Santiago centra a programación dun Xacobeo que pretende atraer ao maior número de xente posible

Xacobeo Cero

Xacobeo significa moitas cousas. Peregrinación histórica até Compostela para ver os restos do Apóstolo Santiago. Un negocio para grandes e pequenas empresas. E, para moitos un espectáculo. Desde que o Xacobeo existe como imaxe de marca e desde que a Xunta creou unha sociedade de xestión para o proxecto, existe un programa de actos que fan que vir a Santiago teña premio.

"Xacobeo significa xúbilo, pero que non se debe confundir con frivolidade". Quen fala é Xerardo Rodríguez, o coordinador de Espectáculos Audiovisuais deste Xacobeo 2004. Ou o que é o mesmo, a persoa que se encarga de coordinar o programa de actividades lúdicas e espectáculos que a Xunta, a través da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, presenta para acompañar ao ano santo.

Exactamente... ¿que é?
Simple Minds, Red Hot Chilli Peppers, Chemical Brothers, Massive Attack, Iggy & The Stooges , The Darkness ou Lilith son algúns dos nomes que este ano conforman o cartel que define a programación do Xacobeo. "Un dos tres eixes da programación é a contratación de estrelas, como é o acontece nos Concertos do novo milenio e que atraen a un público que doutro xeito non viría a Galicia".

A Xerardo Rodríguez non lle gusta falar de números antes dos concertos, por iso non quere ofrecer nunha cifra de visitantes pero ten claro que "o que vén facer o Camiño de Santiago, vén atraído polo propio camiño, mais cos concertos é distinto, porque estou a referirme a unha cultura do rock&roll que mobiliza á xente doutro xeito. Por exemplo, no ano 1999 das 33.000 entradas que se venderon para o concerto dos Rolling Stones, 23.000 viñero de fóra da Comunidade. E este é un dato esclarecedor". A día de hoxe, o concerto do Red Hot Chilli Peppers (día 27 de xuño) xa leva vendidas 14.000 entradas, que é case a metade do aforo, e aínda faltan dúas semanas para que se celebre o evento.

Con respecto á concentración en tres días (14, 15 e 16 de xullo) de boa parte dese cartel de "estrelas", para Xerardo Rodríguez é un costume do rock&roll, que gozan da mesma dinámica que festivais como o de Benicàssim, o Festimad ou o Festival de Paredes de Coura, "o que se pretende con esta concentración artística é facer o gran festival do Xacobeo 2004". No ano 93 organizouse o concerto dos "Mil anos" que foi unha concentración con artistas de menor peso; no 99 o concerto estrela foi o que reuniu na praia de Santa Cristina a Luar na Lubre, The Coors e Mike Oldfield, e no 2004, a fórmula escollida é unha macroconcerto de tres días de duración.

Os Concertos do Novo Milenio compleméntanse tamén cos "Concertos no camiño" e coa programación que a Xunta prepara todos os veráns pero que, segundo Xerardo Rodríguez "se ven aumentados a nivel de presuposto polo feito de estar en ano Xacobeo".

"O segundo dos eixes é a explosión promocional da Comunidade Autónoma a través dos medios de comunicación audiovisuais (TVE e TVG a través tamén das súas canles internacionais, Radio Nacional de España, a Cadea Ser e a Cope); alén dos proxectos inseridos nas produtoras, coa achega de documentais e produtos de fición. Son as galas e programas especiais que as emisoras gravan en espazos emblemáticos e que logo se programan ao longo de todo o ano. Por exemplo, este xoves gravarase na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela, unha das galas que TVE-G ten prevista e á que asistirán Janet Jackson, Mariza, Nek ou Mark Knopfler entre outros.

"En terceiro lugar, apunta Xerardo Rodríguez, trátase da posta en valor dos nosos músicos, máis capaces de desenvolver espectáculos de creación. Son os eventos que se trasladan ao exterior é por iso son tamén os máis dificultosos, porque cada un ten o seu espectáculo, a súa dirección técnica, artística... Desde o Xacobeo ofrecéuselle unha oportunidade aos artistas que xa teñen certo peso artístico para desenvolver o seu proxecto". Así, Mercedes Peón, Abe Rábade, Nani García ou Susana Seivane teñen o seu espazo dentro da programación.

Custe cero
Xerardo Rodríguez asegura que "non son home de números e non teño a cifra exacta dos custe porque non é a miña misión. O que si sei é que aos presupostos xerais da Xunta de Galicia non lle custa nin un só céntimo, xa que o orzamento dos espectáculos vén dado polas achegas dos patrocinadores". Hai dez firmas nacionais e máis de trescentas galegas que contribúen con cantidades desiguais para a celebración deste evento e sen os que "sen a súa colaboración non sería posíbel"

No backstage
O cartel deste Xacobeo presentouse contando con xente que, segundo Xerardo Rodríguez, fose accesíbel e asumíbel. Durante moitos meses falouse de figuras como o grupo irlandés U2 ou Lenny Kravitz, que son, para Rodríguez "artistas que non están no mercado". A configuración do programa que hoxe se pode consultar no web do Xacobeo foi un traballo fondo e profundo que se veu desenvolvendo con meses de antelación. E non todo foi un camiño de rosas. As dificultades? Para Xerardo Rodríguez hóuboas e hainas, de moitos tipos. En primeiro lugar a falta de infraestruturas. "En Galicia só hai tres lugares nos que se pode actuar, puntualiza Rodríguez, o Coliseum, o Monte do Gozo e o Parque de Castrelos. Deses espazos dous son ao ar libre e un é pechado". En segundo lugar, "aínda se segue a dar o centralismo e o catalanismo e, aínda que comezamos a ser coñecidos, Galicia continúa a ser como unha esquina perdida no mapa. E houbo casos de artistas que non quixeron vir a Galicia". E, en terceiro lugar, "todo o mundo quere que lle pase a autopista pola porta da casa. E pasa exactamente igual nos concertos, xa que todo o mundo quere os nomes que están a sonar neste momento". E hai quen non valora os nosos músicos e prefire aos que veñen de fóra. "Por exemplo, recorda Xerardo Rodríguez, Mercedes Peón, considerada estrela revelación pola BBC, e houbo quen preguntou se non podía levar a Rosa de OT ou a David Bisbal".