Pontevedra comeza hoxe a súa V feira franca que este ano se dedica á Revolta Irmandiña

Cousas entre irmandiños

Pontevedra e Moeche teñen en común que, nun momento da súa historia centos de Irmandiños se rebelaron contra o poder feudal empregando como armas, paus, aperos e rudimentarias machadas. Máis de cincocentos anos despois, Moeche acaba de rememorar esa efeméride cun Festival, mentres que Pontevedra centra nese fito a V Feira Franca, cuxas actividades previas comezan hoxe.

Campesiños, artesáns, burgueses, fidalgos, clérigos e cóengos reveláronse hai 500 anos contra o poder feudal. As revoltas irmandiñas foron a derradeira manifestación da Galicia medieval e a refundación da nación galega. Dos feitos históricos, gárdase na memoria o pasamento do Mariscal Pardo de Cela, que xogou un papel que desdebuxou co paso do tempo a cuestión do mito e da verdade histórica. O caso é que o espírito combativo dos irmandiños segue vivo.

En Moeche
Moi preto de Ferrol, en Moeche desde o ano 1980, o terceiro domingo de agosto se conmemora que un día os irmandiños tomaron a fortaleza dos Andrade. Como hoxe, o castelo pertence á Casa de Alba, o simulacro de entrada é simbólico e faise durante a noite, cando os participantes se achegan até os arredores da fortaleza con teas e candeas. Durante dous días celébrase un feito histórico mais que, como unha festa máis de verán, non faltan a sardiñada, a danza nin a diversión en xeral.

E en Pontevedra
Con tan só cinco edicións Pontevedra celebra recupera a Feira Franca, que é a recreación do mercado aberto que se comezou a celebrar en Pontevedra a partir de 1467, en virtude do privilexio concedido polo rei Henrique IV. Orixinariamente, a súa duración era dun mes (quince días antes e quince despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomeu), aínda que desde que se recuperou o evento, a festividade concéntrase nun día anticipado por un amplo programa de actividades.

Este ano a Feira estrea unha nova estrutura, xa que desde esta edición un feito histórico que afecte á cidade de Pontevedra, centrará as actividades da Feira Franca. Este ano, o tema escollido é a Revolta Irmandiña.

Luís Bará, en declaracións ao Diario de Pontevedra, afirma que o motivo é a "coincidencia cronolóxico entre a concesión do rei Henrique IV para organizar a feira franca no 1467 e, os dous anos nos que se desenvolveron as loitas irmandiñas- entre o 1467 e o 1469-". E para iso hai organizado un espectáculo sobre os irmandiños que se comezou a preparar o ano pasado, e co que se pretende non só animar as prazas e rúas do casco vello, senón tamén animar a toda a poboación.

Deste xeito, o espectáculo combina unha parte da historia, contribuíndo así a divulgar os acontecementos históricos con toda a dimensión lúdica que ha de ter unha festa típica de verán.

As outras feiras
A Feira Franca de Pontevedra tivo un referente moi claro desde a súa orixe, que foi a Feira da Istoria de Ribadavia que se celebra o último domingo do mes de agosto na localidade ourensá. Se a de Pontevedra está apoiada polo concello e un consorcio de 20 entidades (que forman parte do chamado Consello Aberto), en Ribadavia o evento lévase a cabo por unha Fundación encargada de que non falle nada e que nos situemos cronoloxicamente na Idade Media. A de Vimianzo (dependente dunha asociación Xuvenil) e as de Baiona (que organiza o Concello) forman o cartel das feiras medievais que hai en Galicia ao longo do verán.

Pero non son as únicas, recuperar o pasado histórico, traelo ao presente e facer unha festas con isto, faise tamén en Mos, na súa festa da Prehistoria (segundo fin de semana de agosto); en Xinzo de Limia onde se retrocede dous mil anos para recrear os choque entre as lexións invasoras e as tribos galaicas para cruzar o mítico Lethes, o río do esquecemento. Historia con festa entra.