A Industria Turística galega fai por se adaptar á rede ante a importancia crecente de Internet no sector

Turismo de pantalla

Cada vez unha maior cantidade dos milleiros de turistas de cada ano visitan Galicia empregan Internet para se documentar sobre o que poden encontrar no noso país. Os webs destinados a este público amosan un paraíso turístico no que as posibilidades de ocio son múltiples e variadas. Pero, ¿que ofertan exactamente estas páxinas?

Até un 36% das vendas que se fan por Internet están relacionadas co turismo, e agárdase que en poucos anos un 25% do comercio turístico se desenvolva a través d a rede. A importancia desta tecnoloxía para o sector multiplícase no caso do turismo Rural. Entre un 40 e un 80% da clientela deste tipo de estabelecementos chega a eles a través da rede, segundo a asociación Agarimo de Turismo Rural e Pazos de Galicia. Os datos referendan a importancia crecente que está a adquirir a rede nun sector estratéxico para a nosa economía como é o turismo, tanto a nivel de conseguir información sobre o país como de contactar e realizar reservas directamente antes de emprender a viaxe.

O eixe na rede
Á hora de falar de turismo na rede galega, un nome xorde inevitabelmente como referencia: Turgalicia. O que aspira a ser o portal do turismo galego, posto en marcha desde a Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo en 1998 consolidouse no tempo coma un verdadeiro baluarte do sector. Segundo sinala o informe de actividade do ano 2003 do web, 22.561 recursos turísticos de todo tipo están recollidos no web, desde aloxamentos, rutas de sendeirismo, monumentos, museos, o lugares de importancia natural. Este mesmo informe apunta que un 64% dos turistas que se achegaron ao noso país o pasado ano eran usuarios de Internet, e deles, un 19,7% coñecía Turgalicia, o que nos dá unha idea da incidencia desta páxina, que recibe aproximadamente sete mil visitas ao día.

Reservas on-line
Este web creou a primeira central de reservas on-line para estabelecementos hostaleiros galegos, unha iniciativa que na actualidade permite conseguir cuarto a través do web en doce aloxamentos. Segundo aseguraba á revista "E-negocio Galicia" Jorge Barreiro, Xefe da Área de Informática de Turgalicia, en todo o ano 2002 só houbo oito transaccións deste tipo no web. Este servizo tamén o ofrecen, aínda que non centralizado do mesmo xeito, corenta e un dos 188 hoteis que dispoñen de web, segundo Vieiros. Tamén diferentes os webs de agrupacións de turismo rural, como a xa mencionada Agarimo no sur de Pontevedra ou Ocamino, de Portodemouros, achegan a posibilidade de facer reservas a través da rede, aínda que na maior parte dos casos non permiten o pago on-line. Tamén no caso das axencias de viaxe a posibilidade de deixar contratado un itinerario a través do web son escasos no noso país. Os datos de Vieiros indican que das vintenove empresas deste tipo que teñen web no noso país, só cinco ofrecen a posibilidade de facer reservas a través da rede.

Persoais e municipais
A oferta turística galega na rede complétase nunha grande medida con páxinas non profesionais. Por número, son maioría nesta temática as páxinas persoais dedicadas a diferentes zonas do noso país, de novo segundo os datos que fornece Vieiros. internautas que queren dar a coñecer os encantos da súa zona e animan a xente a visitala supoñen unha grande parte da información que os viaxeiros poden encontrar na rede. Tamén son multitude os web municipais centran a súa información nos encantos que paga a pena visitar do seu territorio. De feito, este tipo de contido é o segundo máis habitual nas páxinas dos concellos só por detrás do saúdo do alcalde, segundo o informe "Primeira análise das webs municipais galegas", realizado por Miguel Velarde para o Observatorio da Cultura Galega. Como se pode imaxinar, a calidade e sistematización desa información é moi irregular, sendo as fotografías o elemento máis común neste tipo de páxinas.

Iniciativas específicas
Existen de calquera xeito concellos que desenvolven webs específicas orientadas cara ao turismo. É o caso de Compostela co web santiagoturismo.com, diferenciada da páxina municipal e que ofrece unha exhaustiva información sobre a actualidade cultural e de lecer na cidade onda abondosos datos encol aloxamento, patrimonio e ofertas turísticas. A nivel supramunicipal iniciativas coma riasbaixas.org, web que se renovou totalmente a comezos do 2004, quere categorizar os recursos turísticos da provincia de Pontevedra, ofertando a través da rede os folletos de todos os concellos da zona e levando alén diso un magazine dixital no que informa das festas e eventos de máis interese para os visitantes. De calquera xeito, o camiño por percorrer na virtualización do noso turismo aínda é longo.