Os artistas buscan na rede novos soportes espazos nos que integrar conceptos

001011_art

Cando a arte e as novas tecnoloxías se unen aparecen cousas como as videocreacións, vídeoinstalacións, sonorizacións, ruidismos.... tantas e tantas experiencias como a imaxinación sexa capaz de idear. O concepto que agrupa a todas estas iniciativas é net art. Pero... ¿que é exactamente? ¿hai net art en Galicia?

Lola Dopico, profesora da Facultade de Belas Artes en Pontevedra, define o Net art, como "as experiencias artísticas que se desenvolven no contexto da rede". Silvia Rodríguez, tamén profesora nese centro e artista, vai un pouco máis alá ao introducir o concepto do receptor na súa definición: "son as obras pensadas para que o espectador as poida gozar a través da rede."

O caso é que non se diferenza do resto dos proxectos artísticos, no sentido en que plasma un concepto, unha idea, unha tese e que se vale duns materiais para elaboralo. Pero ten unha especificidade que o separa doutras disciplinas artísticas.

As características
"Eu, fala Silvia Rodríguez, destacaría do Net art a proposta da interactividade porque aínda que non parece moi obvio e que case nunca se leva a cabo, é moi importante. Ás veces ofrécese unha interactividade fallida,cando só ofrece unha opción (como premer aquí ou alí) aínda que debería ser moito máis interactiva". Mais non é a única característica, Silvia ofrece outra máis que é a da deslocalización, a presentación de contidos fóra do seu contexto habitual, que obriga a explorar mundos novos. Desde que en 1995 o artista esloveno Vuk Cosic acuñara o concepto net art, fóronse transformando as estruturas narrativas de tal xeito que o hipertexto (termo que remite ao conxunto de unidades relacionadas entre si por nexos que permiten recuperar a información) foi abrindo toda unha serie de posibilidades narrativas que lle sentaron como anel ao dedo para as reflexións que pretendían achegar os artistas.

Mais a propia Silvia xa apunta un dos principais problemas que ten o Net art "que implica moito traballo de actualización e mantemento, por iso, moitos dos webs que se crearon con ímpeto cultural co tempo acaban aparcándose porque implica moito esforzo".

A profesora Lola Dopico acaba de presentar na facultade de Belas Artes de Pontevedra a súa tese, na que dedica un capítulo enteiro a afondar na relación entre os materiais artísticos e a definición de Net art. Nese sentido apunta que "hai diferentes opinións, hai xente que cre que toda a produción artística que se produce na rede é Net Art, pero hai moitos que cremos que nun momento dado a cultura tiña que participar na extensión de Internet, pero que non necesariamente non ten que estar sempre en pezas que estean colgadas na rede". Segundo esa postura todo o que une as novas tecnoloxías coa arte, estea ou non publicada en Internet, é susceptíbel de etiquetarse como Net art.

Sitio web: o punto de partida
Os anos 70 foron os anos da experimentación en vídeo, a performance foi propia da década dos 80, e os 90 foron os da construción na rede. Desde que se produciu o espallamento e a eclosión de páxinas web en Pontevedra (ao abeiro da facultade de Belas Artes) houbo un grupo de traballo que non quixo perder o compás destes movementos. Comezaron a traballar no ano 1996 e ofreceron unha das primeiras propostas de espazos de creación na rede que houbo xa non só en Galicia, senón en todo o Estado. Chamábase Sitio web e estaba coordinado por Lola Dopìco e por Fernando Suárez.

"A filosofía e a esencia de espazos deste tipo {Sitio web} é o mesmo que o da maior parte da arte contemporánea. É a unha expectativa próxima á creación e á experimentación dun novo medio" explica Lola Dopico. Sitio web foi unha especie de colector que deu acubillo a iniciativas personais de Net art. entre os que destacou xente como Fernando Suárez, Silvia García ou Juan Domínguez.

Con nome propio
En medio da voráxine construtiva de páxinas web que houbo a mediados dos noventa, o Centro Galego de Arte Contemporánea quixo subirse ao carro das relacións entre a arte e as novas tecnoloxías presentando o seu proxecto de páxina web.

O sitio web do CGAC comezou a construírse no 1997 por unha empresa catalá, cuns apartados que foron definidos por Gloria Moure, directora do CGAC naquel momento. Entre eles estaba "web art" o que se fixo foi "unha especie de pequena convocatoria para que a xente nos enviase os seus proxectos. Pero non chegou a porse en marcha porque houbo unhas complexidades técnicas para que un servidor institucional permita aloxar certos proxectos, por iso non chegou callar". Así o explica Silvia Rodríguez que hoxe é a encargada deste apartado no centro e que a título persoal tamén desenvolve proxectos de Net art. Un deles é "Diario falso" que pretende ser "unha metáfora do que lle sucede a alguén que entra en internet e se perde. Unha sensación que pretendo transmitir construíndo páxinas onde o percorrido é intuitivo, sen que o personaxe saiba por onde está navegando".

Á marxe de proxectos como os de Silvia, a arañeira de Internet deu lugar a moitas outras iniciativas. Son as de Nilo Casares, as do deseñador Álvaro Valiño desde o punto de vista da información e a creación de contidos; Chiu Longina en solitario e Sinsalaudio como grupo ofrecen as súas propostas da arte sonora que teñen tanto nos seus sitios web coma no MARCO, museo de arte contemporánea vigués, un espazo de presentación.

A evolución técnica e a imaxinación humana son os dous polos deste modo de produción artística que é imparábel e que aínda está en definición e renovación constante. O anonimato que caracteriza á Internet implica que é posible que en Galicia haxa máis exemplos de Net Art. Naveguemos cos ollos ben abertos pode ser que calquera día nos enredemos nalgunha nova proposta artística.