O Marco convértese en "Eu, museo" no centro Vigués do proxecto EGO

Arredor do móbel

Un museo non ten porque ser un espazo físico, pechado, cun despacho de billetes para poder entrar. De feito, a túa propia casa pode ser un museo. Esta é a idea que subxace de fondo no EGO, un centro de arte portátil que dirixe Carmen Cantón e que se materializa nun móbel modular branco. Neste museo inscríbese o proxecto "Eu Museo". Unha experiencia na que seis artistas da facultade de Belas Artes de Pontevedra levan meses traballando e cuxo resultado final se abre mañá ao público.

Desde xuño deste ano vimos a Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979) "coleccionar, coleccionistas", a Irene González e Diana Lores (Avilés, Asturias, 1978; Serra de Outes, Noia, A Coruña, 1977), vender museos ou a Carlos Latorre (Calahorra, La Rioja, 1977) "Crear bosques", prantando centos de árbores de diferentes especies autóctonas de Galicia que foron apadriñando artistas, críticos de arte e outras personas. De todos estes proxectos que se foron xestando ao longo do ano fomos sabendo a través do blog que o proxecto ten colgado no sitio web do MARCO. O proxecto chámase "Eu museo" e consiste nunha experiencia de comunicación e de creación destinada á produción de obras de arte para a súa exposición colectiva no Espazo Anexo ou Sala de Proxectos do MARCO. O resultado de todo este traballo verémolo desde mañá até 27 de febreiro como parte da programación das exposicións temporais.

A xénese está en EGO
Carmen Cantón, comisaria da exposición e directora do Centro de Arte EO, explica que "Ego é un museo portátil (materializado na forma do móbel modular branco) que ten todo un entramado onde o único que se esixe é "intervencións in situ". É un centro de arte no que a súa temática e traballar sempre sobre os sinais de identidade, e onde o autobiográfico é moi importante". Por iso EGO traballa con artistas, habitualmente universitarios e onde a súa obra ha de traballar sobre a identidade, sobre os seus propios trazos autobiográficos.

"Carlota (directora do MARCO) propúxome hai dous anos facer un proxecto de taller para desenvolver nun tempo longo. Foi así como xurdiu "Eu museo". Deste xeito desde o EGO e desde o MARCO seleccionáronse artistas descoñecidos, xente que estaba estudando na facultade de Belas Artes que ben son galegos, ben residen aquí e aos que se lle facilitou toda a infraestrutura do museo. "O nome do proxecto, explica Carme, amosa moito do que se pretendía. Por unha banda está o "Eu" que recolle os sinais de identidade e, logo está o museo, o "eu institución".. Por iso, naceu un proxecto mais como colaboración, onde a participación entre os artistas e o persoal do museo é moi importante.

Obxectivo dobre
Por unha banda "Eu Museo" responde ao interese de ver unha obra en proceso, en constante desenvolvemento. De aí que tiveran un blog no que os seis artistas foron presentado e comentando a súa historia, a súa obra, e no que puidemos seguir o seu desenvolvemento. Pola outra, o proxecto pretende consolidar a idea do Espazo Anexo do Marco como sala de proxectos para artistas emerxentes, destinada á produción de obra "in situ" e con particular atención a creadores de campo local e autonómico. De feito, a convocatoria de "Eu Museo" fíxose entre o alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, dos que saíron escollidos seis artistas agrupados en cinco proxectos.

Seis artistas, cinco propostas
Diana Lores e Irene González desenvolveron, en colaboración coa Escola Galega de Cine, un vídeo publicitario para vender EGO. E é que a parte material de EGO (o móbel modular branco) "se vende para que a persoa que o merque se converta en director do museo, planifique as súas propias estratexias" explica Carme. Agora mesmo hai 77 EGOs esperando para ser vendidos.

Pola súa parte Amaia González leva varios meses creando un manual con fichas das distintas coleccións que fai a xente. Presenta no MARCO unha "Colección de coleccións", nos que se verán desde obras de arte até bolsas con terra de diferentes países. E de terra tamén vai o proxecto de Carlos Latorre, "Vergel", xa que presenta un bosque no que artistas, comisarios e críticos de arte, entre outros, apadriñaron árbores que se plantaron esta semana en Vigo.

"O proxecto de Cris Iglesias consiste nun concurso para facer unha ampliación de EGO, no que agora mesmo hai dez maquetas (que son as que se ven no MARCO) onde a gañadora terá un premio". Un galardón que Carme Calvo non quere explicar en qué consiste xa que "na arte non falamos de cousas materiais, senón espirituais".

Por último, Jorge Migoya consegue nas súas cinco intervencións algún dos soños de moitos artistas: facer un boquete na parede do museo para colocar unha obra, cambios nos espazos expositivos.... son "Cinco dedos dentro (ou 5 dedos de ego). O quinto proxecto que afonda na identidade de cada artista para ofrecer un proxecto que non podería facer só, sen a axuda do MARCO.