A edición en galego incrementouse nun 8,28 por cento en 1999

Publica, que algo fica

Os 1.333 títulos que se publicaron en galego en 1999 supuxeron un incremento do 8,28% respecto ó ano anterior, ademais, esta cifra sinal a que a edición no noso idioma triplicouse nos últimos dez anos. Por se fose pouco, Galicia situouse como a comunidade que rexistrou un maior incremento na súa producción editorial dentro do Estado Español.

Datos e datos
Onte coñecéronse os datos de edición en Galicia recollidos na publicación "Panorama da edición española de libros 1999" do Ministerio de Cultura. Segundo estes datos, o galego é o terceiro idioma no que máis libros se editan dentro do Estado Español, 1.333 fronte ós case sete mil en catalán e os máis de corenta e sete mil en castelán. Séguenos a pouca distancia o eskera, con 1.250 títulos e de máis lonxe o valenciaán , con 543. Dos títulos editados en 1999, 952 foron primeiras edicións, 351 reimpresións e 30 reedicións. Por xéneros, o que máis se publicou foron libros de texto (un tercio do total), seguidos de obras literarias (case un 24 por cento).


As editoriais
Máis do corente e cinco por cento dos títulos editados en 1999 foron realizados por catro editoriais. En primeiro lugar sitúase Xerais con 198 títulos, seguida por Galaxia con 1943. A Xunta é a terceira productora editorial galega, con 105 libros editados. Aínda por detrás dela sitúase a editorial Rodeira-Edebé, que sacou á rúa 103 obras.


Traduccións e páxinas

A maioría dos libros editados (537) tiñan entre 101 e 200 páxinas, seguidos polos que estaban entre as 201 e as 400 (316) e a maior distancia polos de entre 49 e 100 (217). En canto a traduccións a lingua desde a que se verqueron máis libros ó noso idioma foi o castelán, con 58 títulos, seguida do francés, con 21, o inglés con 19, o alemán con 13 e o catalán con 11.