Diferentes concellos galegos traballan por un desenvolvemento sostíbel aplicando a Axenda 21 Local

A nova axenda

Desde a Cidade dinamarquesa de Aalborg e do Cumio de Río de Xaneiro de 1992 saíu unha proposta para conseguir un desenvolvemento sostíbel a nivel mundial partindo de actuacións á máis pequena escala, os concellos. Máis de dez anos despois, en Galicia comézanse a ver os traballos para aplicar esta idea. É a Axenda 21 Local.

Sostenibilidade. Esa é palabra arredor do que xira a Axenda 21 Local. Este proxecto naceu do Cumio de Río de Xaneiro sobre desenvolvemento sostíbel de 1992 e pretende promover un xeito de actuar social e ecoloxicamente máis integrado a partir do ámbito máis inmediato, os concellos. Os seus principios resúmense na Carta de Aalborg, cidade de Dinamarca que acolleu en 1994 un encontro europeo sobre esta cuestión. "En principio unha Axenda 21 Local non é máis que un proxecto que tenta achegarse ao desenvolvemento sostíbel", explica Camilo Ojea, encargado desta cuestión dentro da Federación Ecoloxista Galega. A Axenda afecta a aspectos económicos, sociais e culturais das zonas pequenas, e pretende integrar estas cuestións a través do diálogo entre institucións, cidadáns e entidades de cada zona para conseguir un desenvolvemento sostíbel e mellorar a calidade de vida dos habitantes. Hai xa cinco anos que se comezou a aplicar en Galicia este plan que, aínda de xeito tímido, vaise implantando en diferentes concellos galegos.

Os pasos
A idea inicial da Axenda 21 é "ter un coñecemento mais e real da situación ambiental no concello e a relación dos diferentes axentes sociais con eses problemas", apunta Ojea. Para se integrar neste proxecto, o primeiro que ten que facer un concello é asinar a Carta de Aalborg, co que se compromete a traballar por un desenvolvemento sostíbel. O segundo paso é realizar dunha ampla auditoría que analiza a problemática ambiental e social do concello. A partir desta análise créanse uns plans de actuación sobre os problemas detectados que se concretan en dúas liñas de traballo. Por unha banda, búscase coordinar as políticas entre as diferentes administracións que actúan no territorio e mesmo dentro das diferentes seccións dunha mesma administración. "Moitas veces a concellaría de medio ambiente e a de urbanismo traballan en sentidos opostos, e hai que ter en conta que os proxectos industriais, urbanísticos e de patrimonio teñen unha compoñente ambiental", explica Ojea. Por outro lado, créanse órganos de participación específicos para que a cidadanía se implique e colabore na resolución dos problemas. "Quérense promover foros ou consellos de medio ambiente con todos os sectores sociais e económicos. Empresarios, hostaleiros, comerciantes, sindicatos, ecoloxistas ou asociacións de veciños".

Axuda profesional
A pesar de que a Axenda 21 busca promover a participación cidadá nas cuestións do concello, cuestións coma as auditorías fan inevitábel recorrer a profesionais. Deste xeito, diferentes empresas colaboran cos concellos na súa aplicación. É o caso da consultora Eptisa, que na actualidade traballa coa Mancomunidade de Ordes e co Concello de Curtis. Calisto Varela, un dos técnicos desta empresa, explica que "na maior parte dos concellos hai que explicar desde o principio o que é a Axenda 21, aínda que agora cada vez enténdese máis e vai aumentando a idea que teñen sobre isto". No seu traballo en concellos rurais, Varela detectou toda unha serie de carencias comúns. "Os problemas nos lugares nos que traballamos até o de agora son os habituais; a degradación de espazos naturais, o abandono de terras, o envellecemento da poboación, a calidade das augas dos rías e a perda de especies autóctonas e de solo fértil".

