Unha familia crea en Santiago un museo para a exposición e venda do acibeche

O outro ouro negro

O habitual é que os museos teñan unha tenda propia na que comprar os recordos ou calquera cousa relacionada co proxecto sobre o que traballa o propio centro. Sen embargo, no número 12 da praza de Cervantes (en Santiago) hai unha tenda que ten o seu propio museo sobre a historia do acibeche.

Desde a constitución do Camiño de Santiago, hai numerosas iconas relacionadas coa peregrinación xacobea: a cuncha, o cabazo, as imaxes do apóstolo e o acibeche. Non é raro que desta pedra (en realidade madeira petrificada) tome o seu nome unha das prazas circundantes á catedral. Sobre esta realidade e sobre a tradición artesá de tratamento da pedra, a familia Maroño montou o seu museo do acibeche. "En realidade a idea de abrir un museo xorde polo interese de explicar o que é o acibeche desde o punto de vista do turista e tamén do da xente de aquí que non sabe moito sobre este material, alén de que até hoxe non hai un sitio específico". Deste xeito Jaime Maroño explica as motivacións da súa familia para crear un centro destas características.

O museo
Jaime explica que "o primeiro problema que tivemos á hora de deseñar un centro destas características foi de estrutura, ou sexa, dos prazos e dos requisitos que necesitabamos para crear un museo. Porque implica ter unha sala de investigadores, unha biblioteca para a que é precisa persoal e moitos cartos". Foi entón, cando esta iniciativa privada decidiu montar un museo que tivera unha sala de proxeccións, unha sección de exposición e outro espazo para a tenda, porque no fondo este centro, máis que un museo cunha tenda é unha tenda que ten unha parte destinada a museo. Con estes principios tiveron tamén outros condicionantes, como querer abrir este centro en pleno Xacobeo 2004, aproveitando o tirón turístico para a venda de material relacionado co acibeche. Así foi como o día 28 de xullo, un mes despois de porse en marcha este proxecto, abría as súas portas na praza de Cervantes o museo do acibeche.

As súas características
O negocio, en canto que é tamén un museo, ten unha parte divulgativa que, segundo nos explica Jaime Maroño, pretende: explicar o material, a historia do proceso de traballo, está orientado cara a peregrinación (ensinando cruces, portapaces, cunchas...), no que hai toda unha colección privada que non está á venda, con copias e reproducións de pezas senlleiras na talla do acibeche. Jaime que recorda que "hai algunha peza curiosa pero moderna, dos últimos vinte anos, porque a máis antiga data do XVI".

O futuro
A día de hoxe o museo non conta cunha fundación propia, porque este é un segundo estadio do proxecto. "De momento, continúa Xaime, non fixemos unha fundación da defensa do acibeche xa que agora queremos fomentar o seu uso. Alén diso, para iso precísase moito máis tempo e por outro porque non ten a flexibilidade dunha sociedade mercantil". Aínda así, desde a estrutura de museo adoptada xa teñen programadas unha serie de actividades. Unha delas está orientada a pequenos e consta de pequenos obradoiros que se lle ofertan aos centros escolares para que os nenos se familiaricen con este material, o coñezan e poidan traballar co acibeche. Paralelamente, teñen previsto realizar unha serie de encontros con artesás que traballen o acibeche para coñecer as diferentes prácticas. Tal e como aclara Jaime "a nosa idea é montar máis cursos, encontros con artesáns (de Asturias, do Reino Unido..) dos que facer exposicións conxuntas".

Deste xeito, a familia Maroño recupera o labor feito en prol do acibeche do ourive Enrique Mayer. Un artesá que revitalizou a arte acibecheira desde finais do XIX, creando talleres onde se formaron boa parte dos artesás que hoxe traballa en Galicia este material.