Sucédense as homenaxes a Álvaro Cunqueiro nos vinte anos da súa morte

Se o vello Al-Faris voltase a Galicia

Galicia ferve de homenaxes ó que foi o maior mestre da imaxinación do país. Álvaro Cunqueiro, poeta e fabulador, ve recoñecido hoxe o seu traballo coa publicación de especiais na prensa e diferentes homenaxes.



Cunqueiro na prensa



Varios son os xornais e publicacións galegas que ofrecen hoxe nas súas páxinas artigos e especiais sobre o ilustre mindoniensa. Así, "La Voz de Galicia" editou un especial sobre a súa figura no que colaboran sinaturas coma Anxo Tarrío, Euloxio Ruibal ou Camilo Franco entre outros desglosando diferentes aspectos da vida e da obra do escritor. Pola súa banda, "El Progreso" recolleu nun libriño os artigos que realizou Cunqueiro para este xornal entre 1956 e 1959. O "Diario de Ferrol" publica un poema inédita escrita por Don Álvaro na súa adolescencia titulado "Ela, que se chamaba Pilar". Ademais, recolle varios artigos sobre a relación do escritor con Ferrol e sobre a súa actividade creadora. Tamén "Atlántico Diario", "El Correo Gallego" e "O correo Galego" ofrecen reportaxes sobre a figura do escritor. Na rede, Vieiros ofrece unha chea de enlaces a diferentes páxinas sobre o autor, e desde Culturagalega.org ofrecemos textos autógrafos de Cunqueiro e cortes da súa voz.













Homenaxes



Ademais do recoñecemento en prensa, son varios os homenaxes que se lle prestarán ó escritor. Así, a Fundación Álvaro Cunqueiro e a Deputación de Lugo veñen de pór en marcha un progrma para conmemorar os vinte anos da morte e os noventa do nacemento en Mondoñedo de Don Álvaro. Pola súa banda, Galaxia prevé reeditar no ano 2006 as obras completas de Cunqueiro nunha edición mellorada. Desde Mondoñedo e Ferrol, vilas coas que Cunqueiro mantivo fortes lazos, prepáranse tamén varios actos de homenaxe. Así, en Mondoñedo farase, ás doce e cuarto da mañá, unha ofrenda no Cemiterio Vello, onde repousan os seus restos. A continuación farase unha lectura de "Merlín e familia" e un paseo por lugares vencellados ó autor. En Ferrol leerase un artigo no que Cunqueiro ensalza a cidade e realizarase unha ofrenda floral no castelo de San Felipe.