R promove unha plataforma para que os usuarios crean e compartan o seu sitio web

Fiestras como ideas

Un día abrín unha fiestra e encontrei toda a información sobre a meteoroloxía e a astronomía para coñecer o ceo (bluesky.fiestras.com.). Outro día abrín outra fiestra e lin información sobre a práctica do surf nas Rías Baixas (surf.fiestras.com.), e así día tras día. Unha fiestra é un sitio web auspiciado polo operador galego do cabo (R) pero que depende dos propios usuarios que son os encargados de creala e de actualizala.

Cando R comezou a operar en Galicia, ademais de aparecer unha alternativa como empresa de telecomunicacións ao monopolio existente, apareceu unha forma diferente de entender a comunicación. R sorprendeu coas campañas de publicidade, sempre en galego, e cun completo sitio web no que hai información corporativa, un medio de comunicación (Arestora), un portal de emprego e moitas cousas máis. Pero entre toda a oferta había un apartado que deixaba a iniciativa nos usuarios e aos que lle facilitaba todo o material preciso para que estes puideran publicar o seu contido. Son as Fiestras.

Da tecnoloxía á idea
Unha fiestra é un espazo virtual que aloxa diferentes páxinas webs, creadas e mantidas polos propios usuarios. Segundo os datos que manexan desde R, o 35% dos que crearon unha fiestra, os "fiestreiros", teñen algunha experiencia no deseño de páxinas web. Pero, á vista dos resultados, desde R subliñan que non é preciso ter coñecemento de linguaxes de programación, ou de informática, ou de ferramentas web. E isto é posíbel porque no momento que un usuario decide crear unha fiestra, segundo figura no web, R facilita unha ferramenta de xestión de contidos e un curso de formación para que poida pór en marcha o seu sitio web. En resumidas contas que o imporante é a idea.

Pasos de creación
O primeiro paso para abrir unha fiestra é ter unha idea. Desde o nacemento de Fiestras, R recibiu arredor de 280 proxectos diferentes. Para evitar contidos conflitivos un equipo de R avalía e estuda as súas propostas. Na primeira etapa contaron con 108 propostas que polo seu contido, deseño e dinamismo, entraron a formar parte integrante da fase piloto. Delas, 47 fan parte activa e pública de Fiestras.

Andar21, a revista de cultura e de recursos poéticos, é
unha das que compoñen o bloque temático de cultura, no que hai tamén unha fiestra sobre formacións musicais galega, outra sobre cinema ou outra sobre diferentes grupos e as culturas humanas. A área de cultura é unha das que máis proxectos reciben, un 23% segundo un estudo publicado por R no seu sitio web. Unha porcentaxe que está compartida coa sección de "Ciencia, tecnoloxía e economía", na que hai proxectos sobre ordenadores, xestión empresarial e sobre o mundo bursátil. "Lecer" cun 22%, "natureza e saúde" cun 14%, "deporte" cun 12% e "educación" cun 6% completan a variedade temática que ten cabida en R.

Cada quen abre unha fiestra ao seu xeito
En Fiestras hai, a día de hoxe, tantas iniciativas como inquietudes dos seus propios usuarios, e cada unha delas ten a súa propia xénese. Por exemplo, Andar21 é unha das Fiestras que supera mensualmente as 10.000 visitas reais, segundo cuantifica o seu responsábel, Gaspar Domínguez quen recorda que o proxecto xa existía antes de que se publicase o sitio web. "Hai catro anos, apunta Gaspar, un pequeno e espallado grupo de persoas que colaboraban en A Rama Guinda (e-zine de activismo poético) decidiron cambiar de formato". Un cambio que implicaba subirse ao carro das novas tecnoloxías e que supoñía darlle unha nova dimensión ao proxecto.

Para Gaspar "a idea era simplificar os mecanismos de edición para atender aos contidos, á voz da xente. Sen dono, sen filtros, sen lucro. Esta é, aínda hoxe, a única revista de poesía galega que actualiza os seus contidos na rede". E as contas non van nada mal, nos case catro anos que levan traballando, xa colaboraron 111 persoas entre escritores, ilustradores e tradutores. E aínda que son principalmente galegos, moitos deles están espallados por todo o mundo e que se dilúen entre outros colaboradores chegados de Brasil, Portugal e mesmo dos Estados Unidos.