Os proxectos do trincentenario centran a celebración da batalla de Rande

299 anos de galeóns afundidos

Os restos dos galeóns afundidos na ensenada de San Simón cumpren hoxe 299 anos. Foi un 23 de outubro cando as escadras franco-española e anglo-holandesa se enfrontaban na Ría de Vigo na que se converteu na batalla naval máis destacada da historia de Galicia. Aínda que non haberá celebracións destacadas, a conmemoración do terceiro centenario da loita anúnciase chea de iniciativas.

Como chegaron ó fondo




Os dezanove galegóns que formaban a Flota de Indias partiron dos peiraos de La Habana e Veracruz en 1702, e logo dun periplo de tres anos loitando contra piratas e tempesdades, acadaron achegarse ás costas peninsulares. Onda eles, unha escadra de vintetres navíos franceses que escoltaba o seu cargamento de ouro, prata e xoias.

Ante a noticia de que a escadra anglo-holandesa, coa que Francia e España estaban en guerra, agardaba no porto de Cádiz a chegada da flota, os almirantes Velasco e Chateau-Renault decidiron refuxiarse na ría de Vigo. Alí fondeou a flota e tentou organizarse o desembarco do seu cargamento. Un mes depois chegou a ría galega e comezou a batalla. Pechados na enseada de San Simón, os buques españoles e franceses, e completa inferioridade respecto ós seus contrarios, afundíronse case na súa totalidade, morrendo case tres mil combatentes na loita.












A dúbida do tesouro



A pesar das numerosas investigacións realizadas e dos abondosos relatos sobre a batalla, continúa entre os historiadores a polémica sobre se a Flota de Indias acadou desembarcar o seu cargamento antes de ser derrotada pola escadra anglo-holandesa.

A idea de que baixo as augas da Ría de Vigo permanezan os fabulosos tesouros vidos de América ten excitado a imaxinación de moitas persoas ó longo da historia. É coñecido que Julio Verne, en "Vinte mil leguas de viaxe submariña" sitúa nos restos de Rande un dos lugares nos que o capitán Nemo se aprovisionaba económicamente".

Xa desde o séulo XIX se realizaron abondosas expedicións á busca do lendario tesouro, sendo o principal achádego realizado o rescate de corenta e catro quilos de prata que realizou unha expedición francesa en 1870.
Outras expedicións e estudios, máis interesados no aspecto histórico e menos no monetario, teñen producido unha extensa bibliografía sobre a batalla e permitiron localizar unha grande parte das naves afundidas, ademais de rescatar diferentes obxectos dos buques, coma as áncoras que forman hoxe o monumento que lembra a batalla en Vigo.






As celebracións dos 300 anos









A pesar da importancia da batalla a nivel histórico, a data do seu aniversario non conta cunha grande tradición de celebracións, debido en grande medida ó feito de tratarse dunha derrota para España. Así, tampouco este ano están previstas conmemoracións especiais, aínda que todos os concellos da zona e diferentes colectivos están a gardar as súas forzas para o vindeiro ano, cando se celebra o terceiro centenario da batalla.
Así, diferentes colectivos e asociacións da Ría de Vigo constiuiron o Foro Rande 2002 para organizar diferentes iniciativas arredor da batalla. Entre as súas propostas está a realización dun curso de verán multidisciplinar arredor da batalla no que se tratarían temas de bioloxía mariña, historia ou arqueoloxía entre outros.
Tamén desde o Concello de Vigo se prepara un extenso programa que aínda está pendente de acadar financiamento. Entre as actividades propostas inclúese a realización dun seminario sobre Historia do século XVIII, unha parada naval con buques dos países presentes na batalla, unha reconstrucción da loita, ciclos de cine, exposicións, concertos, representacións teatrais e un longo etcétera. Tamén desde Caixanova está prvista a realización dunha mostra a cargo de Ramón Pereiro. E, por se fose pouco, os arquieólogos Javier Luaces e Cristina Toscano pretenden activar o proxecto e crear un museo sobre a batalla na enseada de San Simón.
Ademais, prevese a edición de numerosas obras a nivel internacional que boten máis luz sobre este feito histórico.