Arqueólogos pontevedreses buscan unha das torres máis famosas da muralla da cidade

Á busca da Torre do Ouro

A ampliación do museo de Pontevedra está a ofrecer a posibilidade de rescatar parte do trazado da antiga muralla medieval de Pontevedra, da que hoxe case non existen restos na superficie da cidade. Segundo informou hoxe o Diario de Pontevedra, un equipo de doce persoas busca hoxe restos dun dos principais baluartes desta muralla, a chamada "Torre do Ouro". A torre foi construída no século XV, cando Pontevedra estaba a mercé dos cada vez máis abundantes ataques señoriais.

A recuperación do contorno




As obras de investigación arqueolóxica están sendo levadas a cabo con motivo da ampliación do Museo de Pontevedra. Os tramos da muralla descubertos están situados na porta da antiga Facultade de Belas Artes, e tamén na rúa Pai Amoedo. Os arqueólogos da empresa "Anta de Moura", encargada da prospección, cren que o torreón atópase no cruce entre a parte baixa da muralla co punto no que a construcción comeza a subir a pendente pola rúa Pai Amoedo. Hoxe confían en atopar os alicerces do torreón.





A ampliación da muralla




A práctica totalidade da muralla pontevedra está demolida na actualidade tralo proceso de ampliación da cidade no século XIX. Pero os restos arqueolóxicos que hoxe se poden atopar nos cimentos de Pontevedra lembran a relevancia da cidade na época medieval.



A cidade fora fundada por Fernando II no século XIII. No seu núcleo orixinal xa contaba cunha muralla de aproximadamente 650 mts. de longo. A muralla foi ampliada tres veces ó longo de toda a idade media para dar cabida á numerosa poboación de mariñeiros e mercaderes que comezaba a ter a cidade e poder conseguir maior espacio para a celebración das feiras reais, un dos máis importantes motores do crecemento económico medieval .