Hermerico, Requila, Requiario, Franta, Maldras, Frumario, Remismundo...¿Sabías que estes son os nomes dos primeiros Reis de Galicia? Os suevos foron bárbaros procedentes da zona de Chequia que fundaron, na antiga Gallaecia, o primeiro Reino medieval de Europa a partir das cinzas do Imperio Romano. Varios autores recuperan nos últimos anos a memoria dun reino tan distante como descoñecido para o gran público
Dúas civilizacións, a romana e a xermánica. Dous xeitos de poder, de cultura e de lingua. Roma e a tribo xermana dos suevos, que procedían da zona de Chequia. A debilidade do Imperio Romano no século V coincidiu coa inmigración de numerosos grupos de guerreiros bárbaros que superaron as fronteiras e se instalaron no interior. Un continxente deles chegou a Galicia. Comezaba a Idade Media.
Nos últimos anos, varios autores detivéronse na investigación deste período descoñecido. Anselmo López Carreira publicou no 2003 Os Reis de Galicia (A Nosa Terra), realizáronse tres traducións da Crónica de Idacio un dos principais textos para comprender a época- e un destes tradutores, o escritor Xoán Bernárdez Vilar, gañou o premio de Historia Medieval de Galicia 2002 co libro O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma. O tema central que define a todos estes autores é o difícil proceso de transición entre o mundo romano, que esmorece, e o medieval. E, no fondo, a autonomía e a independencia desa Galicia que entra na Idade Media como un reino propio emerxido da mestura entre a poboación local e os invasores do Norte, da Xermania. Estes invasores, chamados suevos, pertencían a unha das nacións máis numerosas da Xermania. E o que fundaron foi un reino que quedou para a Historia.
É agora cando se están dando os froitos máis amplos como unha cousa tan básica como o sistema universitario galego, afirma José Antonio López Silva, profesor e tradutor da Crónica de Idacio, en referencia ao número de investigacións que se están a levar a cabo sobre a época, agora temos investigadores profundamente formados no estudio dese período no que se xorden os alicerces da identidade galega. O escritor e historiador Xoán Bernárdez Vilar recorda o pasado: a historia dos suevos, como a historia de Galicia en xeral, estivo proscrita en España. O primeiro gran traballo sobre os suevos foi feito por un alemán.
Un reino de 1.400 anos
No ano 410 o feble Imperio Romano claudicaba diante dos suevos, unha tribo . O emperador Honorio asinou un pacto co caudillo dos suevos, Hermerico, polo cal lles concedía a soberanía de feito sobre un distante provincia imperial: a Gallaecia. Esa Gallaecia era bastante máis grande que a actual Galicia: tiña por fronteira do sur o río Douro e ao leste chegaba ata a antiga Ávila. Soberanía significa unha independencia de facto do poder de Roma e determinados xestos de gran importancia simbólica, como a acuñación de moeda. Este reino, o primeiro na historia da Europa medieval, durou 175 turbulentos anos. ata que o rei visigodo Leovixildo conquistou este reino do Oeste e unificou Hispania. Pero Galicia, oficialmente, continuou sendo un reino ata a data moito máis próxima de 1833.
Parte do problema está en que dos suevos non nos quedou unha documentación exhaustiva, aínda que si moi expresiva. Por exemplo, o Parrochiale Suevum. É un valioso documento asinado no ano 569 polo rei Teodomiro que fala de como se dividía a Galicia da época, de como estaba organizada internamente. Galicia estaba dividida en comarcas, case as mesmas que actualmente, chamadas de aquela dioceses. Esta antiga división do país xa existía, nos seus grandes trazos, mesmo antes da chegada dos romanos. Esta administración territorial beneficiábase da Igrexa como única institución capaz de chegar a todo o territorio. A partir de aquí, intuicións. Pero intuicións ás veces moi coloristas.
As predicións dun pesimista
Non hai mellor xeito de comprender unha época que contemplala a través dos ollos dos seus contemporáneos. Ata nós chegou unha crónica do momento, escrita por un intelectual de sona no seu tempo: o bispo Idacio. Idacio foi prelado de Chaves (no actual Portugal) e procedía dunha rica familia da aristocracia galaicorromana da zona do Xinzo da Limia. Naceu ao redor do ano 395 d.C. e, aos doce anos, emprendeu unha perigosa viaxe por Oriente que o levaría ata Xerusalén e Alexandría, onde coñeceu a cregos e bispos. Sería de volta en Galicia cando se ordea sacerdote, no ano 416. Logo sería nomeado bispo de Chaves (hoxe, norte de Portugal).
