Un grupo de licenciados en Historia da Arte dedícanse de xeito profesional á catalogación de patrimonio etnográfico

O negocio de buscar muíños

Ollar para hórreos, cruceiros e fontes pode ser unha profesión. O crecente interese por recuperar o noso patrimonio etnográfico e a necesidade dun traballo sistemático para o coñecer levou a cinco estudantes de Historia da Arte a crear Etnoga, unha empresa especializada na análise destes elementos. Catalogar e pór en valor todo ese patrimonio, tanto material coma inmaterial, que está espallado e esquecido por todo o país é o seu negocio.

Todo comezou cun traballo de catalogación de patrimonio para o Museo de Pontevedra. Cinco licenciados en Historia da Arte, Carmela Sánchez, Marcos Carrillo, Olga Conde, José Luís Gómez e Fátima Amoeiro emprenderon a catalogación de boa parte do patrimonio cultural da Comarca do Salnés. "Foi un contrato dun ano, e nese tempo detectamos a necesidade dun servizo coma este", explica Carmela. "Comeza a haber unha preocupación polo patrimonio etnográfico, os concellos van tendo máis sensibilidade cara ao tema mais aínda hai moito que facer". Unha vez acabado o traballo, na altura de abril de 2003, os integrantes daquel equipo decidiron arriscarse e botar a andar Etnoga, unha empresa que se dedica profesionalmente á catalogación de patrimonio etnográfico aínda que no seu campo inclúe actividades coma montaxe de exposición, creación de rutas, organización de cursos e todo tipo de actividades relacionados con este campo. "As liñas de actuación son amplas, mais centrámonos no patrimonio etnográfico porque é o que está menos estudado e conservado".

Posta en marcha
Despois dunha temporada de formación en cuestións empresariais, finalmente o proxecto botaba a andar co apoio do programa Uninova da Universidade de Santiago, que lle proporciona un local ademais de asesoramento empresarial á iniciativa. Desde aquí, este grupo está a enviar o proxecto a todos os concellos do país, e xa recibiron varias respostas positivas interesadas en coñecer máis polo miúdo a súa proposta. "Estamos en pleno traballo de comerciais", sinala Carmela, e mentres, continúan o proceso para constituír legalmente a empresa. "Os potenciais clientes son os concellos e tamén empresas. Hai que pensar que nós queremos facer un tratamento global do patrimonio que inclúe a creación de rutas e a difusión deste material".

Xeito de traballar
O método de traballo máis habitual de Etnoga á hora de catalogar patrimonio etnográfico consiste fundamentalmente en percorrer a pé, casa por casa, os espazos a analizar e preguntarlle aos veciños se coñecen algún elemento na zona. ""Perguntarlle á xente é o único xeito de saber verdadeiramente onde están as cousas e o que queda do patrimonio" recoñece Carmela. "Hai tamén moito traballo de documentación en arquivos provinciais e locais, e consultas en diferentes publicacións". A partir deses datos desprázanse até o lugar concreto e realizan unha ficha tipo sobre cada elemento, sinalando o nome, medidas, a localización exacta, fotografías e comentarios sobre peculiaridades e estado de conservación dese elemento. "Moito traballo sobre a catalogación e estudo deste patrimonio fano os colexios e as asociacións a nivel local en lugar das administracións", recoñece esta historiadora, "e este é un traballo que non se ten en conta mais que é moi importante".

Patrimonios
Hai que pensar que os traballos da empresa van máis aló dos edificios e construcións, e chega tamén a elementos coma aparellos de labranza, ferramentas ou móbeis. Alén diso, tamén actúan na recollida de patrimonio inmaterial, habitualmente esquecido nos traballos de catalogación, e que é o que habitualmente corre máis risco de desaparecer. Onda esta, outra variedade de patrimonio pouco recoñecida son os elementos de construción recente coma pequenas factorías que a empresa tamén ten en conta no seu labor. Neste sentido, Carmela Sánchez recoñece que "na administración non hai moita sensibilidade cada a estas cuestións, basicamente interesa moito conservar o que xa se coñece". Entre os problemas que encontra a miúdo o grupo está a falta de consciencia sobre a importancia deste legado "a xente sabe onde están as cousas mais moitas persoas maiores non o ven coma algo que se deba recuperar, téñeno asociado a un pasado que morreu". Outro problema é precisamente o contrario, un excesivo interese polo patrimonio como negocio que se reflicte a miúdo no espolio. "É raro xa encontrar muíños abandonados que aínda teñan dentro as pezas. Hai quen rouba as pedras de muíño para as vender despois coma mesas para chalés".

Proxectos
Entre os traballos que manexa a empresa na actualidade está completar a catalogación de elementos etnográficos do concello de Vilagarcía, organizando unha exposición fotográfica cos elementos máis destacados e coordinando un libro co inventario do patrimonio material local. Dun xeito máis global, en breve emprenderán unha catalogación exhaustiva de todo o patrimonio da parroquia de San Lourenzo de Ouzande, na Estrada, tratando desde o patrimonio inmaterial até a arquitectura civil e relixiosa da zona. Finalmente, traballan tamén nunha publicación para difundir a obra do pintor Lodeiro. "Non coñecemos outra empresa semellante en Galicia, mais si sabemos de casos en España e en Portugal que van adiante", apunta Carmela. Está por ver se o interese que existe no noso patrimonio é de abondo para manter en pé unha iniciativa pioneira coma esta.