Fornelos de Montes alberga unha granxa na que ensinan aos cativos a respectar o medio

Aprender na granxa

Hoxe un grupo de rapaces de distintos puntos de Galicia están a facer as súas maletas para vivir unha experiencia diferente. Van mudar o asfalto polos carreiros e o ruído e os atascos das súas cidades de residencia pola tranquilidade de Fornelos de Montes. ¿Por que? Pois porque a partir de mañá van formar parte do último campamento de verán que organiza a granxa escola "O Kiriko" para este agosto de 2004.

A vinteoito quilómetros de Vigo e a vinteseis de Pontevedra érguese unha peculiar escola que pretende educar aos pícaros no respecto ao medio ambiente. Chámase O Kiriko e leva dous anos ofertando cursos de verán, estadías e actividades para rapaces de entre catro e catorce anos. A súa directora e socia do complexo, Lucrecia García explica que en "principio a idea de O Kiriko é arrincar con dous cursos de verán, con estadías variábeis de entre seis e dez días coas actividades de distinto tipo. E en setembro, co inicio do curso, a nosa oferta vai desde visitas dun día, no que os que veñen deciden o contido:entre o que poden escoller agricultura ecolóxica, gandaría das especies autóctonas.... ou calquera dos bloques que ofrece o centro" .

Aprender, xogar e vivir
O grupo de rapaces que entra mañá estará seis días nas instalacións de O Kiriko e farán obradoiros de artesanía, reciclaxe e transformación de alimentos, un curso especialmente querido polos alumnos, segundo explica a directora, porque nel van facer masa para pizzas ou empanadas que logo van comer. Toda unha oferta lúdica que se completa con outros bloques como son a agricultura (na que coñecen toda a parte dos semilleiros, invernadoiros e a horta) e logo está a parte da gandeiría, para o que se manteñen especies autóctonas.

Como explica Lucrecia "todo esta dimensión educativa está combinada co lecer, que inclúe actividades como a piscina, piragüismo, equitación, ou a recuperación de xogos populares". Todo para que os días que estes rapaces estean na granxa se convertan nunha experiencia única.

O que está por detrás
Un equipo multidisciplinar formado por 21 persoas fan posíbel que O Kiriko funcione diariamente. E o grupo reponde a perfís profesionais moi diferentes que van desde educadores sociais, biólogos, veterinarios até o persoal preciso para o manutención das instalacións. Un grupo que se move en oito hectáreas e media de terreo que bordea o embalse de Eiras e un bosque autóctono protexido e que se adscribe a cada unha das seccións coas que conta a granxa escola: as cortes, un picadeiro, o galiñeiro, unha colmea, unha horta, o invernadoiro e as zonas de lecer con piscina, pista polideportiva, embarcadoiro ou cine ao ar libre.

A directora da escola apunta que "foi o propio arquitecto o que ía marcando e definindo os espazos en función das necesidades que nós lle iamos apuntando", por iso, todo en O Kiriko está perfectamente estudado para que os rapaces poidan aprender sen deixar de xogar no tempo libre. Unha forma de preservar a cultura a través do xogo.





Cando Lucrecia García e Amparo Vázquez, as dúas socias desta granxa-escola, decidiron porse mans á obra e embarcarse neste proxecto, puxeron como punto de partida dous pilares: educación e lecer. E iso deu pé a todo unha aprendizaxe que as levou a visitar escolas similares que había en todo o estado, e non só iso, Lucrecia apunta que "estivemos tamén vendo o funcionamento das granxas gandeiras, para que todo o que se lles ensine aos rapaces en O Kiriko se aproxime o máis posíbel á realidade".

Deseñando o curso
Co curso que comeza mañá acaba a temporada de verán, mais iso non implica que pechen as instalaciósn, senón que o equipo de actividades de O Kiriko xa ten deseñado un amplo programa para todo inverno. Unhas actividades que van desde visitas dun día até estadías de fin de semana e un especial Nadal (entre o 27 e o 30 de decembro e do 3 ao 5 de xaneiro). Unha oferta que ten un custe que oscila entre os 18 e os 240 euros.