A 28 Bienal de Arte de Pontevedra propón a viaxe como experiencia social

Biografía da viaxe

12/7/2004 | Santiago. Xosé Manuel Lens | Seccións: Arte
20 lecturas | Compartido 0 veces
Máis sedes na cidade, cambio de comisarios e a viaxe como vehículo narrativo contemporáneo son as principais novidades da 28 Bienal de Arte de Pontevedra que se inaugurou o sábado. A mostra, unha das máis veteranas do país, incorpora este ano as novas xeografías comunitarias da Europa do Leste, dando azos a unha lectura periférica da arte. O noso crítico Xosé Manuel Lens analiza esta nova edición.
Unha narración central. Un espazo físico, urbano. Unha comunidade de persoas e ideas. Así o define Miguel von Hafe, un dos comisarios da Bienal: “gústame moito neste tipo de situacións cando sentes que estás creando como un tipo de comunidade ficticia de artistas, unha comunidade de afinidades que se reúne durante unha semana, e percibes que estás construíndo posibilidades de afectos no futuro”.

A 28 Bienal de Arte de Pontevedra é, como calquera outro acontecemento cultural singular, un certame non habitual, de carácter colectivo e que resposta a unha vontade non tanto temática como narrativa ou contextual. A mostra deste ano, despois de máis de trinta e cinco anos de historia, ten como tese argumental a viaxe, centrado no lema “En principio foi a viaxe” e presentado na obra de trinta artistas de diversas xeografías. A primeira das sorpresas sitúase na ollada europea, dirección que os comisarios da presente edición, David Torres e Miguel von Hafe (despois das pasadas edición a cargo de María de Corral), baixo a dirección xeral de Xosé Carlos Valle, a diferencia de anos anteriores, reforzando unha lectura periférica. Supón esta ollada periférica, palpable na propia selección dos comisarios, un dos mellores valores da bienal pontevedresa.

A bienal, que posúe un baixo presuposto en comparación con outras da xeografía peninsular —a Bienal de Valencia ou Sevilla, que se celebrará tamén este ano, teñen dez veces máis orzamento—, concéntrase no produto expositivo, na producción dunha exposición colectiva e non tanto nas actividades paralelas. Segue a persistir a idea de diálogo coa cidade, inherente a este tipo de certames. Esta edición repite a presenza do Pazo da Cultura, localizado no extrarradio da zona histórica xunto ó río Lérez, e complétase cun itinerario na Alameda, pola Facultade de Belas Artes (patio e aulas) y no Instituto Valle-Inclán (aulas e corredores). Novos espazos onde inteactuar as propostas, de relatos variados sobre o concepto de viaxe. Insisten os comisarios no acerto das novas sedes, acentuando a tese expositiva no propio exercicio de percorrer a cidade, sen desligarse dunha mirada cómplice co contorno.

Será a viaxe e o itinerario, a experiencia nómade, cambiante e experimental, pero tamén a propia viaxe mental, a que se localiza no pensamento e no discurso onírico. Unha idea viaxeira que, de xeito premeditado, enlaza coa celebración do Xacobeo’04, coa propia experiencia da peregrinación que, en maior ou menor intensidade, fai cómplice a todas as cidades galegas. “Interesábanos traballar co contexto no que estabamos. Non nos interesa que a bienal fora como unha nave marciana que aterrase no medio dunha cidade, sen ningún tipo de contextualización. A partir de aí xurdiu a idea de percorrido pola cidade (tres sedes), pero tamén a nivel máis teórico, estaba un tema que non quixemos rechazar: o feito de que coincidía, unha vez máis, cun ano xacobeo. Quizais tamén porque temos unha mirada máis distanciada, polo propio feito de chegar de fóra e non estar tan implicados”, explica David Torres.

Fusión de xeografías
O cruce xeracional e xeográfico, unha dialéctica que definía as pasadas edicións entre España e Portugal relacionada con outras xeografías, deixa paso a un protagonismo equilibrado con outras latitudes europeas, principalmente aquelas que definen los países del Este, recén incorporados á Unión Europea. Unha cartografía artística sen fronteiras e descentrada, nunha opción polos discursos laterais onde artistas como Frank Scurti, Paola Pivi, Melik Ohanian ou Yorgos Sapountzis, entre outros, representan esta realidade no limítrofe, perfectamente ilustrada na obra de Fikret Atay, coas súas instantáneas de Batman, unha aldea entre Turquía e Irak.

Trátase de analizar ou debater sobre a idea de viaxe; como indica Miguel von Hafe, “a viaxe como un elemento habitual da nosa vida cotiá, é máis do que reflicte ese lado máis romántico. Creo que a exposición, en certo sentido, ten unha visión moi crítica ante esta realidade contemporánea. Se observas a obra de Graham Gussin (presente na bienal), en termos de ideoloxía non ten nin pasado nin futuro; ¿que é?. O edificio do Pazo é un edificio con 8 anos e parece unha ruína desde fóra. É unha metáfora do noso tempo. Hai un debate sobre o propio tempo, o tempo social, o tempo contextual.” Cuestionar o feito de camiño, itinerario, ver “a relación do espectador con cada obra. A bienal é máis que o percorrido conceptual, é o resultado da suma destas viaxes”.

A experiencia da viaxe
A presenza de artistas complétase con intervencións significativas, moitas realizadas exprofeso nos diversos espacios e outras con obras adaptadas. Sobresaen a obra “Milagre” de João Pedro Vale, que ofrece una lectura da viaxe desde un barco enloitado con obxetos-exvotos, a intervención de Graham Gussin que ofrece unha experiencia desértica de area baixo un filtro cromático violeta, a expresión de supervivencia dos irmáns Rosado Garcés ou a performance e instalación de Massimo Bartolini no patio da facultade de Belas Artes. Un dos traballos máis atractivos é o de Fernando Sánchez Castillo, autor que reflexiona sobre a obra pública, cunha incisiva mirada crítica á viaxe histórica e real nunha particular intervención. Exemplos que parecen dispersarse do valor tópico da viaxe, nun discurso ó marxe, na idea do artista como habitante activo na historia.

Viaxe en galego
Atopamos a presenza galega no Pazo da Cultura e nas aulas da Instituto Valle-Inclán; nesta edición da bienal optouse por unha selección de catro autores, un grupo que mantén na súa obra unha relación, máis ou menos directa, coa idea de expansión territorial ou sentimental. Almudena Fernández recibe ós visitantes do Pazo da Cultura cunha intervención na que se apropia dun motivo ornamental que é expandido polas paredes, Mónica Alonso recrea unha viaxe á nubes, nunha pseudocentríguga de círculos concéntricos de “amor” para atopar un mundo de nubes; pola contra, Suso Fandiño ironiza sobre un final de traxecto, coa famosa frase “That’s all folks” e nunha imaxinativa viaxe de Warhol ó mundo televisivo de “Vacacións no mar”, mentres que Rubén Ramos Balsa oferta unha fantástica peza dunha lámpada invadida por un bailarín de claqué ou outra na que o tempo se limita a un breve intre de parpadeo.

Unha aposta, desde a bienal, pola fusión local-global, a ponte entre diferentes contextos e unha coherente chiscadeira aos novos artistas. Agora queda tempo para debater sobre o acerto ou non da nova selección dos comisarios e de obras e tempo para identificar esta nova lectura social da idea de Camiño distanciado da etiqueta de memoria, pasado e sacralidade.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego