Representantes de editoriais en linguas minorizadas dialogan en Galicia

Libros para menores

Santiago de Compostela acolle desde esta mesma noite a representantes de editorias galegas, bascas, valenciás e catalás no encontro Galeusca2001 de Editores, que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega. Nas xuntanzas trataranse cuestións como a posibilidade de supervivencia das culturas minorizadas ante a globalización ou a adaptación do mundo editorial ós novos soportes.


Encontro


A reunión de editores Galeusca2001 chega a Galicia este ano despois de terse celebrado en San Sebastián en 1996 e en Barcelona en 1998. Os representantes de editoriais de culturas periféricas do Estado Español realizan estes encontros para analizar a problemática común da edición en linguas minorizadas. Os membros da Associació d´Editors en Llengua Catalana, da Euskal Editoreen Elkartea, da Associació d´Editors del Pais Valenciá e da Asociación Galega de Editores pretenden consolidar Galeusca coma foro de proxección cultural destas culturas.












Temas e xentes



Os editores chegarán a Compostela esta noite, onde, logo de ser recibidos por Carlos Casares, presidente do Consello da Cultura e director da Editorial Galaxia, asistirán a unha cea de presentación. As xuntanzas comezan mañá, cunha intervención do propio Carlos Casares sobre os novos retos da edición. A continuación desenvolverase unha mesa de traballo sobre a diversidade lingüística ante a cultura global que moderará Luis Álvarez Pousa e na que participarán Rosa Serrano Llacer, Jorge Giménez Bech e Damián Álvarez Villalaín. Pola tarde trataranse as oportunidades para a cultura minoritaria nun mundo globalizado cunha mesa na que participarán Verónica Cantó Domenech, Iñaki Egaña e Isaac Díaz Pardo coa moderación de Enrique Acuña.






Xoves

A segunda xornada deste encontro comezará coa análise da situación das linguas minoritarias ante as linguas dominantes que farán Carles-Jordi Guardiola, Olatz Osa e Manuel Bragado coa moderación de Manuel Portas. Esa mesma mañá Segimón borrás, Iñaki Irazabalbeitia e Alfonso García tratarán sobre a creación de productos editoriais noutros soportes distintos do papel, moderando a mesa Ernesto Sánchez Pombo. A tarde estará dedicada ás grandes obras e a comercialización de productos culturais. A mesa estará composta por Manuel Sanglas i Muchart, Txentxo Jiménez e Carlos del Pulgar, actuando como moderador Bieito Ledo.