O cumprimento das tradicións de Defuntos leva aparellado toda unha serie de gastos e traballos preparatorios

As bambolinas dos defuntos

A celebración do Día de Defuntos leva aparellado, para alén do aspecto espiritual e máxico da data, toda unha serie de preparativos e de rituais previos tamén relacionados cos mortos, mais ben mais mundanos. Como acontece con outras festividades, todo un mercado arrodea esta data, con toda unha serie de elementos ben definidos e imprescindíbeis de querer seguir a tradición.

As tradicións de Defuntos están vivas coma poucas de todas as que nos deixou a sociedade tradicional. No campo ou na cidade, os cemiterios énchense ao longo do día un de novembro até ben entrada a noite e aínda en días anteriores. O obxectivo de que todo estea perfecto para o dous, o Día dos Fieis Defuntos. Esta perfección exixe toda unha preparación previa que supón non poucos gastos e traballo, desde mercar roupa nova para a obrigada visita ao cemiterio até a restauración de elementos das tumbas que se teñan deteriorado co tempo. Onda esta tradición, os bazares manteñen aínda a de encher os seus escaparates de candeas, lámpadas e todo tipo de imaxinaría relixiosa para adornar os lugares de descanso dos seres queridos e amosar, como manda a tradición, que a familia honre os seus mortos e amose ante a veciñanza que hai cartiños para manter decente esa última morada.

Restauracións
Aínda que a tradición exixe que sexan as mulleres da familia os que se encarguen de acondicionar as lápidas e os nichos dos familiares falecidos, a emigración ás cidades fixo que, desde hai xa tempo, haxa persoas que ofertan facer, por un módico prezo, ese servizo de limpeza para asegurarse, tamén na distancia de que queda todo ben decente. O traballo, feito a conciencia, vai desde limpar ben o mármore con lixivia e frega solos, a tirar as malas herbas que medraron nos arredores e mesmo substituír letras caídas das lápidas ou a grava que arrodea a tumba en si. Ademais dos particulares, tamén as institucións toman medidas para que os camposantos fiquen axeitados estes días. É o caso do cemiterio compostelán de Boisaca, ao que se lle están a arranxar precipitadamente os accesos e instalando puntos de luz. Cómpre tamén ter a punto as fontes e puntos de auga, que hai moito que regar e moito que limpar neses días.

Das flores
Os datos dos produtores sinalan que, en xeral, a venda de flores para esta celebración está a descender ano tras ano, especialmente nas grandes cidades. No noso país esa diminución é menos acusada, aínda que a obtención de datos complícanse pola grande cantidade de plantas ornamentais que se mercan en feiras, mercados ou mesmo nos postos provisionais que proliferan ao pé dos muros dos camposantos, fóra por tanto dos habituais circuítos de distribución de plantas. Desde Verdilugo, floraría da Cidade da Muralla, sinalan que “polo que se oe sobre o mercado, cada ano trabállase un pouco menos, desde logo subir as vendas non soben”. Aínda que o elemento funerario por excelencia son as coroas, na data de defuntos non son estes os elementos que máis se solicitan. Os profesionais do sector apuntan que se vende unha grande cantidade de flores soltas, e en canto a plantas, en "é moi típico que a xente compre o crisantemo de bóla", explican os empregados desta tenda. En canto a adornos florais máis preparados, "véndense sobre todo centros feitos". De calquera xeito, é aínda habitual que sexan as propias familias as que se preocupan de practicar a súa arte decorativa para crear os grandes ramos e centros que adornan as tumbas. As flores máis habitual nestas datas son, segundo os datos de venda da cooperativa Hortoflor, de Ourense, os caraveis, seguidos polas rosas, os liliums e os gladíolos. Como é sabido esta data supón un dos picos de venda de flores en todo o Estado, e achégase ao vinte por cento do total de todo o ano.

A gastronomía tamén conta
Para alén do cocido típico do inverno galego, na sociedade rural reservábanse para o tempo de Defuntos os ósos de santo, un tipo de mazapán recheo de grande éxito. Onda este as primeiras castañas facían a súa aparición nas mesas. Non debemos esquecer que tradicionalmente esta data servía para organizar xuntanzas familiares que se prolongaban alén da visita ao camposanto en copiosos xantares. Aínda que esa parte do costume xa é historia en boa parte do país, continúa a haber receitas gastronómicas propias de Defuntos. Desde a confeitaría Filo, en Vigo, explícannos que os produtos que elaboran especialmente para estas datas son os "osos de santo e os Panillets". Este doce, importado da tradición catalá sobre o día de Santos, "son redondos e de améndoa e van feitos ao forno". Onda estes, o abano de gastronomía doce para a época complétase con outro prato importado, os boliños de vento, orixinarios de Madrid e tamén propios da época.

Novos gastos
Como se pode ver, o cumprimento da tradición ten o seu prezo, e todo isto sen ter en conta as innovacións festivas que se están a incorporar ou a recuperar a estas datas. Deste xeito, hai que incrementa a lista de tarefas e de gastos coa adquisición ou preparación de disfraces para acudir ás diferentes festas que, co conto do Haloween se celebran nas cidades, e mesmo decoran as súas casas, comercios ou locais de hostalaría con adornos referentes a esta celebración. Pola outra banda, cada ano hai máis xente que, sexa por esta mesma festa, sexa recuperación cada vez máis estendida, do Samaín, se preocupan tamén de mercar ou tallara uns prezos que superan facilmente o euro por quilo. É de ver que a tradición non sae de balde e custa o seu traballiño mantela.