Apoios supramunicipais
Aínda que a iniciativa de aplicar a Axenda 21 corre por conta dos concellos, na actualidade existen en Galicia dous programas supramunicipais que queren animar os gobernos locais a desenvolver este tipo de medidas. Por unha banda, a Xunta puxo en marcha un programa piloto cos concellos de Ribadeo, Burela, Mondariz Balneario, Curtis, a comarca de Arnoia, a de Ordes e a Mancomunidade dos Salnés que contan con apoio económico e asesoramento para aplicar este plan. Dun xeito semellante, as sete grandes cidades do país ademais de Vilagarcía e Monforte, son apoiadas desde o Eixe Atlántico para desenvolver estas medidas. De calquera xeito, algúns concellos adoptaron xa as súas propias medidas para alén das propostas que lles chegan desta organización. Segundo explica Calisto Varela "Pontevedra demarcouse ao facer a auditoría ambiental conxuntamente co plan urbanístico, mentres que Vilagarcía integrouse na Axenda 21 da mancomunidade do Salnés". Tamén Coruña e Compostela iniciaron de xeito independente parte deste programa. "En Compostela comezou a funcionar o consello local ai xa dous anos", explica Camilo Ojea, que participou neste organismo. "pero o traballo é lento, en boa parte porque temos unha cultura participativa escasa, e hai tempo que non se convoca".

Un exemplo
En Burela teñen en marcha desde o ano 2002 a súa Axenda 21. Deste entón, e alén do diagnóstico social e ambiental, redactaron xa os plans de sostenibilidade nos campos social, económico e ambiental. Entre as necesidades que amosou o diagnóstico "detéctase a falta de solo industrial na zona", segundo explica o concelleiro Chema González. "A nivel ambiental víronse problemas de ruídos nalgunhas zonas, aínda que nada fóra do común, e algún problema de abastecemento de augas que xa coñecíamos. En canto a problemas sociais non hai nada destacábel, o informe detectou unha boa integración da comunidade caboverdiana". Na actualidade está en marcha a constitución do Foro 21 no que participan os diferentes sectores sociais. "Houbo unha primeira xuntanza en decembro e temos o día sete o plenario do foro, co que se agarda pór a traballar tres comisións que se corresponde con cada un plan de sostenibilidade." Polo de agora a participación en burela "é positiva, mais cando á xente se lle pide traballo e reunións a miúdo acaban cansando. Fai falla que os colectivos sociais vexan que nos estamos xogando o futuro do concello e que ese futuro é cousa de todos".

Problemas
A participación dos cidadáns é un dos problemas máis habituais á hora de pór en marcha este tipo de medidas en Galicia. "O maior problema que vemos á hora de aplicar todo isto e implicar a xente", explica Calisto Varela. "Moitas veces desconfíase do concello ou critícase no marco destes foros, e o interesante sería participar con iniciativa e con espírito construtivo". Por outro lado, e segundo explica Camilo Ojea, a miúdo dáse o caso de concellos que asinaron hai anos a carta de Aalborg mais que aínda non comezaron a aplicar ningunha das medidas propostas na mesma. "Agora haberá unha explosión no interese de promover Axendas 21. Hai un programa de axudas da Xunta para financiar as auditorías ambientais, mais ten un orzamento moi baixo".

O futuro
A pesar dos diferentes grados de aplicación das proposta da Axenda, en Galicia non existe aínda un só concello que conseguise superar a fase da creación dos órganos consultivos locais. Aínda que auditorías ambientais feitas en moitos dos lugares que participan nas distintas iniciativas supramunicipais, e en varios deles xa existen os plans de actuación correspondentes, faltan aínda por desenvolver as medidas concretas que garantan un desenvolvemento sostíbel nos diferentes concellos. Faltan aínda algúns anos até que poidamos ver un concello galego que cumpra os compromisos de Aalborg. Un concello de aplicase correctamente a Axenda 21 sería, segundo sinala Calisto Varela, "basicamente igual que antes, mais tería unha orientación integrada no conxunto das súas políticas". Continúa polo de agora a organización de seminarios e de cursos para dar a coñecer este proxecto, e o traballo calado en diferentes concellos buscando esas pequenas transformacións que pode mudar en boa medida a nosa vida cotiá.