O conxunto histórico-artístico cambadés é declarado Ben de Interese Cultural

O interese de Cambados

O Consello da Xunta aprobou onte un decreto polo que declara Ben de Interse Cultural (BIC) na categoría de Conxunto Histórico, a vila de Cambados. Con este recoñecemento, a vila agarda desenvolver proxectos de recuperación integral da zona.

O proceso BIC





A importancia do conxunto histórico-artístico da vila arousá, con construccións tan destacadas coma o Pazo de Fefiñáns e a Alameda Vella, a Torre da Homenaxe entre outros lugares, motivou que o Consello da Xunta considerase onte positivamente a solicitude de declaración da zona coma BIC. Xa en maio a Consellería de Cultura abrira o expediente da solicitude da vila, que incluía un plano completo coa delimitación do perímetro a protexer. Este procedemento realizouse á inversa do que é habitual e permitiu que xa desde maio o Concello de Cambados puidese realizar as actuacións necesarias nos inmobles da zona para protexer o conxunto, puidendo correxir os proxectos no caso de ser preciso.
Desde que se iniciou o proceso, a Xunta recolleu informes sobre a importancia monumental de Cambados. Institucións coma o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Nuestra Señora del Rosario e a Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Pontevedra pronunciáronse a favor da solicitude.

A oficialidade do decreto producirase en breve coa publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia, que se prevé se produza na vindeira semana.






O Cambados BIC





A área declarada "Ben de Interese Cultural" abrangue elementos tan destacados coma o pazo e praza de Fefiñáns, a Igrexa de San Bieito, o Pazo de Ulloa, o de Monte Sacro, a casa natal de Asorey, a capela de Santa Margarita e a Alameda Vella, así como as edificacións achegadas a estas zonas e as ruínas da capela de Santa Mariña, algo máis afastadas do núcleo urbán.

Segundo destacan o subidrector de Patrimonio, Francisco Castro, a declaración aportará a Cambados "unos beneficios importantes desde o punto de vista da dinamización turística ou socio-cultural". Coma Ben de Interese Cultural, a vila poderá optar de xeito prioritario a recibir subvencións da Xunta ou da Unión Europea. Ademais, en contrapartida, calquera actuación arquitectónica que se realice na zona deberá preservar as características do contorno e axustarse á arquitectura tradicional.