Un 1o % dos que traballan fóra a través do programa Leonardo son contratados pola súa empresa

Traballo por fóra

13/12/2004 | Santiago. Redacción | Seccións: Escolle sección
6 lecturas | Compartido 0 veces
Unha vez acabada a carreira, hai unha porcentaxe reducida de estudantes que deciden comezar o seu futuro laboral no estranxeiro. Aínda que están fóra do ciclo universitario, porque xa son titulados, é a propia Universidade a que lle facilita esa oportunidade. Son os "Leonardo".
No 2002 a Universidade de Santiago de Compostela estreaba baixo o nome de Europracticum (popularizado como Leonardo), un programa bianual pensado para que os titulados fagan as súas primeiras prácticas profesionais nunha empresa de calquera dos países que forman a Unión Europea. Naquela primeira convocatoria ofreceron 73 bolsas, das que se cubriron 66, é dicir, un 95% das prazas. A demanda e a experiencia dos 66 mozos e mozas que estiveron no estranxeiro, fixeron que este curso, a Axencia Nacional Leonardo, alma máter do proxecto, concedera 115 bolsas, ademais de valorar a xestión "preto da excelencia".

O procedemento
A Universidade de Santiago, antes de facer a solicitude á Axencia Leonardo, o primeiro que fai é iniciar os trámites coas empresas ás que se lle esixe un compromiso por escrito. Fontes do Consello Social da USC destacan que non é a primeira vez que unha empresa se bota para atrás no último momento. A partir do momento no que a Axencia Leonardo concede o número de bolsas, a USC fai a convocatoria pública entre os titulados.

O primeiro requisito que se lle esixe a un candidato ao programa Leonardo é o de coñecemento do idioma do país ao que opta. Unha esixencia eliminatoria, xa que desde o Consello Social destacan que é unha ferramenta máis das que dispón o titulado para exercer o seu traballo con garantías. A partir de aí estabelecen un procedemento que pasa por varias fases: a primeira os candidatos seleccionados acoden aos cursiños de formación que organiza a USC, en segundo lugar, pasan por unha entrevista persoal con expertos e con psicólogos para ver o nivel de sociabilidade dos alumnos. Co resultado da entrevista, do nivel de inglés, do expediente académico e das preferencias dos alumnos, a Universidade inicia un proceso de envío de curriculums entre as empresas que ofrecen as prazas. O Consello Social tamén media nas entrevistas laborais que lles fan aos alumnos, ben facilitando os teléfonos ben a través de videoconferencia.

¿A que obriga?
As empresas que forman parte do programa Leonardo non están obrigadas a remunerar economicamente as prácticas profesionais dos alumnos. De feito, é a propia Axencia Nacional Leonardo a que sufraga parte dos gastos de desprazamento e manutención; uns 2.500 euros de media para os seis meses mínimos de estadía. Pero o habitual é que as empresas receptoras dos programas paguen un soldo en prácticas aos titulados que se acollen a este programa.

Polo demais, para evitar situacións anómalas, os Leonardo dispoñen de dous titores. Un na empresa que serve de interlocutor válido no país de destino e outro na Universidade para facer seguimento do traballo realizado.

A integración
Outra das partes importantes do programa Leonardo é a integración dos alumnos nos países de destino. A Universidade de Santiago prepara aos rapaces para a nova experiencia que se lles avecina. Para iso elabora un dossier con información sobre o país, os seus costumes, como unha especie de guía práctica para o novo traballo. Un traballo de documentación a través de internet e das propias embaixadas.

Un 10% dos participantes na primeira edición dos Leonardo non regresaron logo do seu período de bolsas, xa que a empresa decidiu contratalos. Fontes do Consello Social destacan que non todos os titulados aos que se lle ofrece un contrato decide quedar, aínda que coa experiencia dunha soa edición non é suficiente para valorar a aceptación e a participación deste programa.

Universo culturagalega.gal