A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil celebra con varias actividades o Día internacional do Libro Infantil

Pequena grande literatura

Coincidindo coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, que mañá 2 de abril cumpriría 199 anos, celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro Infantil. A iniciativa, que parte da organización internacional IBBY (International Board on Books for Young People), é recollida por GALIX que o celebra con varias actividades. Os actos comezarán coa presentación, o mesmo día ás 10:30 no Centro Comercial Compostela, do volume “ Cuac! Quac! Kuak!”, unha edición non venal que recolle versións do conto “O patiño feo”, de Andersen realizadas por escritores dos ámbitos castelán, catalán, galego e vasco elixidos por sorteo. O libro, no que a versión galega é de Palmira G. Boullosa, regalaráselle aos asistentes e distribuirase por colexios e bibliotecas. Está tamén prevista a visita de escritores e ilustradores polas dependencias do Hospital Clínico de Santiago, O Xeral-Cíes de Vigo ou o Materno de Lugo, para agasallar aos nenos ingresados con libros asinados por eles. Para esta actividade cóntase coa presenza de Paula Carballeira, Ramón Caride, Lourdes Maceiras, Xosé A. Perozo e Fausto no Clínico de Santiago; Antonio García Teijeiro, Elvira Pérez, Kiko Dasilva e Mª Fe Quesada, en Vigo e Noemí López e Antonio Reigosa en Lugo. A editorial Ir Indo únese ás celebracións coa publicación dos libros “Cóntame un conto, Alfonsiño”, de Rosario Miloro, e “O cabalo ceibe” de Xosé Lois Ripalda, dentro da coleción Elefante Contacontos.