A observación do tempo mobiliza en Galicia diferentes organismos e arredor dun cento de persoas

Os outros Pemáns

Aínda que o dito afirma que só nos lembramos de Santa Bárbara cando trona, a verdade é que a miúdo, en caso de tronadas ou de chuvias imprevistas, lembrámonos tamén doutras persoas. Os meteorólogos galegos traballan arreo para predicir como se vai comportar un elemento tan inestábel como é o tempo e coñecer a evolución climática no país a máis longo prazo. Aínda que non estea a tronar, lembrámonos deles para ver quen son e que fan.

Ata vinte persoas traballan diariamente en Meteogalicia arredor do tempo no noso país. A eles hai que engadir os oitenta e seis traballadores da delegación do Instituto Nacional de Meteoroloxía na comunidade. Xa desde unha perspectiva máis teórica, existe un grupo de investigación sobre Diagnose do Clima no que traballan arredor dunha ducia de persoas na Facultade de Ciencias de Ourense, e algúns profesores traballan sobre esta materia na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago. Algo máis dun cento de persoas pois, son os homes e mulleres do tempo en Galicia, sen contar, por suposto, os presentadores que aparecen na televisión e que non pertencer ao corpo de meteorólogos. Chegar a ser un meteorólogo non é moi complicado, segundo nos explica Vicente Pérez, director de Meteogalicia, “A formación dos meteorólogos galegos é variada, temos físicos, que teñen unha especialidade nesta área en Madrid, matemáticos, que se encargan dos modelos matemáticos necesarios para as prediccións...” De calquera xeito, Pérez apunta que calquera cuns coñecementos axeitados da dinámica atmosférica pode chega a ser un bo meteorólogo. Segundo el, boa parte das persoas que vemos na televisión presentando a información do tempo son meteorólogos dependentes deste organismo, aínda que, aclara “Pemán non traballa en Meteogalicia”.

Meteogalicia
Este organismo creouse en 1999 a partir dun convenio da Xunta coa Universidade de Santiago, que dispuña xa dun grupo de investigación meteorolóxica dependente da Facultade de Física desde os anos oitenta. “Desde entón o convenio foise ampliando ou mellorando, e actualmente é un servicio que depende da Consellería de Medio Ambiente”, explica Vicente Pérez. A intención coa que se creou este organismo foi a de “mellorar a precisión espacial dos datos meteorolóxicos dispoñibles, tendo máis en conta a orografía e a meteoroloxía galegas”. Ademais de proporcionarlles a diferentes medios, institucións e ao público xeral a súa propia predicción do tempo, Meteogalicia traballa tamén no perfeccionamento das técnicas de predicción e analizan, a través dos datos recollidos na súa rede de estacións meteorolóxicas e dos que ofrecen os satélites e outros instrumentos de medición, a evolución da climatoloxía en toda Galicia. A atención ao clima das nosas costas é tamén un dos obxectivos prioritarios desta entidade, e recentemente un convenio con Portos do Estado pon a disposición de Meteogalicia os datos que recollen as boias deste organismo. Aínda recentemente instalaron, en colaboración co grupo de Oceanografía da Universidade de Vigo unha boia para analizar os datos climáticos nesta ría do Sur.

INM-Centro Territorial
Sen embargo, os decanos da observación meteorolóxica en Galicia é o Instituto Nacional de Meteoroloxía (INM), que naceu en 1888 herdando experiencias previas de observación. Deste xeito, e segundo informa o Centro Territorial do INM, localizado na Coruña, en 1860 existen xa rexistros dos primeiros observatorios meteorolóxicos instalados no noso país. En 1941 instalouse a primeira estación de radiosondaxe do estado en Santa Uxía de Ribeira e en 1946 trasladouse á Cidade Herculina. Na actualidade este centro, achega os datos de Galicia a diferentes organismos internacionais de observación meteorolóxica, coma a Organización Meteorolóxica Mundial ou o Centro Europeo de Predicción a Prazo Medio. A colaboración con estes organismos leva a que, segundo os responsables de Relacións cos Usuarios do centro, “os últimos avances e desenvolvementos en materia de predicción e vixilancia meteorolóxica sexan implementados no INM, e en particular, no centro territorial de Galicia”. Isto permite ofrecer, “prestacións punteiras e de alto nivel de cualificación”. Entre outros servicios, o centro achega a predicción do tempo concello a concello, a predicción estival de 114 praias e oferta os seus datos a Protección Civil e aos corpos de seguridade do estado, así coma aos tres aeroportos do país. Tamén son os encargados de realizar os avisos de fenómenos meteorolóxicos adversos, controlando por exemplo as posibilidade de tránsito nas estradas ou as alertas de incendio forestal. Segundo explican no centro, a delegación galega do Instituto Galego de Meteoroloxía conta cun total de oitenta e seis persoas dedicada a este traballo, a metade na sede central e outros tantos distribuídos en distintos postos por todo o país.

Medicións e compatibilidade
As estacións meteorolóxicas son uns dos instrumentos máis importantes para coñecer o clima en cada momento. En cada unha destas instalacións, chea de delicados instrumentos mídese a velocidade e dirección do vento, a humidade ambiental, a radiación solar, a presión atmosférica e as precipitacións, e aínda nalgúns casos outros factores coma a radiación ultravioleta. Na actualidade cento trinta destes puntos de recollida do INM e outros corenta e sete de Meteogalicia están constantemente en marcha por todo o país. Outro clásico da observación meteorolóxica son os globos de helio que transportan os seus propios instrumentos de medición. Continuamente un destes aparellos sobrevoa o noso país. Na actualidade hai en Galicia dous globos, un do INM e outro de Meteogalicia, que se soltan cada seis horas desde a Coruña e desde Mos respectivamente. Ademais deste traballo conxunto, os dous organismos fan por compartir recursos en outros ámbitos. “Hai asinado un convenio que prevé a organización de actividades conxuntas”, explica o director de Meteogalicia. “Traballamos na homoxeinización dos datos das redes e para evitar duplicidades na instalación de novas estacións”. Ademais disto existe unha chea de datos que chegan desde satélites (o famoso Meteosat) e son analizados e transformados através de complexas ecuacións matemáticas que simulan o funcionamento da atmósfera e permiten predicir a evolución do tempo. En xeral, segundo explica Pérez, búscase cada vez unha maior colaboración entre os grupos que traballan na análise do tempo.

Futuro e actualidade
Entre os vindeiros proxectos de Meteogalicia está a instalación de novas boias para mellorar a predicción do tempo no mar. “Queremos poñer unha a dúascentas millas na costa”, ademais, queren sumarse ao sistema de predicción por probabilidades, unha novidade no xeito de predicir o tempo que inclúe as posibilidades de que chova ou saraive. Ademais “queremos abrir o 2005 cun novo web” no que a información do mar será moito máis completa e achegará datos coma a oleaxe en mar aberto ou nas costas, as correntes e mareas ou a predicción a varios dias vista. Do mesmo xeito, tamén no INM están a mellorar as prediccións en casta e nos dous casos anuncian melloras nos sistemas de predicción e de simulación atmosférica. A semana de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia está a pór de actualidade a meteoroloxía ao dedicar parte do seu programa, da man de Meteogalicia, a esta ciencia. “Hai conferencias, unha exposición na propia facultade e unha serie de obradoiros nos que, entre outras cousas, ensinarase a facer unha cometa no sentido clásico de instrumento para medir datos en altura”. Un obradoiro informático e un cine fórum no que se verán e explicarán diferentes fenómenos atmosféricos a través de filmes coma “Twister”, “O día de mañá” ou “Os vingadores”.