A ficción galega continúa a ser a aposta da nova tempada da programación da TVG

Pensar a TVG

Chega o outono e con el o baile dos presentadores máis emblemáticos da televisión, os novos programas e a feroz competencia entre as televisións por conseguir audiencia. Pero... ¿que acontece na TVG? Falamos con Carlos Carballo, director de programas quen destacou que a novidade é "seguir apostando pola ficción galega" e, de paso, nos explicou a situación do fondo audiovisual do ente público

Ultimamente a prensa satúranos con rodaxes e estreas de longametraxes, curtametraxes, documentais e series que os cineastas galegos e non galegos gravan aquí. E en todos eles aparece a Televisión de Galicia participando na produción e mercando os dereitos de emisión. Uns produtos que deberían ter visibilidade na programación que a cadea pública prepara en cada tempada. Falando co director de programas, Carlos Carballo, sabemos que algúns dos traballos nos que o ente público participa se van emitir, mais son basicamente series de ficción, que é basicamente a aposta que o ente xa iniciou en tempadas anteriores e que vai manter nesta de outono.

Problemas de dereitos
Carlos Carballo afirma que "por suposto que o destino de todo ese material (curtas, longametraxes, películas para televisión, series ou miniseries) é a emisión, o que ocorre é que, como é sabido, as actuais ventas de comercialización están adiando cada vez máis o período de dereitos de emisión para as cadeas en aberto, como Televisión de Galicia, o que se traduce en que unha longametraxe que se estree hoxe nas salas comerciais de cinema non poderá ser emitida por unha canle de tv en aberto até nada menos que 30 meses despois". Deste xeito o responsábel de programación da Televisión de Galicia explica os motivos polos que non vemos na TVG as longametraxes nas que o ente público participa. Cuestión máis destacada aínda cando é o propio Carballo quen cuantifica o material do que dispoñen; "Só entre longametraxes e películas para televisión son xa practicamente medio cento as obras con participación galega nas que está TVG, sexa como coprodutora, como compradora de dereitos de emisión ou ambas cuestións".

Pero, á parte das películas hai moitas máis producións, moitos formatos como os documentais, as curtametraxes que ano tras ano, están lonxe da programación da TVG e nos que o ente participa mais que logo non emite. Por poñer un exemplo, a produtora Nemedon presentou no 2001 en Culturagalega.org unha serie documental "A palabra no tempo" da que ten TVG xa tiña os dereitos mercados e que aínda non emitiu. Coma este, hai moitos máis que de momento non teñen previsto a súa emisión e que engrosan o fondo audiovisual da TVG.

As novidades: ficción e clásicos
A TVG, segundo nos explica Carlos Carballo, centra o punto forte da súa programación na ficción galega, unha tendencia que constatamos se produce en todas as canles estatais. Hoxe estrea dunha comedia familiar producida por TVG en colaboración con Voz Audiovisual titulada "Miña sogra" coa que comeza a programación de ficción para este outono. A serie está dirixida por Quico Cadaval e contra entre os seus protagonistas con Ana Kiro e Marcos Orsi. Nesa liña de ficción galega, xa están en marcha para os vindeiros meses outras duas series das que xa se foi anticipando algo na prensa. Carballo explica os proxectos: "Unha "sitcom" clásica, realizada esta volta en colaboración con La Región e Filmanova, que se titula "Cuarto sen ascensor" e otra ficción que paseará polos últimos corenta anos de Galicia e que levará por título "Libro de familia", realizada por Editorial Compostela e Xosé María Besteiro".

Mais as series de ficción non quedan aí; haberá novos capítulos de Rías Baixas, que cumpre cinco anos en antena, e de Pratos Combinados, que é un clásico da programación con nove temporadas ás súas costas. E que os clásicos non desaparecen da grella da TVG senón todo o contrario tal e como Carballo afirma ao decir que "se manterán en antena unha temporada máis os programas de entretemento que seguen a colleitar cotas de pantalla superiores ao 20 e ao 30 por cento e que van camiño xa dos tres lustros de vida, coma Supermartes ou Luar". E non só iso, "a fin de semana seguirá moi marcada polos deportes e fundamentalmente polas retransmisións e programas das ligas de fútbol, tanto da primeira coma da segunda división".

A programación infantil
E se a TVG aposta polos formatos clásicos na ficción, as series, fai o mesmo na programación infantil onde o Xabarín Club contará, tal e como explica Carlos Carballo, "con novas series de animación e coa volta de algunhas das máis exitosas, como Shongoku. Ademáis, o clube levará ás principais cidades e vilas de Galicia a mostra conmemorativa dos seus dez anos de vida". Deste xeito o que foi un dos programas máis emblemáticos da programación propia elaborada pola TVG e que foi todo un fenómeno mediático entre a mocidade, recupera protagonismo polas tardes, das que quedou desterrado durante estes últimos meses.