Santiago recolle o testemuño de Pontevedra e acolle a terceira edición do Festiclown

A voltas cos clowns

A persecución dos narices vermellos xa comezou. Pasear por Compostela até o vindeiro domingo é todo un reto ... de risa. Compañías chegadas de numerosos puntos enchen as rúas do Centro Monumental e o escenario do Teatro Principal co único obxectivo de facernos rir. ¡Desclowntrólate!

A máxima que rezuma en todo o Festiclown é que "todo serve para facer rir". E así funciona un evento que naceu hai catro anos coa intención de acoller todas as manifestacións escénicas que carecían dun punto de encontro no noso país en dúas direccións: por unha banda para que os pallasos de todo tipo puidesen pór en escena os seus números e intercambiar experiencias, e pola outra, reivindicar a arte de facer rir e achegala ao grande público.

Unha risa, catro motivos
O festiclown non é só un evento de espectáculos cómicos, senón que é unha plataforma na que tamén hai cursos de formación, maratóns e concursos. Iso si, cada unha das seccións do programa ten a súa especificidade aínda que todos se presenten mesturados nun programa cargado de actividades da mañá á noite.

A Mostra Internacional é a sección do programa pola que estarán aquí o belga Elliot (Teatro Principal, xoves ás 22:00), co espectáculo Rock Comedy Show; ás contorsións físicas e amorosas de Shirlee Sonflowers e co seu show (Quintana, venres ás 18:30) ou as impredicibeis xoldas de Chris Lyam (Teatro Principal, venres ás 22:00).

Cumprindo co obxectivo que os veu nacer, o festival pretendía combinar as experiencias sufridas por cada artista. E así foi como xurdiron os cursos de formación ou "Formaclown", como se chama este ano. Nesta edición haberá dez cursos que ensinarán a como moverse para conseguir unha maior axilidade e expresividade, traballar cos textos elaborados polos propios alumnos, até un máis básico de iniciación ao clown para poder construílo e definilo en todos os seus aspectos. En total, nesta edición hai 180 alumnos que terán a algúns dos mestres europeos máis experimentados na materia: o británico John Wright, os italianos Claudia Contín e Ferrucion Merisi ou o sueco Jöns Pappila.

A terceira liña de acción do programa deste ano son as clownvocatorias, ou as sección que, ben na rúa, ben no Teatro Principal, permiten ver traballos de compañías de clown galegas e de fóra. E dentro desta liña, desde a organización consideraron que xa era hora de que se considerasen aos artistas que deseñan os seus espectáculos para os espazos abertos, á vista de todos os paseantes e por iso deseñaron un programa con case trinta compañías que buscarán que o público, non só se integre, senón que os considere como unha forma máis de facer cultura. As clownvocatorias buscan a participación do público, imprescindíbel tamén nas madrugadas do 5 e do 6 de agosto onde se desenvovlerán no Dado-Dadá os espectáculos coñecidos como "clown-off". E outro espazo de Santiago, a Sala Nasa, acollerá a festa na que todos os asistentes poderán improvisar e encher o escenario.

E todo este maremagnum acabará converxendo no "Desclowntrol", que non é mais que a exhibición de espetáculos de animación, pasarrúas e a demostración do que foron aprendendo os alumnos polas rúas da Cidade Vella de Compostela.

Superando os atrancos
Pasou o tempo e as tres edicións que se fixeron do Festiclown conseguiron efectos inversamente proporcionais. O éxito de público, participantes e prestixio non foi parello ao de financiamento e ao dos cartos que perpetuasen o evento. Os atrancos xa comezaron o ano pasado, cando o concello de Pontevedra (cidade na que naceu o evento) aludiu a razóns económicas para anunciar a suspensión do festival. Máis que a eliminación, desde Cooperactiva, a empresa "alma-mater" do proxecto, houbo unha redución drástica.

O resultado no 2003 foi "Mundoclown", unha denominación que agrupaba aos cursos de formación e ás actuacións de compañías que solicitaron participar en diferentes espazos. E este ano, logo de que a empresa organizadora anunciase a intención de levar o evento a Portugal ou a Cataluña, propuxéronlle ao Concello de Santiago asumir o custe do festival. E así foi. Nesta edición, a Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela é a entidade que organiza esta edición, co patrocinio do Consorcio de Santiago de Compostela.

Risas solidarias
A maior parte dos eventos que se organizan en Festiclown celébranse nas rúas, por iso son de balde. No entanto, os do Teatro Principal teñen un custe de 6 euros (hai un bono-mostra de 5 pases por 25 euros), uns cartos que irán destinado a organizar unha caravana solidaria de pallasos a Chiapas. Un proxecto no que levan traballando desde hai máis de tres anos e que este ano chega co reto de impulsar unha Escola de Formación de Pallasos indíxenas. A organización entende así que a cultura, alén de ser participativa debe ser solidaria a través da colaboración con outras comidades do mundo.