Unha mostra recupera a historia e os métodos de traballo do Hospital Real de Peregrinos de Compostela

Curación verde na meta

A chegada a Compostela logo de facer o Camiño desde a Idade Media ata hoxe mesmo implicaba a miúdo conseguir, para alén de indulxencias, diferentes trastornos de saúde. Foi para remediar estes problemas que se creou, en 1492 o Hospital Real de Peregrinos por iniciativa dos Reis Católicos. Este edificio da Praza do Obradoiro foi durante séculos un centro de sapiencia médica que estes días se recupera este con ocasión dos quiñentos anos da morte de Isabel a Católica nunha mostra que permite coñecer, entre outras cuestións, a importancia que tiñan as plantas na medicina tradicional.

Ademais de servir para a difusión de saberes, artes e persoas, a Ruta Xacobea foi tamén un lugar de tránsito para diferentes enfermidades. As privacións do Camiño provocaban a miúdo que os peregrinos chegasen a Compostela nun estado de saúde precario. Para atallar esta situación, os reis Isabel e Fernando, logo da viaxe que fixeron a Galicia en 1488, decidiron construír un hospital para acoller os camiñantes, e así naceu o Hospital Real de Peregrinos, hoxe coñecido coma Hostal dos Reis Católicos. Cinco séculos despois da morte da raíña Isabel, a organización do Xacobeo recupera aquela historia cunha mostra única. Desde o 14 de xullo ata o 21 de agosto do Ano Santo, pode coñecerse no Museo do Pobo a historia deste centro, da rede de institucións asistenciais que se foron creando ao longo do Camiño, a miúdo fundadas tamén por reis e nobres coma actos de caridade e mesmo os métodos de curación que se empregaban antes da chegada da medicina moderna.

Orixe e reconstrucción
No século XVI comezaba a funcionar o hospital de peregrinos, que se tivo que ampliar no XVIII e foi un referente para a Medicina en Galicia aínda cen anos máis. Neste tempo o centro foi testemuño da evolución das técnicas médicas, recompilando unha ampla variedade de elementos relacionados con este oficio. De calquera xeito, a cantidade de pezas acumulada non foi considerada abonda para organizar a mostra deste ano 2004, e reclamáronse pezas coma a maqueta do Hospital de Todos os Santos de Portugal, xa desaparecido, fondos do Museo Diocesano de Lleida ou varias pinturas e retratos sobre o tema, coma parte do retablo do portal do Hospital Real que pintou Cornelis de Holanda. A mostra organízase en tres partes. Por unha banda, o espacio “Os Hospitais no Camiño e a asistencia ao peregrino nos camiños de Santiago” recolle a historia da rede asistencial que existía na ruta. “O coidado dos enfermos e peregrinos en Compostela” repasa a historia das institucións sanitarias da cidade, e “O hospital ao final do Camiño” céntrase na botica e no laboratorio do antigo hospital, analizando os métodos de traballo dos galenos de hai séculos.

Botánica para a Historia
Foi neste punto onde a botánica tivo que ir lle botar unha man á Historia. Deste xeito, o Museo de Historia Natural Luís Iglesias da Universidade de Santiago colaborou coa posta en marcha desta mostra organizando a sala dedicada ao emprego de plantas silvestres na curación das doenzas dos peregrinos. Nesta sala amósanse as propiedades de catorce especies de plantas silvestres de emprego habitual na medicina tradicional e receitas de preparados elaborados con elas polos peregrinos. Sen embargo, a achega máis orixinal que fixo este centro foi a instalación dunha auténtica horta coas plantas medicinais empregadas na Medicina tradicional que se pode ver no claustro do convento de San Domingos de Bonaval, sede do Museo do Pobo. Segundo explica Mabel Fraga, unha das encargadas de organizar a parte botánica da mostra, “Para o deseño da horta o primeiro que fixemos foi documentarnos sobre as especies medicinais máis empregadas nos diferentes centros hospitalarios dos camiños de Santiago, así coma as máis frecuentes en mosteiros europeos e españois. Logo encontramos algúns documentos referentes ao Hospital Real, un deles cun inventario detallado das plantas cultivadas para abastecer a súa botica en 1851”.

Especies comúns e especiais
Deste xeito, no Museo de Historia Natural conseguiron unha lista de especies que incluía, entre outras “moitas plantas que en Galicia son consideradas malas herbas e que medran á beira dos camiños” onda especies mediterráneas máis difíciles de ver de xeito silvestre nos nosos montes. A lista é longa: hipérico, verbena, fiúncho, malvas, romero, lavanda, sabugueiro, laranxeiros, figueira ou vides. “O viño empregábase na elaboración de moitos medicamentos” explica Fraga. Onda estas plantas máis ou menos comúns, encontramos outras coma a belladona, o estramonio “que é moi abundante en Galicia”, ou a adormideira, “non puxemos adormideira porque está prohibido que tivemos que plantar papoula que é coma un sucedáneo e se pode atopar aquí sen problema”. Se o proceso de documentación non foi fácil, quedaba aínda conseguir as sementes e cultivalas para a mostra. “Das árbores e dos arbustos mercáronse exemplares de varios anos”, sinala Fraga. “Conseguir as plantas non foi fácil, xa que moitas delas non se comercializan”.

Curiosidades
“Quizais á xente lle chamen máis a atención algunhas alucinóxenas coma a belladona ou o Beleño, pero outras coma a malva teñen grande interese, xa que era unha das máis empregadas no Hospital Real”, explica Mabel Fraga. “Moitas das especies considerábanse tamén plantas máxicas sobre as que existen abondosas lendas. Un remedio curioso entre os peregrinos para aliviar o cansazo dos pés era envolvelos pola noite cunha capa de follas de ameneiro que se suxeitaban con vendas”. Queda a proposta feita por se algún camiñante dos nosos días quere probar aínda.