Turismo rural e os concursos de ideas son algunhas iniciativas para evitar o despoboamento rural

Onde habita o silencio

Desde hai tempo asistimos ao imparábel descenso de poboación. Cada día son máis as aldeas que van pechando a contagotas e coas que imos perdendo xa non só a nosa forma de asentamento, senón tamén un xeito de convivir. Sen embargo, hai iniciativas curiosas para invertir esta tendencia: desde un concurso de ideas até convertelas en sitios turísticos.

Hai dous anos a Xunta, no seu plan de promoción de vivendas para mozos e para xente con problemas de integración social, propuxo habilitar o rural. Foi así como naceron algunhas das vivendas de promoción pública no antigo poboado mineiro de Fontao (en Vila de Cruces). Aquela iniciativa non viña soa, con ela figuraban outras: o turismo rural e a agricultura ecolóxica. Varias liñas de traballo que viñan sendo coordinadas pola a Dirección Xeral de Planificación e desenvolvemento.

Ao lado destas iniciativas institucionais figuran outras máis curiosas, como as de Xestoso, que acaba de convocar o certame "Recuperar as nosas aldeas". O obxectivo é o mesmo: tentar darlle unha saída social e económica ás 271 aldeas abandonadas que están catalogadas en Galicia.

A aldea rural
Ao abeiro do interese en converter Galicia nun destino turístico, naceu a etiqueta de "rural" para os estabelecementos hostaleiros. Apareceron así pazos rurais, mosteiros rurais, casas de labranza, reitorais... mais desde o martes (que foi cando o Diario Oficial de Galicia publicaba un decreto que regulaba este sector) figura unha nova modalidade "aldeas rurais". É dicir, lugares cun mínimo de tres casas, explotadas de forma integrada e baixo un mesmo titular, que poidan ser un lugar de destino turístico. A día de hoxe, xa hai tres modelos: Aldea Bordóns en Sanxenxo, A Paínza en Arzúa e outra máis en Ortigueira.

E para o medio rural, que segundo o DOG se caracteriza polo seu "ambiente de tranquilidade, non estar afectado por estruturas urbanas degradas, actividades minerais ou extractivas superficiais e contras con vías de acceso axeitadas", hai catro tipo de estabelecementos: os pazos, castelos e mosteiros por unha banda (que deben ser anteriores a 1900), as casas de aldea que respondan á tipicidade das casas rústicas galegas e as casas de labranza (sendo construídas antes de 1940) e, por último, as aldeas de turismo rural que, ademais de estar sitas a menos de 500 metros, deberán ofrecer actividades de lecer e tempo libre, alén de desenvolver traballos agropecuarios (para o que precisan unha extensión mínima de 5.000 metros).


Aldeas a concurso
"A túa idea vale unha aldea" é o lema do certame "Recuperar as nosas aldeas". Trátase dunha das múltiples campañas de dinamización social que leva a cabo o Centro Catequético de Xestoso-Cambás, no municipio de Monfero. Un certame no que o gañador levará 150 euros, o segundo 100 euros, pero máis que a contía do premio, o que importa é a iniciativa que pretende recuperar proxectos para pór freo ao fenómeno de despoboamento que sofren os ámbitos de carácter rural, e coa intención de vencellar aos mozos ao futuro do seu propio municipio.

O Centro de Xestoso, caracterizado pola alma do cura párroco, Luís Rodríguez Patiño é un organismo singular que concerta frecuencia organiza actividades de dinamización social dunha zona cun marcado carácter rural. Foi así como naceu o Consello de Anciáns ou a Asociación de Mulleres do Campo.