Os actos da Marcha Mundial das Mulleres encheron o ambiente da Cidade Olívica cun discurso alternativo

Vigo é das mulleres

Vigo foi feminino durante esta fin de semana. A Cidade Olívica acolleu os actos europeos da Marcha Mundial das Mulleres deste ano, nunha iniciativa histórica que supón un punto de inflexión para o movemento feminista do noso país e que encheu a cidade cunha multitudinaria manifestación de vinte mil persoas entre moitos outros actos.

A comezos de 2003, nunha xuntanza da Coordinadora Europea da Marcha Mundial das Mulleres, Paula Curveira e Estela Gómez, representantes galegas neste evento, presentaban a situación das mulleres do noso país. Segundo explica Lupe Cês, coordinadora do evento en Galicia, "levaron a esa reunión o que estaban a vivir as mulleres galegas a partir do desastre do Prestige, buscando a solidariedade da Marcha. As delegadas europeas recolleron esta situación e como se pensaba en organizar actos previos ás grandes mobilizacións internacionais do 2005, propúxose Galicia coma sede". E foi así coma a Marcha chegou a Vigo "aceptamos o reto dun xeito un pouco inxenuo porque non éramos conscientes de todo o que aparella organizar un evento así, mais agora estamos moi satisfeitas de que Galicia recibise as mulleres europeas".

Os actos
Debate, denuncia e festa. O encontro feminista celebrouse desde esta tripla perspectiva durante a fin de semana. Por unha banda, o foro que se celebrou ao longo do sábado vinte e dous reuniu na cidade prestixiosas especialistas de diferentes partes do mundo que abordaron diferentes problemáticas en relación coa muller. As propostas feministas respecto aos problemas ambientais ou as achegas desde esta óptica ao proxecto de constitución europea, así coma os conceptos de corporeidade, espiritualidade e resistencia para as mulleres foron analizados por algunhas das coordinadoras internacionais da Marcha Mundial das Mulleres onda galegas coma María Xosé Agra ou Lidia Senra. Pola banda da festa, un concerto na noite dese mesmo sábado reuniu nun escenario músicas de interpretes da calidade de Uxía, Mercedes Peón, Amparanoia ou as portuguesas Tucanas. A anécdota da xornada veu na imposibilidade que tivo a cantante alxeriana Souad Massi de entrar no Estado Español devido ao peche de fronteiras que provocou a voda real. Outro dos actos centrais do evento foi a Feira Feminista que ocupou boa parte da zona de beiramar viguesa e que albergou exposicións, teatro, obradoiros e un bo feixe de actividades, alén de dar a coñecer diferentes propostas solidarias e de achegar as peculiaridades culturais de mulleres de todo o mundo aos visitantes. Organizada tematicamente, na propia feira dábanse a coñecer a problemática da muller relacionada con aspectos coma o medio, o antimilitarismo, a liberdade sexual, a pobreza, a saúde, a inmigración ou a violencia entre outras cuestións.

A manifestación
"Diferentes si, desiguais non" foi o lema central da manifestación que se celebrou na mañá do domingo. Tomando o testemuño da celebrada en Bruxelas no ano 2000. Segundo Lupe Cês, "queriamos encher as rúas de Vigo de mulleres que cuestionan o modelo de constitución europea, os procesos políticos, a redacción e a aprobación da constitución europea dentro dos obxectivos xerais de loita contra a violencia e a pobreza". O obxectivo logrouse. Arredor de vinte mil persoas tomaron as rúas para reclamar a igualdade real de xénero.

A importancia de organizarse
"Non nos interesa tanto sinalar o número de mulleres que participaron nisto senón a calidade desta intervención. Asistimos a unha participación de mulleres que é moi importante valorada en traballo. Para as mulleres participar na vida pública implica que nas súas casas, na súa vida persoal e no traballo están triplicando os seus esforzos, hai que deixar moitas cousas atadas para poder contribuír". Cês refire anécdotas sobre bebés entre as fichas dos fóruns, a comida que se queima mentres alguén atende unha lista de voluntarias, algunha cita que se arranxa na media hora de descanso para o café na empresa...

A organización e o movemento
"O movemento feminista en Galicia foi sempre un movemento pequeno", recoñece a coordinadora. " pero somos un movemento con moita influencia social e estamos a conseguir mudar consciencias, pensamentos e xeitos de ver as cousas". Neste sentido, a organización da marcha supón un antes e un despois para este movemento. "Xa foi un punto de inflexión para o feminismo galego que as nosas delegadas tomasen aquela decisión". Desde aquela viñeron catro anos de aprendizaxe no traballo en común, de consenso e de diálogo entre organizacións moi diferentes, e isto supón unha grande apertura de cara á capacidade de organización". Nada menos que 45 organizacións se integraron neste evento, nunha iniciativa histórica.

O futuro
Despois desta demostración de capacidade organizativa o movemento feminista galego quere, ao longo do vindeiro ano, someter a debate a Carta Mundial das Mulleres que se consensuará en Ruanda o vindeiro mes de decembro entre os seis mil grupos que participan na Marcha. Este movemento quere dar a coñecer o texto entre diferentes grupos sociais, sobre todo femininos, mais tamén institucións e grupos de poder. Neste documento os colectivos feministas galegos queren incluír as conclusións que se tiren a partir da experiencia viguesa. "Esta mobilización do 2004 vémola coma unha achega a ese documento coa intención de que sexa un texto de referencia para o feminismo e para os movementos sociais aliados que pelexan pola transformación social".