Navegar pola rede e introducirse na liturxia, novas iniciativas pola lingua

Navega e misa, en galego

O Concello de Ferrol e Galego21.org veñen de pór en marcha a campaña "En liña co galego" coa que pretenden fomentar a navegación por internet no noso idioma. Por outra banda, a diócese de Lugo potenciará o emprego do galego nas misas para achegarse ós fregueses, maioritariamente galegofalantes.

Navegar, navegar



O equipo de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol e Galego21.org veñen de presentar a campaña "En liña co galego" que pretende achegar á mocidade os recursos de Internet e os programas informáticos dispoñibles no noso idioma. Así, proporcionouselles ós cibers da cidade unha guía de recursos de programas en galego. Ademais destas guías, das que se editaron dous mil cincocentos exemplares, repartiranse mil discos compactos cos mesmos contidos. Outra das accións da campaña é o promover o emprego nos cibers da cidade do navegador Xis, traducido ó noso idioma.













Misa en galego


O Consello Presbiterial Diocesano de Lugo vén de aprobar na súa última xuntanza unha serie de medidas encamiñadas a potenciar o emprego do galego nas liturxias. Con estas medidas preténdese achegarse ós fregueses que, segundo un estudio realizado recentemente por Bernardo García Cendán e Miguel López, son maioritariamente galegofalantes. Así preténdese que todos os lugares de culto poñan a disposición dos practicantes materiais para seguir a misa en galego e que dispoñan de misal e de leccionarios dominicais neste idioma. O mínimo proposto polo Consello Presbiterial é que haxa como mínimo unha misa en galego cada mes, e que no caso de haber varias os domingos, que unha canto menos sexa no noso idioma. Nese mesmo sentido, establécese un mínimo dunha lectura en galego en bautizos, vodas e comunións. Pola súa banda, o bispo José Gómez, prevé facer todas as súas predicacións en galego e, "se os fieis entenden esta lingua" a misa enteira, segundo sinala "El Progreso".








As razóns do idioma



Desde o Consello Presbiterial sinalouse que coa decisión da diócese "séguese o exemplo de Xesús, que falaba arameo e non latín". Outra das razóns esgrimidas pola Igrexa para tomar esta decisión é que o emprego da lingua propia achega a liturxia á xente e podería servir para mellorar a opinón da sociedade sobre esta institución.