A Prehistoria de actualidade a través dunha mostra e dunha escola obradroiro

Prehistoria por todas partes

A Prehistoria galega achégase á actualidade esta semana mediante dúas actividades que pretenden afondar na divulgación da vida neste período. Por unha banda o Museo do Pobo Galego vén de inaugurar unha mostra sobre os traballos artesáns na época castrexa cos utensilios atopados no Castro de Viladonga. Pola outra, desde Ribeira chéganos a novidosa iniciativa dunha escola obradoiro que vén de pór en marcha un área de arqueoloxía.

O traballo dos castrexos





O Museo do Pobo Galego acolle desde mañá a exposición "Os traballos artesáns no Castro de Viladonga", que recolle, a través dos intrumentos atopados neste castro, o xeito de vida dos seus poboadores. Así poden verse desde as materias primas coas que traballaban os castrexos, coma a pedra, o coiro ou o metal, ata os traballos que elaboraban en orivería, carpintería ou tecido. Ademais desta mostra, o Mueso do Pobo acolle desde hoxe a mostra "Un berro contra a intolerancia". Oitenta e cinco artistas de todo o Estado, entre os que se atopan dezasete galegos, cederon a súa obra coa fin de combatir a xenofobia. A mostra, de carácter itinerante, poderá verse ata o día vinteseis deste mes.



















Construíndo vías romanas



Nada menos que corenta e cinco alumnos das áreas de xardinería, cantería e albanelería da Escola Taller Illa de Sagres de Ribeira están a traballar no acondicionamento do parque de San Roque coma un recinto temático sobre arqueoloxía. A idea é que estes alumnos reproduzan construccións de diferentes épocas históricas. Así, xa existe un dólmen e unha construcción castrexa, e en breve comezaranse varios petroglifos, un teatro, un circo, unha ponte e unha calzada romana, ademais de varios menhires e a fachada dunha capela medieval. A medio prazo prevese a construcción dun centro de intepretación que funcione como aula didáctica e museística, e dun invernadoiro que sirva para repoboar a zona e como aula de educación ambiental. O proxecto, que se prevé remate nun prazo de dous anos, pretende servir de dinamizador económico e cultural para a comarca. Ademais do parque en si, o Concello de Ribeira prevé organizar unhas xornadas sobre rutas arqueolóxicas nas que se mesture o interese pola historia co goze das rutas pola natureza, a pé ou en bicicleta.