Descobren unha enigmática serie de inscricións medievais en Padrón

Os marcos do Emperador

No ano 1156, o Emperador Afonso VII realiza a insólita doazón dun enorme terreo a un plebeo chamado Sancho Eanes no actual concello de Padrón (A Coruña). 800 anos despois, uns investigadores atoparon uns grandes marcos de pedra que abren un enigmático capítulo da nosa historia.

No ano de 1156, o Emperador Afonso VII e boa parte da aristocracia e da Igrexa da Coroa de Castela realiza unha doazón dun enorme terreo a un descoñecido plebeo, non nobre, de nome Sancho Eanes. Un grupo de investigadores vén de atopar, séculos despois, tres grandes pedróns con inscricións que constitúen unha rareza na arqueoloxía galega e que abren unha historia chea de interrogantes. Estes marcos medievais eran descoñecidos ata hoxe.



Máis de 22 hectáreas de terreo (a superficie equivalente a tres campos de fútbol) nunha das, de aquela, zonas máis ricas e poboadas do Reino de Galicia, próxima ó bispado de Iria Flavia e ó xa poderoso bispado de Compostela. O emperador Afonso VII e os seus dous herdeiros (por se acaso) déronlla a un plebeo de nome Sancho Eanes. O achado é dunha enorme importancia: non é habitual atopar marcos que definan fincas medievais en Galicia. Máis que nada, porque eran testemuñas susceptibles de seren empregadas nos interminables preitos por terras que se suceden ó longo de toda a historia do país. E outro dato máis: ¿por que un plebeo e non un nobre recibiu tal agasallo nunha época feudal?



Na busca de camiños

"Buscabamos un camiño empedrado antigo do que nos falaran", comenta Jorge Guitián, un dos historiadores que descubriron este espacio, "de súpeto, a cincuenta metros da estrada xeral, atopamos unha gran pedra con inscricións pouco lexibles. Estaba chea de humidade e musgo, ó carón dun río". Aquela pedra era un prisma cunha inscrición polas súas tres caras difícil de ler para un inexperto. Jorge e Xoán Guitián, dous especialistas en arte rupestre galega, chamaron a varios especialistas, que realizaron debuxos e unha lectura detida do texto: o arqueólogo Andrés Pena e os historiadores Alfredo Erias e Luis Monteagudo. Foi alí cando se puido ler a inscrición: "No ano de 1156, o primeiro de setembro, colocouse este pedrón coa autoridade do Emperador e de tódolos intervenientes". Un dato curioso e clave: é moi estraño atopar este tipo de pedróns, marcas de fincas, medievais, en Galicia. Eran testemuñas de propiedades, e nunha sociedade con tantas disputas polo territorio, aquelas mostras do pasado podían converterse en doados argumentos cara preitos.



Pero máis estraño, aínda, foi o feito de atoparen inscricións. Jorge e Xoán consultaron un volume de culto para os historiadores medievais: a "Historia da SAMI Catedral de Santiago", de López Ferreiro, un erudito cóengo compostelán do século XIX. Nese libro, Ferreiro transcribiu un fragmento dun documento conservado nos arquivos da catedral compostelá no que se falaba de que o Emperador (Afonso VII) agasallara con terreos a un tal Sancho Eanes nese mesmo lugar e nese mesmo ano. "Iso púxonos a mosca detrás da orella", afirma Jorge Guitián. Acudiron ós Arquivos da Catedral de Santiago e puideron comprobar como, no Tombo B, unha ampla colección de doazóns da época, como existía un documento no que se describían os límites exactos daquela propiedade. "E había máis", indica Jorge Guitián, "alí cocíase algo moi gordo. O documento non era normal para a típica doazón da época: alí asinaba o Emperador, os dous fillos herdeiros e unha boa parte da aristocracia e da igrexa castelá da época. Dábanlle unha honra enorme e cunha solemnidade excepcional a un suxeito que non era nobre ".



Con aqueles datos sobre a mesa, os investigadores volveron ó terreo. Non foi difícil atopar dous dos tres pedróns restantes. Un deles é un gran esteo de dous metros de alto, inscrito por unha soa cara, xusto ó carón dunha canteira, na parroquia de Queiruga. Existe unha lei de Murphy non escrita para os arqueólogos: "os xacementos sempre están ó carón dunha canteira ou dunha estrada a punto de facer". A pedra, dunha singular beleza, definía un estremo da propiedade. O outro estremo estaba máis alá, no medio dun campo, ben clara. As tres contiñan a mesma inscrición. Faltaba a cuarta. Xusto onte, Xaime Barreiro, profesor da Universidade de Santiago, informou da existencia dunha pedra con inscripcións na área onde debería estar, segundo os documentos, localizado o cuarto marco.



Incógnitas

Pero, ¿quen era Sancho Eanes? ¿E que el, un plebeo, fixo para merecer unha terra tan grande? Quizais a clave estea no momento. Afonso VII, que recuperara o título de Emperador das Españas do Papado había pouco tempo, viña de investir unha enorme cantidade de recursos na Reconquista contra os diferentes reinos musulmáns do sur. De aquela época, pouco antes, foi a sonada conquista de Baeza -eixo do territorio andaluz- e a conquista do Reino de Murcia. A posta en marcha dos exércitos cristiáns supuxo un considerable esforzo para a monarquía. Jorge Guitián apunta como hipótese de traballo a que "Sancho Eanes fixera unha enorme proeza durante a reconquista" e fora recompensado de forma extraordinaria.



Xoán e Jorge Guitián xa redactaron un informe que lle remitiron á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e publicarán no vindeiro número do Anuario Brigantino, unha histórica publicación especializada, no seu número de setembro.

As pedras atopadas

As pedras atopadas

Detalle do documento do Arquivo da Catedral de Santiago referente á doazón do couto de Lampai a Sancho Eanes. As tres imaxes do pé do documento son as sinaturas do Emperador e os seus fillos Fernando e Sancho.

As pedras atopadas

As pedras atopadas

Marco situado perto da aldea de Lampai (Padrón, A Coruña). Na fotografía apréciase o texto no que se precisa a data da doazón.

As pedras atopadas

As pedras atopadas

Marco da aldea de Pedroso (Padrón, A Coruña). Delimita polo sur o couto doado a Sancho Eanes.

As pedras atopadas

As pedras atopadas

Sector superior do marco de Queiruga (Padrón, A Coruña). Destaca pola súa altura e pola beleza da inscripción. Apareceu nas inmediacións dunha canteira abandonada.