O ambiente do Saló de Barcelona deixa translucir unha certa recuperación da industria aínda con menos público

O corredor no Saló

Para alén das cifras oficiais de visitas e de vendas, a miúdo esaxeradas, existen moitos outros puntos nos que tomar o pulso a un evento como é o Saló de Barcelona. Falar cos visitantes e os expositores, escoitar o que di a xente, pasear polo corredor. Iso é o que fixemos, e isto é o que vimos.

Cun dos carteis máis impresionantes dos últimos tempos en canto a autores, e a pesar da caída a última hora do mítico Ralph Köenig, a vixésimo segunda edición do Saló de Barcelona prometía encher un ano máis a Estació de França e bater records de participación. A pesar de que as ringleiras para conseguir sinaturas foron longas en moitos casos, non deixou de sorprender que autores coma Charles Burns tivesen desocupadas partes das súas xornadas de sinaturas ou que un solitario Xosé Carlos Fernandes debatese longamente cos escasos afeccionados que se lle achegaban no posto de Devir. As cifras oficiais sitúan en 92.000 o número de visitantes, o que suporía un novo récord para o evento. "Pola zona dos fanzines comentábase que este ano había moita menos xente que nos anteriores", apuntaba Mariano Casas, que viu pasar os cadro días do Saló desde o posto no que presentaba "Tourolandia". Casas tamén sinalou, ao igual que outros presentes, que a ringleiras na busca de sinaturas de autores foron tamén pequenas "este ano fallou especialmente a presenza dun autor que funcionase coma gancho, como foran outros anos Stan Lee ou Will Eisner, que tiran doutra xente".

No entanto, o impresionante número de novidades que aproveitaron para presentar as distintas editoriais, daban a impresión de estar ante unha industria que supera a súa sempiterna crise. "vexo moi ben o saló este ano, había tempo que non viña, mais a verdade é que non vexo a crise por ningures, se preguntas aos libreiros as vendas van bastante ben e semella que o problema que teñen é que non hai espazo para metelo todo" sinala Carlos Portela.

Como é habitual, un público máis preocupado pola adquisición de obras e a consecución de sinaturas deixaba case deserta a sala de conferencias excepto naqueles poucos casos en que autores de renome se achegaban ao lugar. Deste xeito, o tempo previsto para a presentación de fanzines durante a xornada de apertura do Saló foi aproveitado unicamente polos galegos de "BD Banda", que departiron longamente cos escasos asistentes. Curiosamente, e do mesmo xeito que outros anos, a presenza de fanzines foi abondosa en todo o evento, relegados coma sempre á caótica esquina do fondo onde as máis curiosas manifestacións de arte visual tiñan cabida. Continúa, polo que se puido ver, a tendencia a realizar publicacións cada vez máis achegadas ao profesional en canto a deseño, e as capas a toda cor e as tiraxes feitas en imprenta ocupan pouco a pouco o lugar das fotocopias. No entanto, á hora de falar dos contidos, podemos comprobar como na maioría dos casos, as tendencias ao humor absurdo e á experimentación gráfica que caracterizaron sempre este tipo de publicacións continúan vivos.


A nivel de organización, repetíronse as críticas doutros anos. Descoordinación á hora de reservar hoteis para convidados, autores abandonados polas mesmas editoriais que os convidaron. Como noutras ocasións foi o acto de entrega de premios o que provocou as máis amplas queixas. A idea da organización de optar por un evento exclusivo e repartir un número mínimo de entradas provocaron que un lote de xente quedase fóra do invernadoiro dos xardíns da cidadela onde tivo lugar o evento, e que mesmo varios dos premiados non se encontrasen no recinto.

Do mesmo xeito, e a pesar da coidadísima escenografía de que facían gala, a calidade das exposicións programadas foi, de novo, un dos puntos criticados do evento. Entre os galegos, e como é habitual, foron inevitábeis as comparanzas con Viñetas desde o Atlántico, concluíndose en xeral que o evento coruñés, tanto pola calidade das mostras coma polo ambiente moito máis aberto que se dá entre o público que asiste, non ten moito que envexarlle ao Saló.