O galego a análise nun debate na Coruña e nun encontro de linguas minorizadas

Falando da fala

16/5/2001 | Santiago.Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:

A situación da lingua galega analizouse onte na Fundación Barrié da Coruña con senllas conferencias a cargo dos catedráticos Guillermo Rojo e Antón Santamarina. A análise continuará en Compostela no vindeiro mes de novembro, cando esta cidade acolla a VIII Conferencia de Linguas Minoritarias.


Lingua e novas tecnoloxías

A sede da Fundación Barrié na Coruña acolleu onte dúas conferencias sobre a lingua. Na primeira delas o catedrático de Lingua Española da Universidade de Santiago e membro da Real Academia Española, Guillermo Rojo, analizou na súa exposición a relación entre a lingua e as novas tecnoloxías. Para Rojo cómpre "investir algo en novas tecnoloxías, non moito, para que unha lingua coma o galego non perda o tren". O catedrático sinalou a importancia que poden ter os sistemas de traducción automática para as linguas minoritarias.

A lexicografía

A segunda conferencia da xornada correu a cargo do catedrático en Filoloxía Románica e membro da Real Academia Galega, Antón Santamarina. Santamarina realizou un percorrido pola historia dos diccionarios galegos, destacando a importancia da lexicografía pra unha lingua. Segundo el , "está claro que as máquinas non fan diccionarios" e o lexicógrafo "terá que seguir dicindo que palabras inclúe nun diccionario e como as define". O catedrático destacou o importante labor que realizou Eladio Rodríguez neste eido para o galego.


Encontro de linguas


A VIII Conferencia Internacional de Linguas Minoritarias terá como sede Santiago de Compostela. Será o vindeiro 22 de novembro cando arredor de seiscentos profesores, universitarios, investigadores e políticos se reúnan na capital galega para analizar os problemas destas linguas. Baio o título de "Políticas lingüísticas e educativas e educativas na Europa Comunitaria". Este encontro, organizado pola Consellería de Educación prestará especial importancia ós problemas do ensino multilingüe e á promoción da diversidade lingüística e a súa aprendizaxe como xeito de fomentar a tolerancia entre culturas.

Que che parece esta nova?
17 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con A Coruña, Antón Santamarina, Fundación Barrié, Lingua galega...