Un grupo de mozos desenvolve sen ningún tipo de apoio un xogo de estratexia no noso idioma

Glest: Guerras en galego

Facer xogos para computador pasa por ser un proceso en xeral caro e especializado, que precisa de anos de desenvolvemento e que fica, en xeral, moi lonxe das posibilidades dos afeccionados e das empresas pequenas. No entanto, un grupo de mozos galegos están a amosar como se pode facer un videoxogo de calidade con moi poucos recursos. "Glest" é o nome do seu proxecto, e está dispoñíble para todo o mundo a través da rede.

Nos últimos anos os ordenadores de medio mundo están a se inzar de xogos de estratexia de espectaculares gráficos nos que o usuario se converte nun xeneral que domina e organiza as súas tropas e recursos para vencer o adversario. Polo xeral, estes programas son auténticas superproducións, creadas e publicitadas polas multinacionais da industria con grande investimentos e amplos equipos detrás. No entanto, existen propostas alternativas e moi dignas. É o caso do xogo "Glest", o primeiro deste tipo en tres dimensións feito en Galicia, que oferta a opción de xogar no noso idioma e que se pode descargar de xeito gratuíto a través da rede. Os seus desenvolvedores comezaron con isto coma unha afección e agora teñen entre mans un sistema completo de xogo.

Un equipo virtual
"Empecei eu programando o proxecto co simple obxectivo de aprender no campo da programación e dos gráficos 3D, hai uns catro anos. Despois o proxecto foi medrando coa incorporación do resto dos compoñentes do equipo", explica Martiño Figueroa, enxeñeiro informático recen licenciado. Ese resto de compoñentes foron finalmente José Luís González, que se encargou de compor e programar a música, Tucho Fernández autor de boa parte dos gráficos 3D, José Zanni, que desenvolveu o web do grupo e aqueles gráficos en dúas dimensión, e finalmente Marcos Caruncho, que achegou os modelos de edificios e algúns outros gráficos. Curiosamente, o equipo contactou e organizouse a través de Internet, sen se coñeceren previamente e respondendo ás necesidades que tiña o proxecto. Todos eles xente nova que está a acabar os seus estudos ou que os acaban de finalizar.

Proxecto peculiar
Programas de creación gráfica en 3D balde desenvolvidos en código aberto e moito traballo foron as chaves que permitiron o desenvolvemento deste proxecto, que os seus autores puxeron en marcha sen contar con ningún tipo de subsidio. Por se non tivese mérito abondo o desenvolvemento dun xogo deste tipo nestas condicións, "Glest" achega alén diso unha novidade no campo e é que permite que o propio xogador personalice toda unha serie de factores do xogo. Definir novos movementos de cámara, crear novos tipos de exércitos e de personaxes, definir contornos e mapas de xogo diferentes dos orixinais e mesmo traballar na mellora dos gráficos ou do aspecto que teñen a chuvia, a neve ou os feitizos son só algunhas das posibilidades que achega o xogo. A versión que está actualmente dispoñíble na rede, a 1.0.9, inclúe catro mapas de xogo e dous tipos de exército, un de meigos e outro de soldados.

Distribución e recoñecemento
Aínda que non descartan unha posíble comercialización do produto, polo de agora manteñen a distribución gratuíta a través da rede, un sistema, que segundo explica Figueroa, está a lles funcionar ben. "O xogo é mais coñecido fóra da nosa terra que aquí, distribuíuse con varias revistas europeas, sobre todo en Alemaña, e a maioría dos visitantes á nosa páxina son alemáns ou norteamericanos". Alén de visitas e descargas (o foro do xogo, por exemplo, ten máis de douscentos usuarios rexistrados), o recoñecemento chegoulles este mesmo ano ao recibiren Premio de Creación de Videojuegos PlayStation ArtFutura. "Foi un premio inesperado e moi gratificante, alén diso de polo premio económico, como recompensa polo tempo e esforzo que lle dedicamos".

Futuro
"Os nosos obxectivos son ofrecer o xogo de maneira gratuíta para darnos a coñecer de cara a posíbeis traballos no sector", explica Martiño Figueroa. Aínda que o proxecto está aberto a novos retoques e seguirá actualizándose, "decidimos dar por acabado o substancial do desenvolvemento do xogo", explica Figueroa. "Aproveitando a experiencia e os materiais do mesmo, pensamos pornos a traballar nun novo proxecto, inspirado no mundo do "Glest" mais cun estilo de xogo totalmente diferente e orientado fundamentalmente ao multixogador". Un novo paso de cara a termos tamén videoxogos no noso idioma e feitos no país.