Este sábado pola noite o Pazo de Congresos de Santiago abriu a súas portas a artistas, técnicos, empresarios, políticos e xornalistas, que arrouparon coa súa presenza aos premios do sector audiovisual. Non foi só un acto social, foi un acto profesional xa que nel pretendían premiar as mellores producións feitas o ano pasado no noso país, pero dun xeito distendido, ameno e divertido. Vestidos de gala, un viño de honra e moitas caras coñecidas.
Gala en directo
O evento foi retransmitido en directo pola Televisión de Galicia, un feito que condicionou a estrutura dun acto que se prolongou até as dúas da madrugada do sábado, aínda que foi capaz de manter a intensidade e o ritmo, grazas a un guión de Cabezas Quentes (e interpretado por eles mesmos Toñito de Poi, Evaristo Calvo e Xan Pérez) e Víctor Fábregas e Roberto Vilar (máis coñecidos como "Os toñechos") aínda que a condución recaeu nun divertido Javier Veiga que ofreceu unha "adaptación á galega" de clásicos cinematográficos. As actuacións musicais de Susana Seivane e de Luz Casal, alén dos cortes publicitarios, mediaron na entrega de premios.
Os gañadores
Os que máis veces subiron ao escenario foron os actores e técnicos que fixeron posíbel "As leis de Celavella" que foi, con nove estatuíñas, o produto máis premiado da noite. Por esta produción recolleron o galardón Pepe Coira (mellor serie de televisión), Antonio Pereira (mellor direción artística), Susana Veira (mellor maquillaxe e perruquería), Eva Fernández (mellor interpretación feminina), Antonio Mourelos (mellor actor de reparto) Nani García (mellor banda sonora), Cheche Carmona, Elixio E. Montero e Puri Seixido (mellor guión) e Marta Anta e Ruth Díaz (como mellor deseño de vestiario). A serie producida por Voz Audiovisual e que se emite todos os luns pola Televisión de Galicia era tamén a produción con maior número de candidaturas.
"O lapis do carpinteiro" de Filmanova SL. foi a segunda produción máis galardoada, con cinco premios (dos nove aos que optaba). Por este traballo María Liaño subiu a recoller o galardón que a acreditaba por ter desenvolvido a mellor direción de produción na película. María Pujalte como mellor actriz de reparto e Guillermo Represa, que conseguiu o galardón á mellor montaxe. Conseguiu tamén o premio a mellor interpretación masculina, que foi para Luís Tosar, aínda que era candidato tamén por "O agasallo de Silvia" e por "Trece Badaladas". Pero non foi o único galardón que compartiron "O lapis" e "Trece Badaladas" xa que no 2003 non houbo unha mellor película, senón dúas mellores películas, un galardón que repartiron "ex aequo" as producións de Filmanova e de Continental. E foi este mesmo premio o que fixo coincidir no mesmo escenario aos seus produtores Pancho Casal e Antón Reixa, que se deron un cordial apretón de mans logo de repartirse un dos premios máis importantes. O outro dos premios destacados no que tamén competían as dúas produtoras antes citadas, o de director, foi para Carlos Amil pola produción propia "Blanca Madison"; un filme que narraba a historia da cantante de boleros que volve á cidade para planear o asasinato do seu protector, quen abusara dela cando era nova. Unha produción que xa destacara na súa estrea o ano pasado polo número de copias en galego e polo pouco frecuente sistema de distribución en pequenas vilas. E precisamente da distribución falaron os representantes de Zopilote SL cando subiron a recoller o seu Mestre Mateo a mellor documental que foi para "Muxía, Política na Costa da Morte".
Estar e non estar
Por motivos profesionais non estiveron na gala dous dos grandes premiados. Ricki Morgade que alén de ser o premio Revelación José Sellier recibiu tamén o Mestre Mateo a mellor fotografía e iluminación, que desenvolveu para As leis de Celavella. E Luís Tosar, quen a pesar de non poder esta presente remitiu un fax no que se preguntaba que para a próxima vez puidese saber cal das tres películas polas que era candidato foi merecedora do galardón.
Entre que nas 25 categorías que había nos Mestre Mateo xa incluían a boa parte do audiovisual galego, houbo aínda así moitas caras coñecidas que non formaban parte da listaxe de candidatos. Os acotores: Hugo Silva, Comba Campoy, Cristina Castaño; o escritor Alfredo Conde, o debuxante de banda deseñada Miguelanxo Prado; os políticos Emilio Pérez Touriño e Xesús Palmou, Anibal Otero, xerente do Xacobeo, o pintor Miguel Anxo Murado, Diana Nogueira, Silvia Supestar, Manuel Manquiña, ou a gaiteira Cristina Pato.
E nós
AVG, o soportal do audiovisual que promove o Consello da Cultura Galega era candidato na única categoría posíbel: a de mellor produto multimedia. E ao final, os académicos decidiron concedernos un galardón que compartimos con "Caixa on" o portal de Caixa Galicia elaborado por Dygra Films S.L.
A entrega dos premios
Vista do cocktail previo á entrega dos premios
Foto: María X.
A entrega dos premios
Antonio Mourelos conversa con dous asistentes á gala antes da entrega dos galardóns
Foto: María X.
A entrega dos premios
Xavier Veiga foi o presentador da gala de entrega
Foto: María X.
A entrega dos premios
Evaristo Calvo, Xan Pérez (os "Cabezas Quentes") e Roberto Vidal e Vítor Fábregas ("Os Tonechos") nun momento da representación
Foto: María X.
A entrega dos premios
Pepe Coira, que recolle o Mestre Mateo a mellor serie de televisión, é apremiado por Roberto Vilar para que apure nos agradecementos
Foto: María X.
A entrega dos premios
Antonio Mourelos recolle o premio a mellor actor de reparto
Foto: Maria X.
A entrega dos premios
Eva Fernández recolle o seu Mestre Mateo a mellor interpretación feminina
Foto: María X.
A entrega dos premios
María Pujalte agradecendo o seu Mestre Mateo que a acredita como mellor actriz de reparto
Foto: Maria X.
A entrega dos premios
Susana Seivane nun momento da súa actuación
Foto: Maria X.
A entrega dos premios
Carlos Amil, Mestre Mateo a mellor director por "Blanca Madison"
Foto: Maria X.
A entrega dos premios
Uxía Senlle nun momento da súa actuación
Foto: Maria X.
A entrega dos premios
Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega, representantes de AVG/Culturagalega.org e de "Caixa On" reciben o premio a mellor producto multimedia
Foto: Maria X.
A entrega dos premios
Manuel Gago, director de Culturagalega.org e Kike Benlloch, productor de AVG, reciben o Mestre Mateo
Foto: Maria X.
A entrega dos premios
Pancho Casal e Antón Reixa recollen o Mestre Mateo a mellor longametraxe
Foto: Maria X.
A entrega dos premios
Xavier Villaverde agradecendo o Mestre Mateo ante a mirada de Pancho Casal
Foto: Maria X.
A entrega dos premios
Luís Álvarez Pousa agradece o premio de Honra Fernando Rey, baixo a atenta mirada de Manolo Gómez, presidente da Academia Galega do Audiovisual
Foto: Maria X.
A entrega dos premios
O equipo da redacción: Manuel Gago, Miguel Alonso, Henrique Monteagudo (secretario do Consello da Cultura Galega), Cristina Mouriño, Kike Benlloch, Santiago Montes e Rosa Tedín
Foto: Maria X.
Descarga o resultado das votacións da Academia Galega do Audiovisual