O Museo das Peregrinacións e o pazo Quiñones de León fan anos esta semana

Museos que fan historia

Ademais de recoller a Historia, os museos tamén son parte dela e fan anos. Nesta ocasión é o Museo das Peregrinacións de Compostela o que celebra o seu cincuenta aniversario mentres se cumpren setenta e seis anos da cesión ó Concello de Vigo do Pazo Quiñones de León, que alberga actualmente o museo da cidade.



50 anos de Peregrinacións




Unha mostra cos fondos adquiridos desde 1996 ata este ano será o xeito en que o Museo das Peregrinacións de Compostela celebrará os cincuenta anos da súa fundación. Esta exposición inclúe pezas que van desde a escultura á numismática, azibechería, os manunscritos ou as artes decorativas, todas elas relacionadas coas peregrinacións.

O museo abriu as súas portas en 1951 na Casa Gótica logo da adquisición do edificio polo Concello de Compostela. Desde entón mantivo unha actividade intermitente, e en 1963 pasou a depender da Dirección Xeral de Belas Artes, sen que se chegase a organizar unha programación continuada de mostras.

En 1996 pasou a dpender da Xunta de Galciia e comezou a desenvolver unha actividade máis continuada, con abondosas exposicións. O museo consta de oito salas que amosan a orixe do culto ó Apóstolo, o inicio da peregrinación a Compostela, a conformación da ruta e as diferentes rutas, a iconografía sobre o apóstolo e a influencia das peregrinacións no desenvolvemento social e económico da cidade.







Setenta e seis anos de pazo




Onte fixéronse setenta e seis anos desde que o marqués de Alcedo ó Concello de Vigo o Pazo Quiñones de León para que albergase o museo da cidade. Como compensación, a cidade deu o seu apoio á petición do título de Grande de España ó que aspiraba o marqués.

O acordo asinouse o doce decembro de 1925 en París, onde residía o marqués, pero o Concello non adquiriu a titularidade do pazo ata 1931, cando o abandonou a nora do marqués que tiña dereito de usufructo sobre o edificio. A marquesa retirouse só logo de recibir 125.000 pesetas da época e levou todo o mobiliario agás unha lámpada de cristal de Bohemia que tivo que mercarlle o Concello.
O museo abriu as súas portas como tal en 1937. Desde entón sufriu varias obras de remodelación e de ampliación, e durante os anos sesenta adquiriu especial relevancia a sección de arqueoloxía e se catalogaron os fondos pictóricos, entre os que destaca o legado de Policarpo Sanz.
Na actualidade, ademais de desenvolver a súa función coma museo da cidade e de albergar diferentes mostras temporais, o pazo é escenario habitual de recepcións e actos protocolarios do Concello.