A Universidade de Santiago celebra o centenario da Biblioteca América cunha homenaxe ao seu creador

América, que preto estás

Libros para unir Galicia e América. Hai cen anos Gumersindo Busto Villanueva (1872-1937) iniciou unha tarefa titánica, crear unha universidade hispanoamericana, vencellada á de Santiago e unha biblioteca de fondos latinoamericanos. A universidade foi un soño inalcanzábel, mentres que o da biblioteca foi un desexo máis próximo, que acabou por converterse en realidade. É a biblioteca América.

A historia da Biblioteca América pasa inexorabelmente por ser a historia dos desexos do emigrante Gumersindo Busto. Nado en Santiago de Compostela en 1872, Gumersindo quixo estreitar lazos entre Galicia e o continente americano ao que emigrara de novo, a través do coñecemento da súa historia e doutras manifestacións culturais. Comeza así unha serie de contactos con todas aquelas persoas que, dalgunha maneira puidesen impulsar os seus proxectos. Na súa mente, moito máis ambiciosa, concibía dúas ideas: por unha banda a creación dunha Universidade Libre Hispanoamericana, mentres que, do outro lado unha biblioteca. É así como naceu a Biblioteca América.

Cadea de favores
Gumersindo comezou o seu traballo solicitando volumes a aquelas persoas que tiña máis próximo, os seus amigos. E estes convenceron á súa vez aos seus amigos, e así sucesivamente. No 1904 enviou a primeira circular informativa, na que expresa claramente o seu propósito "a Biblioteca América ten como obxecto difundir en España a cultura americana e cooperar na confraternidade dos nosos pobos de común orixe". Cinco anos máis tarde o Ministerio de Instrución Pública de España outorgou a carta de validez a este centro que se instalou inicialmente, na actual Facultade de Historia, en pleno centro compostelán. Aínda así, a inauguración pública e oficial da biblioteca non se fixo até o 1926.

A historia da biblioteca ten tamén outras datas. En 1913, sendo consciente que non vai a durar eternamente, decide constituír unha comisión protectora da biblioteca en Bos Aires, encargada de coordinar o centro ao seu falecemento, que se produciu en 1937.

A historia nos libros
Particulares, gobernos, institucións, empresas... conforman a multidisciplinar orixe do fondo bibliográfico que atesoura a biblioteca. Libros que foron chegando ben á casa do propio Gumersindo, ben á propia sede. A día de hoxe, a biblioteca conta con máis de 20.000 volumes e 2.000 publicacións periódicas, unha cifra nada desdeñosa, que destaca pola súa heteroxeneidade. Libros antigos, novos, públicos, privados, cada libro ten unha historia ben diferente, pero que conta a historia de América.

Ademais, o fluxo de chegada dos libros xa foi marcando a propia historia da relación do continente americano con Galicia. A idea da biblioteca foi moi ben acollida entre o colectivo de emigrantes e tivo un ritmo de recepción de libros moi bo nos seus primeiros anos. A partires do estoupido da guerra civil e a conseguinte decadencia dos fluxos migratorios a América foron os detonantes da caída da recepción de fondos por parte do centro.


Cen anos que celebrar
O centenario da Biblioteca América, instalada nas dependencias do Pazo de Fonseca desde a década dos oitenta, non quere pasar desapercibido dentro neste 2004. E un dos principais actos de celebración da efeméride é unha exposición que sirva para dar a coñecer o empeño de Busto. A exposición leva por título "100 anos da Biblioteca América" que dará a coñecer o seu fondo bibliográfico, museístico e cultural conxugando os soportes expositivos máis tradicionais cunha oferta interactiva. Ademais editarase un libro-catalogo conmemorativo do centenario e se desenvolverá un amplo
programa de difusión cultural, articulado a través de conferencias e mesas redondas sobre a Biblioteca América. Pero non é o único acto preparado, a Biblioteca América conta desde hai anos cun grupo de investigación, que prepara tanto unha nova catalogación dos fondos así como a busca dos descendentes de Bustos.