O signos dos canteiros nas pedras protagonizan unha mostra en Ponteareas

Marcas na pedra

O Museo Municipal de Ponteareas acolle desde onte a mostra "Os signos lapidarios en Galicia" que, mediante trinta láminas, amosa a variedade destas marcas e tenta aventurar cal pode ser o seu sentido. E mentres en Ponteareas danlle voltas ás pedras, a Casa da Cultura Salvador de Madariaga da Coruña, acolle unha mostra que xira arredor do Santo Sudario que se conserva na Catedral de Oviedo.

As sinaturas dos canteiros




"Os signos lapidarios nas terras de Galicia", mostra que vén de inaugurar o Museo de Ponteareas, recolle trinta láminas realizadas polo investigador Feliciano Trigo Díaz a partir do traballo de campo que realizou por toda Galicia e polo Norte de Portugal.

Nestas láminas realízase unha clasificación dos signos que realizaban os canteiros medivais nas pedras coas que traballaban e que teñen aínda hoxe un significado incerto.

Trigo recolle as diferentes teorías existentes sobre o significado destes signos, que poden conter deste mensaxes cifradas ata ser simplemente as marcas persoais con que cada canteiro marcaba o seu traballo ó rematalo para recibir a paga.
A mostra, que se poderá ver ata o día vinteoito deste mes estará complementada cunha mostra que o propio Feliciano Trigo ofrecerá o de de outubro e na que realizará un percorrido por diferentes exemplos destes signos que se atopan por toda Galicia.



















O sudario





Outra mostra da historia nun obxecto, o sudario que se conserva na Catedral de Oviedo, é o protagonista da mostra que se abriu onte na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, situada na rúa Durán Loriga da Coruña.

A mostra comprende diferentes paneis e fotografías que analizan polo miúdo o sudario que se garda na Catedral de Oviedo e que supostamente serviu para envolver a cabeza de Cristo logo da crucifixión.

Así, na exposición podemos ver desde a propia historia do lenzo e do seu traslado a Oviedo desde Toledo tentando salvar a reliquia de mans dos árabes no século VIII. Ademais, poderá coñecerse o proceso de investigación multidisciplinar que se desenvolveu a partir de 1989 para determinar a autenticidade do lenzo e as conclusións ás que se chegou.

A mostra está organizada polo Concello da Coruña en colaboración co Centro Español de Sindonoloxía, entidade que ese encarga do estudio desta reliquia.
A sala permanece aberta de luns a venres entre as doce e as dúas pola mañá e entre as seis e as nove polas tardes.