Ferrol conmemora esta fin de semana os 201 anos da batalla de Brión

Facer a guerra en paz

O 25 de agosto do ano 1800 unha flota inglesa apareceu nas proximidades de Ferrol e realizou un desembarco na praia de Doniños, tomando os castelos desta praia e de San Xurxo. Os civís da zona, con apoio das escasas tropas dispoñibles naquel entón, enfrontáronse ós ingleses e, logo de dous días de intensos combates, véncenos e acaban de reembarcar. Ferrol rememora esta fin de semana os 201 anos desta xesta.

É a guerra





Ferrol conmemorará esta fin de semana a victoria sobre os ingleses na batalla de Brión en 1800. Os actos previstos comprenden un desfile con uniformes da época ata o Baluarte de San Xoan, onde se realizará unha ofrenda ós caídos no combate e se realizará un alarde de disparos. Máis adiante contnuarase ata o castelo de San Felipe, un dos epicentros da batalla, onde se alzará a bandeira do concello e terá lugar unha breve representación do asalto á fortaleza. Durante o combate real, esta fortaleza foi sitiada ata tres veces por catro mil ingleses que só foron vencidos con grandes dificultades. Estes actos, que foron organizados pola Asociación Batalla de Brión e o Concello de Ferrol, contarán coa presencia da asociación Royal Green Jackets da Coruña, que organiza todos os anos a reconstrucción da batalla de Elviña nesa cidade.



















Indo de marcha




Para o domingo, e continuando coas conmemoracións, o Club Montaña Ferrol organiza a XII edición da ruta histórica que percorre os principais escenarios da batalla. Na ruta, que ten un percorrido de doce quilómetros, haberá participantes ataviados con bandeiras e motivos británicos e outros que levarán as roupas típicas dos campesiños do século XIX. Ó rematar o paseo, cara ás dúas da tarde, celebrarase o combate entre uns e outros, realizando despois a tradicional comida campestre. Tamén se entregará o premio ó inglés máis combativo, galardón consistente nun mallo e instituído en 1996. A participación nesta marcha foi medrando de ano en ano, pasando dos setenta e cinco participantes de 1990 ós máis de mil da edición do ano pasado, cando se celebrou o segundo centenario da batalla e foron máis de mil os participantes. O Concello xa anunciou a súa intención de pór a disposición dos cidadáns lanchas gratuitas para seguir estes actos.