Pazos de Galicia crea unha marca de calidade para estabelecementos exclusivos

Cultura hostaleira

Os pazos de Almuzara, Xan Xordo, Hermida, as casas grandes de Cornide, Soutullo, O Bachao ou as reitorais de Areas, Anllo ou Cobres son ademais de edificios históricos, pequenos hoteis encravados fóra do ámbito urbano e que teñen como imaxe de marca ofrecer trato personalizado ao cliente. Forman parte da asociación Pazos de Galicia que acaba de lanzar unha marca, "Casas grandes de Hispania" para converterse na elite hostaleira do medio rural.

Javier Goyanes é o propietario da Casa Grande de O Bachao e o presidente dunha asociación que "agrupa a 27 pazos, casas grandes e reitorais, edificios históricos e protexidos que se organizan por unha banda para promover a cultura e a gastronomía e, pola outra como clube de calidade". Son "Pazos de Galicia" que leva varias temporadas presentándose aos usuarios como unha escolma dos edificios da súa categoría.

Para formar parte do insigne clube teñen que, ademais de ser un edificio histórico con certa singularidade patrimonial, cumprir cunha serie de normas. Javier Goyanes explica que "os requisitos atenden a catro grupos basicamente: por unha banda en torno ao edificio e aos criterios da súa rehabilitación, por outra banda ao funcionamento interno do estabelecemento, en terceiro lugar a atención ao cliente e, por último a promoción". Deste xeito garántese a calidade destes pequenos hoteis, con moi poucas habitacións, cun trato moi particular ao cliente e que se encrava no medio rural.

Unha sociedade modélica...
No momento no que se constituíu a asociación non había outra fórmula semellante, por iso "Pazos de Galicia" converteuse nunha fórmula moi mimetizada. "De feito, explica o presidente da asociación, chámannos con certa frecuencia doutras comunidades autónomas para preguntarnos como poden facer porque somos unha asociación de referencia". A titularidade de todas as casas que forman parte desta sociedade é privada, un feito que as diferenza doutras fórmulas semellantes noutras comunidades e que polo seu carácter público non está tan preocupado pola conta de resultados. "Nesta hai un interese personal en facer que isto funcione".

Os 27 estabelecementos agrupados nesta marca acaba de celebrar un congreso en Sober (Lugo) para falar dunha nova sociedade "Casas Grandes de Hispania". Goyanes explica que "o proxecto nace como un contacto cos nosos iguais (en todo o Estado) co obxecto de incorporarse á "Europe of tradition consortium", que é un colectivo estabelecido en Europa e que cumpre o dobre de requisitos que nós, cun trato moi exclusivo ao cliente a máxima calidade na xestión do estabelecemento". É dicir a nova marca sería unha especie de valor engadido que garante que o usuario e que serviría para equiparar algunha das casa galegas e españolas ao mesmo nivel que o Chateau Accueil en Francia, o Erfgoed Logies en Holanda ou o Wosley Lodges inglés.


... e comprometida co medio
"Nos sempre entendemos que as nosas casas ademais de ser hoteis son parte do patrimonio de Galicia", deste xeito o presidente de Pazos de Galicia explica o compromiso cultural da sociedade. Na súa casa, na de O Bachao, xa se empregou como localización dun filme rodado hai uns anos e, tanto nesta como nas mesas de noite das 26 restantes haberá un libro galego. "Non está escrito en galego porque moitos dos nosos visitantes son estranxeiros, pero nós queremos que estea escrito por un galego ou faga referencia a Galicia". Isto é posíbel grazas a un certame que convocaron conxuntamente con Biblos-Clube de Lectores. Non é a única actividade cultural que pretenden facer, xa que lles gustaría colgar nas paredes dos estabelecementos obra de pintores galegos que os visitantes poidan comprar.

Outras casas, outra publicidade
Explica Javier Goyanes que "pola estrutura de custes dos nosos centros, de hoteis pequenos non podemos asumir grandes campañas de promoción" por iso optan por unha publicidade que vai desde o boca a boca até a web. "Máis do 50% da xente que chega a "Pazos de Galicia" faino a través da web, o que xustifica o funcionamento deste sistema", explica Goyanes. O perfil do visitante é habitualmente unha parella de entre 28 e 45 anos, de clase económica media ou media-alta, que en temporada alta chega do resto do estado e do estranxeiro para pasar unha media de catro días, mentres que na temporada baixa pasa unha noite e acostumar a ser un visitante galego.