasada.