O problema do feísmo coma fenómeno xeneralizado en Galicia motiva a convocatoria dun foro de especialistas en Ourense

Feísmo con F de Foro

Nos últimos anos comeza a ter eco no país o concepto de feísmo, aplicado fundamentalmente á arquitectura. Na súa acepción máis común a palabra refírese a un desleixo xeneralizado que impera en boa parte das construcións do país e que se fai especialmente patente no rural e naquelas zonas que sofren os estragos da especulación urbanística. Para reflectir sobre esta cuestión, unha trintena especialistas dos máis diversos ámbitos reuníronse esta fin de semana en Ourense no Foro do Feísmo, que verá as súas conclusións publicadas nun libro.

“A idea xurdiu dunha editora como é a Difusora de Letras, Artes e Ideas”, explica Alberte Pérez, un dos organizadores do evento. “Esta empresa quere atender contidos e temas que normalmente non teñen presenza no mundo editorial, e neste sentido xa teñen seguido en directo todo o movemento Nunca Máis e publicado o volume ‘Nunca Máis. A voz da cidadanía’”, explica. “Para esta iniciativa chamáronme coma técnico, estudante de últimos cursos de arquitectura e organizador e de eventos neste ámbito e comezamos a traballar na organización”. Segundo asegura Pérez, o enfoque arquitectónico da cuestión axiña se viu totalmente desbordado. “O primeiro que vimos era que este tema era o reflexo dunha sociedade e que para abordalo debíamos contar con xente de diferentes ámbitos”. E así se foi completando unha lista na que onda os inevitábeis arquitectos e especialistas en urbanismo fóronse incorporando economistas, antropólogos, escritores, artistas, economistas e outros profesionais de diversos ámbitos até chegar ás trinta persoas procedentes de toda Galicia e do Norte de Portugal.

A facer un libro
O sistema de traballo polo que finalmente se optou foron dous días de sesións maratonianas que se celebraron a porta fechada no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Para facilitar o traballo, as sesións foron rexistradas en audio e en vídeo, e chegarán aos tres relatores que desculparon a súa presenza por motivos de saúde. Desde dentro do encontro o xeógrafo e decano da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, Rubén Lois González sinala que “todos aprendemos moito uns dos outros e tivemos tempo para nos ir escoitando”, e maniféstase moi satisfeito pola experiencia. A súa achega centrouse fundamentalmente nas relacións entre o urbanismo e a paisaxe, e destacou a modificación dos cursos dos ríos galegos e na importancia da mala planificación urbanística. “Cada un pode facer a casa esteticamente como lle apeteza e pode facer o que lle pareza oportuno no seu ámbito, pero hai unhas normas que se deben cumprir en canto a volume e en canto a lugares de edificación. Os principais problemas non son estritamente as casas illadas que se fixeron senón os espazos urbanos feitos en serie, o crecemento a partir de barrios e de urbanizacións”.

Amplitude de ollares
Do mesmo xeito que González, os diferentes participantes foron realizando achegas desde os seus respectivos ámbitos de actuación, conseguindo definir algunhas cuestións sobre este tema. Un dos acordos básicos aos que se chegou neste encontro é que o nome feísmo non é o máis axeitado para definir este problema. “foi unha coincidencia de todos que a palabra é moi reducionista e queda nun ámbito moi estético”, explica Alberte Pérez. “tentamos buscar outro termo, pero ao final vimos que esta palabra é coñecida e identifícase en xeral ca cuestión, e non conseguimos dar con outra axeitada”. Tamén se acordou que o problema non é algo que afecte exclusivamente á arquitectura e ao urbanismo. “Chamámoslle feísmo a algo que é coma un substrato que todo o mundo ten aí, que vén de hai moito tempo e que está relacionado coa economía. O nivel urbanístico é un reflexo que todo o mundo ve”, resume o coordinador do evento. As causas que se propuxeron foron, evidentemente, múltiplas, desde a especulación que denunciou o arquitecto Gallego Jorreto, até a influencia da actitude da Xunta que apuntou Xosé Manuel Beiras. Autoras de teatro e de poesía coma Begoña Muñoz e Chus Pato falaron tamén do feísmo aplicado á lingua, que se manifesta nunha expresión pouco coidada, na propia perda do idioma ou na cada vez maior interferencia do español no galego. O deseñador e artista Xosé Lois Vázquez referiuse ao feísmo no campo das belas artes, concretamente ao concepto difundido de que todo o mundo pode ser artista sen que se definan criterios de calidade para a súa produción. Desde dentro do mundo da edificación, o construtor Manuel Otero Pombo explicou que, aínda que o seu gremio poida ter boa culpa da degradación da paisaxe, “el que tenta facer as cousas ben encontra atrancos por todas as bandas”, resume Alberte Pérez, “até lle custou moito conseguir un profesional que se involucre co problema social da construción”.

Da análise á acción
“A conclusión básica é que cómpre pasar á acción”, apunta Alberte Pérez. Neste sentido, os participantes no foro acordaron publicar para o vindeiro mes de xaneiro un manifesto sobre esta cuestión coa idea de ir concienciando á sociedade sobre o problema que supón o feísmo. “Falouse do movemento Nunca Máis coma exemplo que conseguiu chegar á xente porque deu a idea de que o problema era de todos. Con esta iniciativa nós tamén queremos concienciar de que este é un problema común”. Até entón Internet será o medio a través do cal continuarán as discusións e se coordinará o texto definitivo. Desde a banda da universidade, Rubén Lois González destacou que “nos gustaría que tanto a Universidade de Santiago coma a escola de arquitectura da Coruña se vaian movendo para defender unha ordenación razoábel do territorio e que se impliquen como institucións nesta necesaria mobilización social”. González lembra que desde hai tempo o departamento de urbanismo da Universidade da Coruña colabora cos xeógrafos de Compostela para analizar este problema, e apunta que pretenden continuar a traballar desde estes ámbitos sobre a cuestión.

Resultados
No marco do encontro, a presidenta do COAG lembrou que esta institución está a traballar nunha web, que se fará pública en dous meses, que “permitirá a cada persoa coñecer a situación da súa terra ou vivenda no plan de urbanismo que corresponde á súa zona” e que lle achegará tamén ao público todas as normativas sobre esta cuestión. No mesmo sentido, os arquitectos teñen xa en marcha o proxecto Terra, unha iniciativa que pretende dar a coñecer nos centros de ensino a arquitectura tradicional galega e uns valores de respecto a este patrimonio. Con máis calma haberá que agardar o libro que recollerá as conclusións destes encontros e que será publicado, como non, pola Difusora de Letras, Artes e Ideas e que recollerá tamén os relatorios de tres folios que enviou cada un dos participantes. Inevitabelmente, no foro falouse da nova Lei de Ordenación Urbanística na que está a traballar a Xunta e que contempla abondosas medidas contra o feísmo arquitectónico. “Non temos moitas esperanzas de que se teña en conta o falado neste foro para a elaboración da Lei, pero algunha sempre queda”, apunta Pérez.