O Gran Teatre del Liceu de Barcelona achega a ópera aos universitarios de Vigo, Lugo e Santiago

Ópera aberta

O vindeiro 23 de novembro poderemos ver desde Santiago, Lugo e Vigo a representación da ópera "Boris Godunov" de Modest Mussorgsky. E.... ¿que ten de peculiar? Pois que a montaxe ten lugar no Gran Teatre del Liceu de Barcelona e que nos a veremos a través de videoconferencia, subtitulada en galego e cun alto nivel de calidade. Neste proxecto traballan conxuntamente as Universidades de Santiago e Vigo co Teatre Liceu para divulgar a ópera dun xeito académico e lúdico.

Para os amantes da ópera un dos principais problemas é poder ver representacións de calidade sen ter que desprazarse, nunha boa butaca e a un prezo asequíbel. Por iso, o Gran Teatre del Liceu de Barcelona, case o único centro que ofrece unha temporada completa de ópera en todo o estado, atopou en internet un aliado para formar un público para que logo se converta en auditorio estábel. Montou así un ciclo de audicións por videoconferencia que, en convenio coas universidades que acheguen unha vertente académica ao programa, deron en chamar "Ópera aberta".

Ópera prima
Cando o Liceu puxo en marcha de forma experimental este programa fíxoo cun número reducido de centros académicos. Daquelas, o principal problema era a calidade da retransmisión en internet, xa que o que emitían un número determinado de óperas onde a calidade do son é un dos requisitos imprescindíbeis en toda montaxe operística. Tres anos despois, co avance dos sistemas de transmisión de imaxe e son a través de internet, o Liceu considerou que o problema estaba superado e abriu o programa a todas as universidades que se quixeran subscribir. Foi así como as universidades de Santiago e de Vigo entraron a formar parte deste proxecto que se chamou "ópera aberta".

Pablo Sampedro, director da área cultural da USC, explica que "a Universidade de Santiago nos campus de Santiago e Lugo, entrou a formar parte do proxecto porque nos parecía unha oportunidade única de ampliar o programa formativo con ciclos de proxeccións e de paso, achegar ao estudantado ao mundo da ópera". O ano pasado foi a primeira vez que se fixo esta oferta e o público non puido responder mellor, xa que se cubriron todas as prazas e os alumnos destacaron o bo nivel da experiencia.

Pablo Sampedro explica que no primeiro ano (o venres pechouse a matrícula para este segundo ano) o perfil dos matriculados era un alumno de humanidades, "aínda que tamén había algún alumno de matemáticas ou físicas, mais eran os menos".

O Liceu pon, a Universidade dispón
"A condición única que pon o Teatre del Liceu, explica Pablo Sampedro, para que unha universidade forme parte do programa é que esta ofreza un programa complementario de tipo académico que teña configuración curricular e que este aberto aos alumnos de primeiro e de segundo ciclo". Así, ao lado das audicións que, grazas á transmisión dixital están subtituladas en galego, a universidade completa o programa cun programa de conferencias que elaborou conxuntamente co departamento de música da Facultade de Historia e que pretende facer un repaso sobre a historia da ópera e os elementos claves deste xénero. É por iso que "a primeira conferencia aborde as voces, e nas seguintes se explique como foron evolucionando, dando paso a un repaso á evolución histórica ao barroco, ao clasicismo, aos alemáns e, este ano, se inclúe unha aproximación ao contemporáneo". Se o ano pasado o colofón do ciclo de conferencias foi un relatorio sobre o mundo de negocio e da ópera, este ano será sobre a relación entre a ópera e o cinema, é dicir, desde a influencia do cinema nas montaxes operísticas até como se recolle a ópera no cine.

Polo demais, explica Sampedro que o custe formativo de organizar o programa, os trípticos e pagar aos conferenciantes é o único que ten a propia universidade, xa que o Liceo ofrece as audicións de xeito completamente gratuíto. Un programa de óperas sobre o que a universidade non ten potestade algunha, xa que forman parte do programa de abono que ofrece o propio Liceo. "Nós, apunta o director cultural, o que si conseguimos foi variar a data da primeira representación. A temporada do Liceo comezaba en setembro, un mes malo para o ámbito universitario xa que aínda non se iniciaran as clases, así que o que conseguimos é que o vindeiro 23 de novembro se retransmita en diferido a primeira ópera que abrirá o programa: "Bosis Goudonov de Modest Mussorgsky".

Ópera presencial
Aínda que a ópera comezou sendo un xénero popular e populoso, hoxe en día a situación é completamente diferente. En España, só o Liceo de Barcelona e o Teatro Real de Madrid ofrecen temporadas largas de ópera, con até nove meses de representacións. Aquí, en Galicia, este oco énchese pola asociación de Amigos da Ópera que programa un festival anual e con algunhas representacións dentro do Festival Mozart, ambos eventos na Coruña, aínda que este ano amosaron extensións a outras cidades. Polo demais, cando o proxecto da Cidade da Cultura, se final haberá un Palacio da Ópera que estará capacitado para acoller representacións operísticas.