Na súa Crónica, un relato cronolóxico dividido en anos, o bispo narra acontecementos que xulga terríbeis: Idacio aprecia un mundo que esmorece. É unha visión moi pesimista. El é moi consciente de que tódolos alicerces que sosteñen o seu mundo e a súa identidade se están a esvaecer, afirma López Silva, e iso non ocorre tranquilamente, senón de forma violenta. É como un cataclismo. Idacio o que testemuña é a revulsión que para el supón a chegada dos bárbaros, porque supón unha reviravolta a todo un sistema onde el ten sido educado e vive. Idacio narra na súa crónica todo tipo de grandes fenómenos naturais que ocorren como predicindo os desastres: terremotos, eclipses, as noites tínguense de vermello despois da lúa e todo tipo de avisos astronómicos. Vexamos unha perla: Olimpíada 311 [...] En Gallaecia, no mes de xuño, arderon casas de campo a causa dos raios, e quedaron completamente calcinados algúns rabaños de ovellas. Caeu do ceo carne mesturada con chuvia. Dous mozos que estaban adheridos o un ao outro pola súa carne morreron. No convento bracarense viuse o portento do nacemento de xemelgos; un parto similar, pero de catro, lémbrase en León. E logo describe a chegada dos bárbaros: os bárbaros causan por Hispania unha furiosa desolación [...]. A funesta fame agrándase de tal xeito que o xénero humano chegou mesmo a devorar cane humana. Os hispanos que sobreviviron ás plagas nas cidades e fortificacións vense sometidos á escravitude dos bárbaros que afianzan o seu dominio polas provincias.
¿Guerra ou paz?
O proceso de asentamento dos colectivos suevos dentro da Gallaecia non foi doado, e diferentes cidades do país víronse afectadas por cercos, sitios, represións e crimes, segundo Idacio. Dende a súa posición de bispo, Idacio negocia e tenta intervir politicamente na situación. No ano 431, o bispo comanda unha embaixada ata as Galias (actual Francia) na procura de Aecio, un dos principais cargos militares do Imperio. O motivo é frear a escalada de violencia na que se atopaba Gallaecia despois de que os suevos racharan o pacto de convivencia coa poboación local. Ao ano seguinte, Idacio retorna cun delegado imperial, Censorio. A embaixada semellou tranquilizar as cousas no territorio da Galicia. Momentaneamente. No ano 460, cando xa era un anciá, o rei Frumario apresa a Idacio durante varios meses e desposúeo momentaneamente da sé episcopal.
Sen embargo, para o historiador Xoán Bernárdez Vilar, as cousas non foron nin tan dramáticas nin tan violentas: Idacio era antisuevo ata a medula. Nótase que desfigura a realidade. Polos datos que temos, todo indica que o reino suevo foi o máis pacífico que tivo no seu momento. Este reino non era de piratas. O seu primeiro rei, Hermerico, buscou o entendemento cos romanos. E o reino estaba perfectamente organizado territorialmente, o rei asistía aos concilios eclesiásticos, por exemplo. Bernárdez Vilar sinala que non só foi pacífico, senón que mesmo houbo entendemento entre a poboación local e os xermanos: os suevos deberon conseguir que os galegos entraran no exército porque se non, non se comprende como puideron conquistar case toda a Península Ibérica no século V.
As tensións que se viven non deteñen tampouco a mestura entre as dúas poboacións. De feito, no ano 449, o rei Requiario decide converter oficialmente ao reino en católico, como a poboación local galega. Pero posteriormente, ao caer baixo o influxo do potente reino visigodo, modifícase o status e convértese á herexía arriana. O reino suevo desaparece das crónicas durante un século, ata o ano 550, cando Martiño de Dumio, un crego procedente de Oriente, reorganiza a formación e a organización eclesiástica e forma ao futuro rei Miro. Con Martiño de Dumio vívese un espertar cultural ao redor dos mosteiros. Durará pouco.
O reino suevo remata trala derrota da expedición do rei Miro a Sevilla no ano 583 e un posterior conflito pola sucesión ao trono. Os visigodos interveñen no proceso e o Reino Suevo remata anexionado ao hispánico no 585. O novo dominio sumirá a Gallaecia nunha crise económica e social e o país manterase en silencio ata despois da invasión musulmana.