O culto a Santa Minia, nacido a partir da devoción dun particular, congrega cada ano a milleiros de devotos

Mercadotecnia para a santa

En Brión, perto de Santiago, hai unha curiosa igrexa sen acabar. É o santuario de Santa Minia, que cada ano recibe o vinte e seis e o vinte e sete de setembro milleiros de devotos que acoden para solicitar os favores da santa. Contrariamente ao que puidera semellar polo éxito desta advocación, a devoción iniciouse aínda a mediados do século XIX, a partir do interese de Luis Tobío, que importou unhas reliquias cunha curiosa historia e artellou un culto co que el e a súa familia obtiveron beneficios económicos e sociais.

Santa Minia foi unha mártir dos tempos do imperio romano. Segundo a Historia, morreu virxe no 362 despois de Cristo na Cidade Eterna e foi enterrada nas catacumbas onda moitos dos seus correlixionarios cristiáns. Como se pode imaxinar, a súa relación con Galicia en vida non foi moita. E aínda despois de morta, tardarían un bo tempo os seus despoxos en ter nada que ver co noso país. Foi en 1804 cando os restos de Minia sairían do seu descanso secular para iniciar unha accidentada viaxe que acabaría con ela en Brión. Neste ano, con autorización do Papa, foron extraídos da súa tumba, e adquiridos por J.F. Arieta, que á súa vez llas entregou en Cádiz a Don Tomás Anduaga, rico comerciante local. Este instalou as reliquias, xa daquela gardadas no interior dunha imaxe da mártir, onda un vaso con sangue de Minia e un anaco da lápida da santa, nunha capela privada que posuía. Coa disolución da compañía comercial e a morte do seu promotor, os restos pasan a mans de José Finoquio, que non tardaría moito en llos ceder sen aparente contrapartida a Luís Tobío, empregado do señor Anduaga e orixinario de Brión.

A viaxe final
"Ao morrer Artuaga, Tobío, que tanta devoción lle tiña a Santa Minia, pediu que en vez de lle dar unha indemnización lle desen a Santa", apunta Rafael Barca, estudoso da historia de Brión. O emigrado inicia entón o retorno á súa terra, e leva con el estas reliquias, indo primeiro por mar até o porto de Vigo e continuando despois polo interior do país até chega á súa terra natal, onde arribou o primeiro de agosto do 1848. Inmediatamente iniciou unha grande campaña para organizar na comarca o culto ás súas reliquias. Cartas ao arcebispado solicitando a entronización dos restos na igrexa parroquial, comprobación da autenticidade das reliquias, campañas de colleita de esmolas para construír un novo templo dedicado á mártir... Unha auténtica campaña de mercadotecnia e promoción que daría na constitución dun culto que sobrevive, vizoso, até hoxe.

A difusión dun novo culto
Durante varios anos despois da súa volta o propio Tobío percorreu as aldeas da zona de Brión colleitando contribucións económicas e colaboracións para construír unha capela onda o campo da festa. Alén diso, comprometeuse a adquirir os obxectos necesarios para o culto pagándoos dos seu propio peto. Este esforzo tería unha contrapartida económica cando, en 1851, o arcebispado lle outorga dereitos de padroado sobre a capela e a décima parte de todos os ingresos obtidos da devoción popular á santa, uns dereitos que o promotor do culto cedería aos seus propios herdeiros. A pesar da oposición do párroco e dun grupo de veciños, temerosos de que Santa Minia substituíse o culto tradicional da parroquia, o proxecto de Tobío foi adiante e en 1868 as reliquias da mártir trasladábanse ao novo templo, a pesar de que este estaba inconcluso. As obras prolongaríanse, sen chegar a acabarse nunca o proxecto orixinal, até a comezos do século XX. Pouco antes, a finais doXIX, empregáranse pedras dos restos das Torres de Altamira, unha fortaleza medieval pertencente á familia dos Moscoso, que quedou seriamente afectada por este espolio. Coincidindo coa inauguración do santuario o arcebispado outorgou indulxencias a todas as persoas que visitasen a capela, iniciándose deste xeito un culto de grande éxito.

Os milagres
Non tardaron naqueles anos en aparecer historias que daban fe da capacidade milagreira da Santa. Segundo recolle Julio Fernández Pintos nun artigo do seu web, axiña comezaron a circular historias de curacións e intervencións milagreiras da santa. "A máis curiosa é a que indicaba como durante a Guerra da Independencia acudiu a Santa en defensa da vila de Noia, polo que se di que a corporación municipal deste concello acudiu en pleno como mostra de gratitude", aínda que a santa non chegou a Brión até corenta anos despois daqueles sucesos... Aínda hoxe, a devoción popular a Santa Minia mantense. Segundo explica Rafael Barca "a xente continúa participando na romaría". Cada vinte e seis e vinte e sete de setembro milleiros de persoas se achegan á capela pola que tanto loitou Luís Tobío e participa nos ritos de adoración. "Non é coma outros santos e santas, que son avogados dos ouvidos ou de algo concreto", puntualiza Barca. "Os favores que pide a xente obtenos. Os galegos non dan a cousa por nada, e cando vexo a xente de xeonllos arredor da capela penso que algo tivo que facer a santa". Entre outras mostras de adoración apunta que "hai unha lámpada de cristal na capela que deixou a nai dunha nena que recuperou a fala, e moitos exvotos de pernas e de brazos. En xeral é unha avogada á que se pide axuda para moitas cuestións".

Difusión moderna
O rápido éxito deste culto implantado a partir do traslado duns restos desde Roma chamou a atención de diferentes estudosos, e alén do artigo de Fernández Pintos, podemos encontrar referencias á historia de Santa Minia no libro "Romerías e santuarios" de Antonio Fraguas e mesmo unha análise detallada do proceso de implantación da mártir en Galicia en "Santa Minia. Virgen y Mártir", escrito a mediados dos anos setenta polo daquela párroco de Brión. Aínda que os herdeiros de Tobío renunciaron hai tempo aos seus dereitos sobre o culto a prol da propia capela, o culto non deixa de manterse e difundirse. Do éxito da romaría da fe a existencia do web santaminia.org, que recolle boa parte da historia da capela e do culto e que continúa unha tradición de mercadotecnia sacra que acompaña a santa desde a súa chegada ao país.