Lugo retorna á súa época romana e ferve de actividade durante tres días co festival Arde Lucus

Voltar a Roma por Lugo

Nos últimos anos Lugo está a redescubrir o seu pasado. Despois da declaración da Muralla coma Patrimonio da Humanidade, os continuos achados da época romana están a facer que veciños e autoridades se fagan conscientes de que están a habitar un lugar con moita historia, na que a pegada do Imperio da Cidade Eterna mantense. Foi coa intención de manter e potenciar esta memoria que naceu hai tres anos unha festa que recrea aqueles tempos: Arde Lucus.

A iniciativa xurdiu hai xa tres anos da concellaría de Xuventude, encabezada daquela por Carmen Basadre. Co apoio dos hostaleiros da zona, puxo en marcha un programa para levar a cidade de volta á época romana durante un día. A intención inicial era difundir a consciencia desta pegada entre os veciños e ao tempo dar a coñecer as potencialidades turísticas da cidade. Segundo explica Leticia Vilar, responsábel de comunicación do Concello, "a idea naceu para recuperar a tradición da historia romana en Lugo, ao tempo que se lle tenta tirar partido á chegada do bo tempo e difundir as características do casco histórico e da muralla". Deste xeito, e contando co asesoramento e co apoio da Asociación Civitas Limicorum, que organiza a Festa do Esquecemento en Xinzo, púxose a andar a celebración, que chega á súa terceira edición entre os días dezaoito e vinte deste mes de xuño.

Axuda externa
A colaboración con Civitas Limicorum deu finalmente nun irmanamento entre Lugo e Xinzo xa que, segundo explica Vilar, "somos os únicos lugares de Galicia que celebramos eventos destas características". O apoio mutuo mantense, e este ano serán cincuenta os limiaos que visitarán Lucus Augusti, completamente ataviados coma cidadáns de roma. Non será a única visita foránea nestes días. A sona do Arde Lucus traspasou fronteiras nestas tres edicións, e existen xa agrupacións de afeccionados á recreación histórica romana que se achegan desde todo o estado para participar no evento. Deste xeito, no pasado ano seis cuadrigas cos seus cabalos chegaron desde Valencia para correr no casco antigo da cidade. Ademais deles, milleiros de turistas ateigarán esta zona para coñecer a celebración. "Non podemos achegar cifras concretas, pero o casco histórico énchese totalmente de xente que se vai desprazando de xeito masivo dun evento ao outro".

Colaboración interna
Alén da xente que vén de fóra, a participación cidadá é fundamental na organización e no desenvolvemento de Arde Lucus. "Coma todos os anos, a festa conta con figurantes voluntarios da propia cidade, que son máis en cada edición que para esta chegan xa aos cento corenta". Onda eles, os hostaleiros, parte activa na celebración desde o comezo, tiran as barras para a rúa e ambientan os seus locais ao estilo imperial, e cada ano son máis os cidadáns que se suman ao evento disfrazándose. "Hai tamén grupos de teatro locais que colaboran no evento, realizando animación de rúa e actuando nalgunhas prazas", explica Vilar. Tamén a Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS) colabora organizando, como xa é tradicional, a bacanal romana na noite do sábado.

Novidades e programa
Entre as novidades deste ano destaca en primeiro lugar a ampliación dos días de festa, que pasan a ser tres en lugar de só un como era habitual até o de agora. Outra das grandes novidades do evento será a instalación dun campamento romano que plantará dez tendas na zona do Canil, onde se instalarán os voluntarios que colaboran no evento. Alén diso, as actuacións e os eventos multiplícase para cubrir todo o tempo da festa. Desde as catro da tarde do venres , a actividade será continua, mais é sen embargo no sábado onde se concentran os actos, cun programa que comeza ás once da mañá e acaba ás seis da madrugada do domingo. É na tarde e na noite onde máis actividade hai, comezando polo pregón co que se conmemora a fundación da cidade, un desfile ou os concertos de arpas. Ao longo da noite continúan os actos con carreiras de atletas por riba da muralla, competicións de cuadrigas ou actos de venda de escravos. Tamén se poderán ver loitas de gladiadores, sempre que os gardas romanos que se apostarán nas portas da cidade vella o deixen pasar a un, claro.

Máis actividades
Os interesados en ter un casamento diferente, terán á súa disposición ao longo do día diferentes druídas que oficiarán vodas e bautizos, cos seus correspondentes certificados. As actividades nocturnas comezan cunha cea romana, e esténdense ao longo da noite con diferentes actos entre os que destaca, como novidade, a queima simulada da fachada da catedral. Teatro á unha da mañá, concerto dos Cempés á unha e cuarto, baile celta ás tres, un novo concerto ás catro... As propostas prolónganse toda a noite até que se apagan os fachos para lle dar a benvida ao deus Lugh. "O ano pasado parecía que moita xente se ía retirar pronto, mais moitas familias seguiron a programación até a seis da mañá", explica Vilar.

Futuro
O Concello achegou para a celebración deste ano corenta e cinco mil euros, que se amplían coa colaboración de patrocinadores. A intención dos organizadores é asentar o evento, "Queremos ver como funciona o campamento romano e ver se o podemos ampliar para vindeiras edicións", sinala Vilar, "a nosa intención e consolidar a festa e que se converta nun referente para o todo o Noroeste do Estado". Polo de agora as expectativas deste renacemento de Roma en Lugo son boas.