Os maios enchen as prazas de Pontevedra, Ourense e Poio

Cúbrete de verde e canta

Carriza, laranxas, millo, flores, carqueixas, urces, carrabouxos e moita imaxinación. Estes son os principais ingredientes dos "Maios", as construcións vexetais que esta fin de semana encheron as prazas de Ourense, Poio, Pontevedra e Caldas de Reis para arredar de pestes, virus e males as colleitas. E, de paso, facernos rir coas súas coplas.

Cada primeiro de maio (segundo a tradición cristiá a data chega até o día 3) a vexetación sae á rúa en forma de "maio", unha construción de diferentes formas feita con elementos vexetais en función da zona na que se elabora e que pode ser enxebre ou artístico. Os "maios" xestáronse para invocar o crecemento das plantas cultivadas e para protexelas de posíbeis ameazas naturais, coma os ratos, toupas... ou os sobrenaturais, as sempre temidas meigas que cos seus poderes poden botar un "mal de ollo" á colleita.

Aínda que os maios comezaron sendo festas propiamente vexetais feitas con pequenas construcións, co paso dos anos foron incorporando bailes e coplas con carácter satírico, completando o sentido popular da festa.

A celebración hoxe
Metade tradición, metade espectáculo, varias localidades de toda Galicia festexan esta peculiar convocatoria no período que cómprente os últimos días de abril ou os primeiros de maio (en función de cando coincida o domingo no calendario).

Desde finais do século XIX e principios do XX as institucións potencian a celebración desta festa coa creación de certames. En Ourense, a festa de exaltación da vexetación celébrase desde 1909, e aínda que, segundo afirma o propio concelleiro de Cultura, José Araújo, son "tradicións que nunca se perderon na cidade, aínda que manteñen dúas variantes: unha de maios tradicionais, e outra dos artísticos, que reproducen escenas cotiás ou edificios da cidade". Ademais, o Concello insiste en recuperar esta tradición, por iso, durante o pasado mes de marzo organizou, en colaboración con varias asociacións, un "Foro dos maios". Unha serie de conferencias que recolleron opinións e teorías sobre o pasado, presente e futuro dos maios que o concello acaba de editar acaba de editar dentro da colección Auria baixo o título "Levántate, maio"

Un total de 25 maios encheron a alameda ourensá, no que había réplicas en carriza da Ponte do Milenio, do Carrabouxo, de igrexas, esculturas e situacións cotiás da cidade ou da provincia. Non faltaron as asociacións culturais "Rabo de Galo" e "As Eiroas", dous clásicos neste certame no que venceron a Asociación de veciños da Rúa do Vinte e un e o Mouchiño, na categoría de maio artístico adulto; os alumnos do colexio Padre Feijoo e o centro de ensino Guillelme Brown na categoría de maio artístico infantil. Nos apartados maios enxebres gañaron os veciños da Rúa do Vinte e un na categoría adulto e os alumnos do Colexio Concepción Areal na edición infantil.

En Pontevedra dez maios foron os encargados de engalanar a Praza da Ferraría. O vencedor foi o maio de Cerponzóns que levou o premio especial (que é o máis importante do concurso). Os maios de Pontevedra eran tradicionais, onde predominaba a habitual forma cónica. En Poio víronse 7 maios e dous máis con forma de barco, outra das estruturas tradicionais para este tipo de construcións. Os gañadores en Poio foron os grupos "Pimpín" do Sartal, "Bouréante" de A Seca e o do colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Isidora Riestra.

As orixes
Os historiadores non conseguen porse dacordo á hora de datar a da orixe dos maios. Hai quen a sitúa no Paleolítico, momento no que xorden os cultos agrarios como hai quen a sitúa no Neolítico, co nacemento da agricultura. O que si queda claro é que os maios xurdiron sempre ligados ao medio agrícola e á necesidade de crear un ritual para o crecemento das colleitas e da súa protección contra calquera tipo de mal (ben unha peste, ben un "mal de ollo").

Os maios acompáñanse habitualmente de coplas cun compoñente satírico que facían relevancia a calquera feito social que acontecese no último ano. As coplas eran recitadas por unha persoa desde dentro do propio maio, e a xente que estaba fóra replicaba coas mesmas verbas. Coas coplas acontecía igual que coas formas e os materiais de construción dos propios maios, hai moitas estruturas, figuras e variantes. O que si é igual en toda Galicia, é a relación que hai entre os maios e os nenos, que son os protagonistas destas festas.

As variantes perdidas
Manuel Murguía e Alfredo Vicente, máis tarde Xosé Filgueira Valverde, Emilio de Gregorio e Clodio González Pérez estudaron a orixe e as diferentes manifestacións populares dos maios en toda Galicia. Por iso, documentan moitas variacións hoxe completamente perdidas. É o caso das "maias", grupos de neniñas que canta, bailan e piden cunha compensacio a cambio (dábase en localidades como Betanzos ou Ferrol). Houbo un tempo no que se ergueron árbores de maio, unha tradición que consistía en cortar unha árbore do contorno e logo espetala no centro da aldea ou vila, como trunfo da vexetación. E tamén se perdeu a celebración da Santa Cruz o tres de maio, unha festa de carácter relixioso.

En varias localidades, con diferentes formas, e distintas coplas, os protagonistas dos maios este ano foron o Dona Letizia, o príncipe Felipe, Zapatero, Aznar, a guerra de Iraq e as diferentes vicisitudes da política local.


Fragmentos de dúas coplas recitadas nos maios de Ourense.