Os espeleólogos temen danos na Cova do Rei Centolo se se abre ó turismo

Visitas para o Rei

Os posibles danos que pode provocar o turismo na Cova do Rei Cintolo de Mondoñedo motivou a varios afeccionados á espeleoloxía a organizarse na Plataforma Cívica en Defensa da Cova. O proxecto de explotación turística que está a estudiar o Concello de Mondoñedo incluiría as visitas dos turistas ó interior da cavidade o que, segundo os espeleólogos, pode provocar serios prexuízos se se realizan obras de acondicionamento para facilitar o acceso.

Silencio





Desde hai meses nos máis diversos grupos de espeleólogos de Galicia vense falando con preocupación da posible apertura da Cova do Rei Cintolo ó turismo. A cova permaneceu pechada desde 1976 logo de que as visitas de afeccionados provocasen serios danos en diferentes estructuras xeolóxicas. Segundo algúns dos espeleólogos, ó dano que poderían causar os turistas en si engádese habería que engadir os prexuízos que poderían causar as posibles obras de acondicionamento para o acceso das visitas.
A denuncia que se fai desde a recén constituída Plataforma Cívica para a Defensa da Cova do Rei Cintolo é o silencio con que o Concello de Mondoñedo está a desenvolver o proxecto de explotación turística. Así, segundo esta asociación, aínda non se deu a coñecer o estudio de viabilidade nin o de impacto ambiental do proxecto, e as súas solicitudes para reunirse cos responsables destes estudios aínda non foron respondidas. Ademais, desde esta asociación sinalouse que algunhas das obras que xa se desenvolveron no contorno da cova, coma a construcción dun aparcadoiro, xa poden ter afectado á circulación hídrica do interior da cavidade.



















Sacar a cova fóra



Tanto desde a Plataforma Cívica como desde e Federación Galega de Espeleoloxía sinalan que están a favor de potenciar o coñecemento do conxunto natural da cova, pero sempre que este se realice respectando o delicado ecosistema que existe no interior. Como solución para conciliar o coñecemento do conxunto e a súa conservación, desde estas organizacións avógase por crear aulas da natureza que expliquen polo miúdo as características da cova. Tamén aceptan a posibilidade de organizar visitas, pero limitadas e sempre baixo a supervisión dun guía.








A Cova








A Cova do Rei Cintolo está considerada como a máis grande de Galicia, con arredor de sete quilómetros de galerías coñecidas e a posibilidade de que aínda queden espacios por explorar. No seu interior téñense atopado diferentes restos arqueolóxicos coma puñais celtibéricos, puntas de frecha de sílex ou restos humanos prehistóricos. Actualmente o interior da cova non está acondicionado para o turismo e require o emprego de traxes axeitados, cascos e iluminación, así como a asistencia dun guía dada a complexidade das diferentes galerías. A dificultade que supón visitar o interior da caverna é un dos factores que fan temer ós espeleólogos que se esté pensando en realizar obras que faciliten o acceso.