A Pobra e Vilanova enterran a desputa sobre Valle-Inclán con actos conxuntos

A paz chegou ó valle

Se aínda ó abrir a semana falabamos dun avivamento do conflicto entre os concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa sobre a orixe real de Valle-Inclán, hoxe temos que falar da aparente fin desas disputas. Onte, día deTodos os Santos, o alcalde vilanovés aceptou unha proposta do concelleiro de Cultura da Pobra para que os dous concellos compartan a concesión de Fillo Predilecto ó escritor.

Nacido na ría


A orixe de Valle-Inclán foi discutida xa mesmo polos seus contemporáneos. O mesmo escritor contribuíu a fomentar a confusión aseverando que nacera a bordo do vapor "The lancers" que cruzaba a Ría de Arousa.
Na actualidade os concellos de Vilanova e da Pobra seguen a discutir onde naceu realmente o escritor e cal dos dous ten dereito a contar a Valle-Inclán entre os seus conveciños.
En A Pobra xa existe desde 1986 un museo dedicado a honrar a memoria do inventor do esperpento, e Vilanova ten previsto abrir en breve outro, o que causaba serias diferencias entre os dous concellos.












Fillo de dous concellos


A proposta que trae a paz a esta polémica fíxoa o pasado mércores Antonio González, edil de turismo da Pobra, na presentación da web dedicada ó escritor. A súa idea de que A Pobra e Vilanova concedan conxuntamente o título de Fillo Predilecto a Valle-Inclán remata coa polémica e homenaxea á propia invención do escritor de ter nacido no medio da ría.
A idea foi aceptada onte por Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova, que considera que é "a mellor homenaxe" que se pode facer a Valle, e anunciou a súa intención de participar tamén na nova web posta en marcha polo Concello da Pobra.
Antonio González, desde a Pobra, animou a sumarse á declaración de Fillo Predilecto a outros concellos que, coma Cambados, reclaman a súa importancia na vida e na obra do autor. Ademais, sinalou que sería interesante mesmo que se realizase un irmandamento entre os concellos "valleinclanescos" para potenciar conxuntamente a figura do inventor do esperpento.
Queda aínda por desenvolver unha xuntanza para aclarar definitivamente os termos en que producirá a declaración, e desde a Pobra reclaman a presencia da Xunta e da Deputación da Coruña para coordinar o traballo con estas insitucións.







Unha nova web

A nova web sobre o Valle-Inclán e o museo que sobre el existe na Pobra do Caramiñal, recolle, ademais de abondosa documentación sobre o autor, fotografías da Pobra da época na que o escritor vivía alí. Ademais, rearos do escritor, información sobre as actividades do museo e a ruta dedicada a Don Ramón no concello. Para vindeiras actualizacións está previsto que se poña na rede o único rexistro cinematográfico que existe sobre o escritor e que se atopa na Filmoteca Española. Neste rexistro pode verse a Valle-Inclán no estudio do pintor Julio Romero de Torres.