Anfaco crea no campus de Vigo un museo que analiza a evolución da industria conserveira

Museo con abrefácil

Para que unha sardiña ou un atún se converta nun práctico envase que se abre coma un yogurt tiveron que pasar moitos anos de investigación, investimento económico e moitas mans. A historia deste proceso, a súa xénese, evolución e a explicación dos tratamentos máis modernos dos alimentos mariños teñen o seu sitio en Vigo, no Museo que Anfaco (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, de Pescados e Mariscos) acaba de inaugurar.

No panorama global da industria conserveira temos moito que dicir. Segundo os datos que facilita a FAO, Galicia é hoxe a primeira zona produtora da Unión Europea e a segunda do mundo. Unha importancia que se reflexa en todos os contidos do museo que fai un repaso aos cen anos da industria conserveira galega.

Historia en conserva
Hai dous ingredientes fundamentais da industria conserveira do noso país. Por unha banda a cidade de Vigo, onde hai cen anos un grupo de empresarios decidiron unirse na Unión de Fabricantes da Ría de Vigo (hoxe Anfaco) para levantar a industria da sardiña. Pola outra banda, e de xeito máis solapado están as mulleres, porque polas súas mans foron pasando os procesos de transformación polos que unha sardiña, un atún ou calquera outro produto do mar acaba nos nosos domicilios convertido nun cómodo envase. Estes dous polos aparecen recollidos neste museo que xurdiu cun dobre interese. Juan Manuel Vieites, secretario xeral de Anfaco, explica que "por un lado é un acto máis do amplo programa de actividades co que se celebrou o Centenario Anfaco, e por outro, porque queriamos transmitir a sociedade o que en cen anos este sector se desenvolveu e dentro disto amosar onde están as súas orixes, que foi unha industria pioneira, que converteu a Vigo nunha das cidades máis importantes de España".

Da sardiña ao atún
O museo recolle a historia da industria conserveira desde a explotación da sardiña até o atún (hoxe producto máis demandado) partindo de varios fitos. En primeiro lugar social, porque como o propio Juan Manuel lembra "é histórico que un grupo de empresarios se reúnan en 1904 co obxectivo de crear unh asociación empresarial de defensa dos seus intereses, naquel momento a captura e transformación da sardiña". Por iso, o museo reproduce unha oficina de principios do século XIX, "unha antiga curveira, na que se pode ver a propia oficina, co mobiliario, a estrutura de madeira cos cristais biselados, mesmo coa súa caixa forte e toda a parte administrativa dunha industria conserveira".

O segundo fito está relacionado co campo da investigación, xa que atende á evolución da transformación da materia prima nun produto elaborado, como explica o secretario xeral, "a evolución desde a salgadura até a súa conserva en lata pechada e esterilizada". É neste punto cando en 1949, Anfaco creou un departamento técnico e de investigación (CECOPESCA), que apostou dunha forma decidida polos temas de i+d+i que "permite ver o que se avanzou en calidade en seguridade alimentaria deste sector en todas as épocas". É nesta parte onde se poden ver coo se idean tipos de salgadura, semiconservas, afumados, conxelados, refrixerados, pasteurizados, pratos preparados...é dicir, a antelasa da cociña dos nosos fogares.

O terceiro fito é tecnolóxico. "No museo pode verse, continúa Juan Manuel, cómo evolucionou a tecnoloxía nestes cen anos, desde as aberturas das latas que pasaban longo a unha tira de aliñación de estaño-chumbo á actual tipo yogurt, ás tipoloxías de envase e como evolucionaron co tempo, até a evolución da maquinaria". Neste punto no museo pódense ver diferentes máquinas pechadoras, desde a que precisaba dun proceso manual, onde as latas se pechaban unha a unha até unha máis actual que fecha 600 latas por minuto.

Fotografías, latas e máquinas que son na súa maior parte fondos propios da asociación e que algúns xa se puideron ver hai uns meses nunha exposición temporal no Museo do Mar. De feito, o museo ten moita relación con aquela mostra. "O museo, explica Juan Manuel, aproveitou que xa tiña recollida esa bagaxe histórica, así como un espazo propio do novo edificio que Anfaco tiña no campus de Vigo".

Latas centenarias
O museo é un máis dos proxectos cos que Anfaco, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, de Pescados e de Mariscos, celebra o seu centenario. O vindeiro 19 deste mes pecharán na Catedral de Santiago de Compostela e nun acto no Hostal dos Reis Católicos, un programa de actividades que abrangueron desde unha exposición até un congreso ao que asistiron os representantes das dez empresas de conservas máis importantes do mundo.