O Gran Wyoming abren a Mostra Internacional de Teatro Cómico de Cangas

20+1 de risa

Este sábado rematan as festas patronais de Cangas. E no lugar de lamentarse polo final da celebración os cangueses rin, porque o domingo 5 comeza a vixésimo primeira edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico. Unha resaca de risa.

"E xa che digo . E eu..."
"Xa se caeu o telón de aceiro
e non me chega pa pagar ao panadeiro.
Xa se caeu o telón de aceiro
E non me chega pa pagar ao carniceiro"
Son versos de "Na flor da Vida" o espectáculo co que O Gran Wyoming e o Maestro Reverendo abrirán o festival cómico do teatro de Cangas este domingo. Un espectáculo que alén do reclamo dos seus actores, ten o de ser estrea absoluta en Galicia. Por iso, desde a organización programaron unha sesión dobre (ás 20:00 e ás 23:00 horas no Auditorio Municipal) para que todo o mundo poida abrir un programa que ten espectáculos para todos os gustos.

A edición 20+1
"Hai humor de todas as cores, desde historias de pallasos, até a crítica dura de Wyoming sen esquecernos dos cataláns "Pocaconya" que traen un espectáculo cunhas características moi interesantes, que buscan intelixencia no planeta terra e que non a atopan". Quen fala é María Armesto, membro da comisión que se encarga de programar a Mostra de Teatro de Cangas ao falar das liñas xerais da programación deste ano.

Alén dos espectáculos cómicos (desde teatro até monicreques) que suceden de domingo a domingo, este ano dedican unha xornada a un tema especial: a violencia de xénero. Para María "o teatro non pode estar á marxe da realidade, e desde os que traballamos nesta mostra, e desde o noso punto de vista, consideramos que a cultura e o teatro tiñan que achegar o seu gran de area a este tema de actualidade". E María Armesto vai máis alá ao recordar que "hai teatro de guerra e a comedia nace ao mesmo tempo que a traxedia, e desta forma podemos dar a coñecer unha situación sen ferir a sensibilidade de ninguén". E para iso na xornada do luns: unha xornalista (Sonia Torre), unha artista (Dorotea Bárcena quen alén diso foi a única muller que dirixiu o Centro Dramático Galego) e Monserrat Comas (vogal do CGPJ e Presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero), serán as encargadas de ofrecer a súa visión sobre o tema.

Premios e cursos
Completa o programa desta edición dous clásicos: o premio ao Labor Teatral que este ano recaeu no centro da Universidade da Coruña que fai posíbel a Diplomatura de Pedagoxía teatral, que leva desde o 2001 formando aos seus alumnos en interpretación, dirección, dramaturxia, iluminación e escenografía; e por outro lado, os cursos formativos de interpretación. Este ano o tema central é a "Comedia dell Arte" que impartirá o actor asturiano Moisés González (venres 10 ás 20:30 na Casa da Cultura).

Cifras e cifras
Aínda que o humor non se cuantifica, esta edición da Mostra de Cangas custa preto de 36.000 euros. Unha cantidade que chega da Xunta (18.000 euros), do concello (3.600 euros) e dos múltiples patrocinios de Frigoríficos do Morrazo (que patrocina a actuación de Wyoming e Reverendo) e coas colaboracións de Caixa Galicia, a Deputación e un par de comercios da localidade pontevedresa. Uns cartos que se complementan co despacho de billetes que, segundo María Armesto, sempre é preciso para poder custear a mostra. Para os que son asiduos ao festival hai uns abonos que teñen un prezo de 22 euros, e poranse á venda unicamente os días 3 e 4 de setembro, de 19:30 a 21:30.

Na última edición houbo un total de 28.000 visitantes, "público que leva asistindo á mostra desde a súa creación (que xa son máis de vinte anos) pero sobre todo, apunta María Armesto" destacamos a presenza de público moi novo". En parte porque a programación do festival está pensada para grandes e para pequenos. Por exemplo, este ano alén das actuacións de monicreques (con "Tanxarina") haberá un espectáculo dirixido por Javier Veiga no que "Os tres mosqueteros buscan a Dartañán" e está especialmente pensado para o público infantil (Domingo 12, ás 12:30 no Auditorio Municipal). Nos últimos anos estívose enchendo case todo o aforo, e este ano haberá que agardar á semana que vén para ver que pasa.